República Independente ...por un día




unha vista da Arousa por aqueles anos
UN dos episodios mais sorprendentes acontecidos na Illa, que fica marcado xa na nosa historia coma unha xoia do xenio das nosas xentes, foi o acontecido  nos  treboentos  e  alborotados tempos da II República Española, coa proclamación o 7 de Outubro do 1934 da  "República Federal da Illa de Arousa", sucesos que imos relatar procurando interpretalos axeitadamente dentro daquél complicado escenàrio.




OS PRECEDENTES:       No ano 1934, os partidos republicanos non concordaban coa orientación que tomaba a República, pois debido ás fortes presións das dereitas, o Goberno viña derivando cara a un estado cada vez mais represor ó tempo que fuxía das arelas iniciais de reformismo social, descentralización e federalismo que se esvaecían có paso do tempo, polo que neste clima de descontento os sindicatos cursan ordes de folga xeral en toda España, cesando tódalas actividades nas principais capitais o día 5 de Outubro.

Relacionado con esta atmósfera de desaprobación social, a Agrupación Local do Partido Socialista da Illa de Arousa convoca unha asemblea sometendo a votación a celebración dunha folga xeral para o luns día 8 de outubro, como protesta polos métodos e condicións de traballo, principalmente nas fábricas de conserva. Nesta asemblea non se tomou aínda a decisión, pois existía o temor a que se desencadeasen accións violentas, e non era éste o desexo dos convocantes.

Porén, a decisión tómase o domingo día 7, ó se coñecer os altercados de Asturias e as manifestacións en Madrid organizadas pola “Falange” convocándose a folga xeral na Arousa para o día 8 coas seguintes instruccións por parte do presidente dos socialistas, José Búa: “...con non deixar ir ás mulleres á fábrica  chega. Non é preciso nin pedradas nos cristais, nin tirar os efectos das empresas...”, palabras que non deixan lugar a dúbidas sobre a intención pacífica da convocatoria.


Juanito de Luisa na súa taberna do Nicho
A PROCLAMACIÓN DE INDEPENDENCIA:
A decisión estaba tomada, así que, concluída a asemblea, os asistentes rematan o día na taberna de Juanito de Luísa, “O Nicho”, onde entre a quentura do debate político, e a axuda dalgunha que outra chiquita de viño, disque o propio taberneiro  lanzou a audaz proposta da proclamación da "República Federal da Illa de Arousa", remedando o acontecido en Catalunya coa proclamación do Estat Catalá por Luis Companys, e argumentando para tan drástico desenlace os agravios sufridos polo pobo Carcamán, consecuencia do secular abandono ó que xa daquela se atopaban sometidos e esquecidos dende sempre por todalas institucións, prendendo neles deste xeito a mecha das ansias liberadoras no medio das rondas de "viñaso" coas que regaban xenerosamente o enxebre evento, sendo de supor que có agrado da caixa rexistradora do apaixoado anfitrión.

Por aclamación popular da “acalorada”e entusiasmada audiencia, a proposta resultou aprobada, polo que Segundo Nine, outro dos destacados asistentes ó histórico momento, colleu un anaco de papel de estraza do mostrador e preparou lixeiriño a lista có Goberno Provisional do recén creado Estado Arousán,  lista da que por desgraza non se conserva copia, aínda que se coñecen algúns dos nomeamentos:

PRESIDENTE: Santiago Otero Pouso “Pajares”; XUSTIZA: Andrés Mougán Cores “Tormenta”; GOBERNACIÓN: Manuel Iglesias Dios; FACENDA: Demetrio Ramos Lojo; CULTURA: Luis de Saa Bravo.
"solemne" Proclamación de Independencia na taberna do Nicho, o 7-10-1934

Pouco adiviñaban os flamantes “deputados constituíntes” do neonato Estado Independente a evolución que iban a coller os acontecementos, coas desproporcionadas actuacións coas que as autoridades ían reprimir este inofensivo evento típicamente tabernario, elevándoo á categoría de conspiración secesionista froito das pantasmas que as autoridades xa albiscaban por tódolos currunchos ante o apodrecemento da situación política que se estaba a experimentar nos últimos tempos no país.


A RESPOSTA DA AUTORIDADE:
Ó abrente do día da folga, 8 de Outubro, prodúcese o estoupido dunha bomba, preto (casualidade?) da ferretería propiedade de José Búa no Cruceiro, sen que se chegase a coñecer ós autores do atentado e provocando que á media mañá arribara ó Cantiño, -que aínda non tiña peirao- o gardacostas “Apal” cunha dotación de Gardas de Asalto disposta a poñer freo a tanto atrevimento por parte dos audaces Carcamáns o día anerior.

Guardia de Asalto e G.Civil durante un rexistro
Antes de desembarcar en terra, os Gardas comezan a disparar ó aire “para despejar el Cantiño, que se hallaba invadido de isleños” (xornal Galicia Nueva, de Vilagarcía) podendo comprobar unha vez en terra que o paro na Illa era completo, os mariñeiros quedaran en terra e nas fábricas de conserva a actividade era nula.

Oficialmente asegurouse que estas accións das forzas de seguridade formaban parte dunha especie de “rutina” de control en tódolos pobos da zona con motivo da folga xeral. Porén, polas súas esaxeradas accións na Illa esa versión semella mais ben un pretexto para a represión, pois non entraran en todolos pobos e aldeas da zona “a tiro limpo” nin fixeran cacheos ós habitantes como fixeron na Arousa, buscando persoas concretas entre os veciños. A explicación mais lóxica foi aquela que os nosos paisanos sabían e gardaban para sí, pois estes gardas de asalto desembarcaron na Illa coñecedores xa da famosa lista e buscando e prendendo ós que puderon, sospeitando que tal información fora facilitada por certos elementos falanxistas entre os propios veciños, coñecedores como eran do evento da reunión do Nicho.

          Pois ben, o resultado foi que como consecuencia deses cacheos, atoparon no peto de Segundo Nine o xa mítico papel de estraza coa lista do Goberno Provisional, polo que inmediatamente detuvéronos a él e a doce mais. Froito desta orxía represiva, ata foron arrestados os campaneiros que durante a mañán tocaron as campás da Igrexa para convocar ós veciños, asegurando as autoridades que o fixeran para denunciar as detencións que se estaban a producir, infundio coma aqueloutro que se estendeu e que con algún interés oculto se deixou caer, como fora o de que "se  asaran sardiñas no altar da Igrexa", cousa que nunca foi confirmada, pero que, fose ou non fose certa, era aproveitada polos mesmos de antes, semellando a busca dunha excusa que dalgún xeito os autorizase a levar a termo os terribles actos dun par de anos mais tarde, amparados polo poder fascista durante a guerra civil.  Para rematar a actuación, tódolos arrestados foron conducidos ó embarcadoiro do Faro, e trasladados a Vilanova no gardacostas “Tritón”, e dalí a Pontevedra nun camión da propia Garda de Asalto.

Gardapesca "Contramaestre Castelló"
Semellaba que o asunto quedaba conxurado, mais a historia non rematou aínda, pois ó día seguinte, martes-9 de outubro estoupa no Regueiro outra bomba de anónimo autor provocando que o mercores-10 voltara o xa coñecido “Tritón” esta vez acompañado polo gardacostas “Castelló”. As forzas adícanse a rexistrar as casas de moitos veciños buscando uns cargamentos de explosivos procedentes de Portugal dos que recelaban que foran camuflados no medio da leña que daquela traían embarcada dende Cesures e Catoira para as fábricas da Illa.

Aínda que os rexistros non deron resultado positivo, as consecuencias desta nova "visita" foron novos arrestos, entre os que agora figuraba o Presidente da República Arousán, “Pajares” que durante o primeiro asalto agochouse por medo ás represalias, entregándose voluntariamente agora ós gardas por considerar que non cometera delicto ningún.

De tódolos xeitos, o sábado 13 de Outubro tódolos detidos foron postos en liberdade, có que o asunto non collería xa mais erráticas evolucións, polo menos de xeito inmediato, polo que aquí remataron os feitos acontecidos, ós que sigueu a correspondente:


A INSTRUCCION XUDICIAL:
Para nonos estender excesivamente có relato, cabe por último destacar o penoso papel exercido polo daquela Alcalde de Vilanova, D.Aurelio Mouriño nun escrito no que responde de xeito verdadeiramente infame á solicitude de información por parte do Xuiz Instructor da causa, exercendo a modo de “informador” sobre as ideas políticas (ollo, non actividades delictivas, senon ideas políticas) de algúns dos veciños involucrados nos sucesos. Sirva o seguinte extracto de exemplo:

Santiago Otero Pouso "Pajares"

José Búa Laredo
“... José Búa de profesión albañil se dedica continuamente a sembrar ideas comunistas.
Santiago Otero (a) Pajares que hace poco llegó de America hace profesión de ideas extremistas que aconsejan a sus convecinos...
(segue a lista) ...se significan constantemente como propagandistas de ideas comunistas de las que hacen alarde...”  

Resulta evidente que no mundo de hoxe sería inconcebible que os responsables dunha institucion pública se adicasen a proporcionar información persoal tan subxectiva e sensible sobre as actividades privadas ou ideas persoais de calquera veciño. Pero en fin, aquel era o mundo que era, e xa coñecemos como por desgraza rematou.

Dous capitáns de artillería foron os encargados da defensa dos acusados no consello de guerra do 3 de marzo do 1935 na Escola Naval de Marín, xuizo que rematou có sobreseimento definitivo da causa.

Ata aquí chegamos con esta nova aprosimación a estes remarcables feitos que aconteceron nunha complicada época de grandes transformacións sociais ós que a nosa Illa non foi allea, e aínda foi quén de lle imprimir unha identidade diferenciada á historia, o que consideramos que, sexa cal sexa o punto de vista dende o que se mire, debería enorgullecernos a todos por se tratar dese xeito de conducirnos tan peculiar ás veces, có que para ben ou para mal, continuamos a guiar á nosa comunidade cara ó futuro.


Fin.     O noso agradecemento pandulleiro a Xoan Dopico e Xosé Lois Vila pola impagable fonte de información da que nos proveen no seu libro “Historia da Illa de Arousa” que foi no que se cimentou este relato o cal agardamos que alomenos resultase levadeiro pra quén tuvo o mérito chegar ata éste remate final.



Creatividade en Plástico Reciclado


     IMOS facer hoxe unha pequena reportaxe sobre Benito Iglesias ( aproveitando que xa dominamos a estas alturas os alcumes da Arousa, identificarémolo como Benito da Chabola).

      Benito é un veciño do nóso Pobo que botou moitos anos traballando nas Canarias e xa hai algúns que voltou, vivindo na actualidade afincado en León, a terra da súa esposa Pili, cecais por iso algúns dos mais novos nono teñan aínda recoñecido.
      Por ser amigos dende a infancia, xa hai moitos anos que coñecía algunhas das habilidades manuais de Benito, como a de facer dorniñas de madeira, incursións na acuarela, no debuxo, e outras, mais hai uns poucos anos comezou a amosar unha nova actividade creativa coa que está colleitando un considerable éxito alén da Illa tamén.

       Para os que aínda non coñecen o seu traballo, debemos asegurar que un dos calificativos que espontáneamente lle veñen a un á cabeza, é o de "sorprendente" pola natureza da materia prima da que se vale para a súa execución, pois trátase nada menos que da utilización de bolsas de plástico desbotables, que escolle coas distintas cores que para cada traballo precisa, rematando eses murais cós que nos agasalla de cando en vez, e que reflexan na meirande parte das veces esceas da contorna e das paisaxes da nosa Illa, monumentos, construccións, actividade humán ou mesmo as costumes e tradicións do pobo Carcamán.
      Ó carón destas mesmas liñas amosamos tres deles, que aínda que son só unha mínima parte, cremos que axudan a un achegamento ó traballo do autor.

     Todo isto é para nós motivo de orgullo e por iso queremos aproveitar este medio para lle dar a xusta consideración que merece, por abrir ese escaparate ó exterior có que sin dúbida  dalle unha nova dimensión a iso que neste blog chamamos “Xenio Carcamán” có que precisamente tentamos describir todas esas actitudes que definen o nóso carácter Arousán.

     Para que poidades comprobar todo canto vimos de vos contar, e para que os que aínda non coñecían estes bonitos traballos poidan comezar a desfrutar deles, aí vos poñemos un vídeo cunha escolla dalgúns, no cal coidamos que presenta as cualidades descritas:


     Ben, pola nosa banda cremos que xa fixemos unha achega bastante concisa destes traballos de Benito, así que chegados a este punto coidamos que é bén interesante que él mesmo nos explique un pouco as súas inquedanzas e experiencias coas súas exposicións e traballos, así que lle imos facer unhas pouquiñas preguntas.

P: Quixeramos que nos contases a túa experiencia cós murais plásticos e a acollida que atopas na xente. R: "de momento o que mais se comenta sobre o meu traballo cos plasticos e que e moi orixinal ademais de outras moitas ventaxas que ofrece o material."
P: E cáles son esas ventaxas? R: "É barato, gran movilidade debido ó seu escaso peso (ben encartado, cabe perfectamente nunha bolsa da compra e o seu peso non chega nin ós dous kgs.). Ademais e lavable e incluso coas fontes de luz debidamente colocadas ofrece posibilidades de observación con efectos en 3D."
P: Agora cóntanos de que xeito naceu a idea desto: "R: pois naceu de facer teatro e o ver que os materiales se deterioraban pensei no plastico pola sua resistencia, facil manexo, e almacenaxe."
P: E qué posibilidades lle ves nun futuro próximo a esta técnica? R: "Pola miña parte moitas, xa que como pionero sei que aínda hay moito que investigar pero podemola usar en actividades ó aire libre, coma festas populares ou eventos publicos, desde concertos a acontecementos deportivos, poñendo en cada caso o mural có motivo mais axeitado."
P: Sí, iso vímolo no vídeo dos murales. Tés agora mesmo en proxecto algún novo mural? R: "Pois xusto agora non, pero estou pendiente da Diputacion de Leon, que amosou interes en coñecer este material e facer algunhas probas cos que xa teño feitos. Ademais teño un problema de espacio físico que teño que solucionar para poder seguir."

     En fin, que a pesares dos atrancos que van aparecendo no camiño, o nóso home continúa coa súa laboura, pois según él mesmo asevera son moitas as satisfaccións que recibe por mor dela, como non pode ser doutro xeito -engadimos nós- cando as cousas se fán coa pasión artística que él demostra.

     ANTES de rematar, crémos que éste é un punto moi acaído para falar un pouco doutra vertente creativa de Benito Iglesias que xa a temos mentado ó escomezo deste artigo, como son os seus debuxos -aínda que non é do que él precisamente mais presume- , e na que tamén amosa un xeito moi particular como se pode ver nesta pequena escolma que poñemos ó carón ilustrando estas líñas.


     Na miña opinión o mais sorprendente a súa habilidade para recrear neles un entorno que retrata axeitadamente a mensaxe que quere dar, sin usar para isto ningún texto que nos oriente na interpretación do grabado, e inducindo deste xeito a imaxinación ou incluso a fantasía de dito observador.

Uns debuxos que, como decimos, crémos que están cheos de creatividade e mensaxe.
     Por último, temos que dicir que, por sorte para o noso grupo de Pandulleiros, a Benito “témolo de man” para que nos axude na ilustración dos artigos que vaiamos publicando neste blog, algúns dos cales xa foron publicados, e outros xa os temos subido á rede en algún que outro medio, coma este sobre a importantísima excavación arqueolóxica do Monte do Castro, en Besomaño-Ribadumia có que aproveitamos para enlazar tamén coa vertente histórica dos nosos traballos que tamén seguiremos publicando por aquí:


      FINALMENTE, só nos queda decir que contamos con Benito para, nunha prósima oportunidade poder facer outro achegamento á súa actividade no que teñamos que engadir novos traballos e eventos... será ó cabo, unha actualización onde podamos recoller unha nova evolución deste creador e innovador Carcamán. Polo momento só nos resta desexarlle que os Deuses Carcamáns lle sexan o mais favorables posible, polo menos ata esa nova oportunidade.
... O noso agradecemento tamén ós que tuveron a santa pacencia de ler esta reportaxe ata eiquí, que é unha cousa de moito moito mérito. Un saúdo pandulleiro a todos.






Alcumes da Illa de Arousa


Coa licencia e cumprimentos debidos recollemos o testigo deixado pola nosa amiga Helena a propósito do seu estupendo traballo no blog “Na Illa” de rexistro e inventario dos alcumes cós que os Carcamáns nos vimos “agasallando” mutuamente dende sempre, e que tanto axudan a enriquecer a convivencia e idiosincrasia da nosa comunidade. Grazas Helena, agardamos que sexa do teu agrado este novo pulo que tentamos darlle á túa idea.

alcumes da Arousa

Como poderedes ver xa temos coma area deles, pero semellan un pouquiño orfos así, únicamente pendurados nunha fría lista, polo que áparte de seguir incorporando novas entradas, ocórresenos que sería moi interesante que os foramos completando engadíndolle árrente de cada alcume a súa historia particular, ben sexa recuperando a súa orixe, algún conto, ou calquera curiosidade relacionada, que de seguro hai moitas “voando” por aí...

Cremos que isto contribuiría a enriquecer este proxecto facéndoo si acaso un pouco mais divertido...
Na procura dese divertimento puxemos tamén os enxebres debuxos do noso colaborador e amigo Benito Iglesias representando algúns destes alcumes ben coñecidos por todos, traballo que fondamente agradecemos ó autor, e dos que recomendamos unha “navegación” minuciosa polo seu contido, por si se atopa algunha sorpresa inesperada...

En fin, que estamos certos de que aínda faltan moitas entradas nesta xa longa colección, así que gostaríamos da colaboración de todos a traveso dos comentarios para que xuntos a vaiamos completando, o que por adiantado agradecemos.

Un saúdo pandulleiro a tódolos Carcamáns, e velaí vai a listaxe...


-A- ABILLEIRA (da); ABUELO; ADELAIDA (de); ACEIRO; AGHUSTINA-DE-ARAGHON; ALBAÑIL (do); ALBORADA;
ALBORIOS (OS): Un dia dixeronlle o pai, eres grande coma un Alborio, e asi lle quedou a el e os fillos.
ALEMAN (O); AMALIA (de); ARNEIRON; AROUSA; ARTES (de); ARTISTA; ASTURIAN; AYALA;
-B- BABOSO; BAILA CÓ CAN; BALÁN; BALEIRO/A; BARACA; BARBAS; 
BARBORECHA: nome de paxaro, ferreiriño real.
BARETA; BARRERAS; BARROS (de); BARTULA/O; BAUTISTA; BERRECHO; BIEITA; BIQUETE; BOCA DE RAIA; BOCA GRANDE (de); BOCADILLO (O); BOLONA; BORIA; BORRACHO; BRIGIDA (DE); BRUXO; BUQUE (o);
BURATOS NO CÚ: tamén existe a variante "Buratiño no cu".
BURÉ; BURRA (da); BUSCAMANADAS;
-C- CABESA DE MISTO; CABESA DE OURO; CABESA DE PORRÓN; CABESA TORTA; CABESÓN; CABIRTO; CABO DA CRUZ; CACÁ (de); CACHACHA; CACHALOTE; CACHARRETA;
CACHÉ: Tén a súa orixe nunha broma dos amigos de Manolo o Tuquiño a propósito dos irmáns "Caché" que eran de Catoira e que xogaron no Céltiga na década dos 80. Polo menos pasou ó fillo mais vello.
CACHERÍA; CACHERUDO; CACHIÑAS; CACHOLO;
CACHOPO: Aínda que para nós é mais coñecido polo nome do bar, o  apodo parece ser que xa tén mais de cen anos, polo que xa vén dos antepasados do defunto de Ramón o Cachopo. Tamén existe o apodo "Cachopa", pronunciado coa "o" aberta, referido a outra xente diferente á anterior.
CACHORRO; CADELO; CÁDIZ; CADÓRNIGA; CAEIRO/A;
CAJANORTE: tamén existen as variantes Cagha na horta e cagha norta.
CAJA PEIDIÑOS; CAJALLÓN/A; CAJOÑANA; CAÍÑO; CALECO; CALDEIRADA; CAMARIÑAS; CAMAXIÑAS; CAMBADÉS; CAMBADOS; CAMISETA;
CAMOUCO: alcume que lle foi dado a un veciño, cando indo para Vigo lle chamou a un con "camouco". Segundo o seu neto Moncho o Camouco, un camouco é un con grande que vela (non queda tapado) nas mareas vivas.
CAMPANEIRO; CAMPECHANO; CAMPEÓN;
CAMPIÑO: apodo tomado do nome do bar familiar.;
CAMPOSANTOS; CAMULO; 
CANALEJAS; Ten a orixe nun buque cañonero da guerra civil do bando nacional e como o aludido tiña un rango militar pois e probable que lle chamasen por ese motivo 
CANARIO; CANCELA (da); CANGALLO; CANGRENA; CANON; CANTANAIGHLESIA; CANTEIRÁNS; CANTEIROS (Os); CANTINA (DA);  CAÑITAS; CAÑÓN;  CAÑOTO; CAPILLERA; CAPITAN; CAPRICHO/A; CARACOLA; CARALLADA; CARALLOS (dos); CARBURO; CARDIÑA (A);  CARETAS; CARIÑOSO/A; CARIOCA; CARLOTA (de); CARME DE LUTO (de); CARMUEJA; CAROLINA (de); CAROLADA (da); CARRÁN/A; CARRANDÁN; CARREIRÁN; CARREÑO; CARRETERA (DA); CARRILEÑA; CARRILLO; CARROUCHEIRA; CARTAGENA; CARTAROLA; CARTEIRO; CARTUCHA; CASANOVA; CASICO; CASTELO; CASULA; CATAÑÉ; CATARRO Ó CÚ; CEBOLA; CAXONA; CELIA (de); COBAS (de); COBECHO; COITELO (O); COLÓN; COMOXO; COMPAÑERO; CONÁN; CONEXO/A; CONS (dos); CONTRAMESTRE; CORAL; CORASÓN DE VACA; CORCOÑO/A; CORDOBÉS;
CORÓN; CORONA; Teñen a súa orixe no veciño pobo homónimo en Vilanova, e puxéronllo a Manolo e a Lola porque a súa nai era orixinaria dalí.
CORRE QUE CHOVE; CORTA TETAS; CORUÑA; CORVO; COSCÓS; COSTILLA; COTANXO;
COTELO;  Ó Sr. Juan o Cotelo faltabanlle varios dedos dunha man que os perdeu na guerra, daí o alcume que lle quedou.
COXO; CRIADO/A; CRUDA; CUALDA; CUBANO; CUICO; CULLEREIRA; CUNCHA; CURRÁS (de); CURUXO/A; CUSCULA; CUSPIENDA
alcumes-1 Benito Iglesias
 
-CH- CHABOLEIRO/A; CHALEQUES; CHAMACO;  CHAMEIRA; CHANA; CHARRONI; CHAROL; CHATO; CHASQUIÑO; CHEÍÑO; CHEPA; CHICA-DE-BOIRO; CHICA-POSAS;

CHIN CHIN; Parece que llo puxo seu pai, de cando se  ía pescar con TNT o estoupido oiase algo así como "shin-shin" e o preguntarlle que era eso que se oia o pai acabou por chamarlle así.
CHINO; CHICHIRICA; CHIÑA; CHIÑO; CHIQUITA; CHIRIVITA; CHISPA; CHOCO/A; CHOIADA; CHOLA; CHOPO; 
CHOULO; cando tiña 10 anos na pasantia do vran que daba Segundito o lado da fabrica de Alipio un dia Segundito xogando comigo nunha rede que tiña detras da mesa estaba eu sentado encima del e dixome "sacate xa que eres mais pesado que un chouriso no estomago", e todos que estaban na pasantia pois choulo pahi choulo pahla. 
CHOUPAN/A; CHOUSA; CHUCARRIA; CHULAS; CHULO; CHURRERO;
-D- DELIA (de); DOCTOR; 
-E- ELISA (de); EMBUSCA; ENCARNADIÑO; EPI; ESCAMEIRA; ESCORA; ESCORDADO; ESPAÑOL; ESPIÑEIRO (de); ESQUELETO; ESTRUCHA;
-F- FALDRÁN; FANXÓN; FARO (do); FARRAPOS; FARRUCO; 

FEITIÑO; Seica era un home moi ben parecido, rubio e de ollos verdes, e daí lle ven o apodo, (seguramente posto por algunha moza da época). 
FERREIRIÑO; FERREIRO/A;
FERROLLA; O alcume parece que deriva do apelido orixinal da familia, que era "Ferrol"
FERVENSA; FINA (de); FISTERRÁN; FLECHA; FLOR DE TOXO; FODECADELAS; FODE DE PÉ; FOJETEIRO; FOJONERO; FONFONA;
FORMIJA (da); Puxéronlle este alcume a unha veciña porque era moi pequeniña, e ó entrar na taberna colábase entre a xente e non se vía. 
FORSUDO; FRANSÉS; FRATELO; FURABOLOS; FURIA; FURÓN/A;
-G- GARDEL; GHALO PILRADO; GHALVAO; GHARBOSA; GHANSOMINA; GHASPETA; GHATUNO; GENARIÑO; GHITARRISTA; GHOBERNO (do); GHODOS; GHRADÍN; GHRASIA (de); GHUARDIÁN; GORDIÑO/A; GRAÑOLA; GUERINI; 
-H- HELADERO; HOMIÑO DO TEMPO; 
-J- JABÁN; JALATEA; JALIÑA; JALISCO; JANOFA; JANXOIA; JARAMILLO; JASÁN; JASIOSAS (DAS); JEMELA; JOMEINI; JOLO/A; JOJÓ; JOUCHO; JUAPO/A; JUDAS; JUESO; 
-K- KARATECA;
-L- LABORA; LAPIDO; LAROTE; LARÚ; LAXES (das); LAXIÑAS; LEGRÁ; LERIO; LOLO BARRERAS; LORCHIÑO; LORITO; LOROLA; LOUSAME; LUGHESA; LURA;   
-M- MACHADAS; MACHICHAS; MACHOTE; MAGHEIRA; MALA SUERTE; MAMPORRO; MANASCA;
MANCHADO: o alcume orixinal recibiuno o sr. Francisco, que tiña unha mancha conxénita na cara. Logo, herdaron o apodo os seus fillos.
MANGURRILLA; MANUELIÑO (de); MARICÓN; MARIÑEIRO; MARQUÉS/A; MARTIÑÁN; MASCATO; MASQUÍN; MATAPAN; MATUTE; MECO/A; MELALLO; MELENAS; 
MERDA PA ÉL: Parece ser que nun principio foi “merda pa mín”, porque era unha frase que sempre tiña na boca, pero cando a xente quería falar del, non lle gustaba moito dicilo en primeira persoa, e cambeouno polo que lle quedou.
MEXA GHATIÑOS: o home que recibiu este apodo xa morreu e non tivo fillos.
MEXONA: apodo dunha muller que vivía xunto a igrexa, tamén coñecida como Pepa de Ramos. De complexión forte e bo corazón. Vendía encarnada.
MICHELÍN; MIJALLA; MILHOMES; MILLANA; MILUCA (de); MINDIOLA; MINGACHO; MISS AROSA; MISTELA; MIXIMILÍN; MOMELLA; MONA (da); MONACHA; MONCHUCO; MONTACABUXAS; MONTAÑA; MONXIÑO; MORA (DA); MORAÑA; MORENA; (da); MORGAN; MORMA; MORNERA; MUÍÑO DO VENTO (do); MUJICA; MULLERIÑA; MUNICIPAL; MUXICO;
-N- NAMURA; NICHO (do) 
-P- PACURRO; PACHEIRA; PACHOCHO; PACHOLO; PALERO; PALLASO; PALLIÑAS; PALMEIRÁN;
PALOMO: o alcume orixinario é "paloma". Puxéronllo a Juan Santiago, sendo un rapaz, comparándoo cunha "palomiña".
PAMPLONA; PANADEIRA/O; PANCHO (de); PAN DE MILLO; PANDOLFO/A; PANTOMINA; PAPI; PAPIANA; PAQUERA; PAPÁ PEQUENO; PAPURSIA; PAREXO; PAREXIÑO; PARRAMATAS; PARRANDERO; PARRAXO; PARRILLERA; PARROMEIRA; PARSIFAL; PASTELERO; PASTOR; PATAQUEIRO; PATACÓN; PATARAÑA; PATELUDA; PATIÑA; PAXARO; PÉ DE BICA; PEDROUSOS (DE); PEIDEIRA; PEIDIÑOS; PEINADO; PEJO; PELADO; PELEXUDO; PELOS BLANCOS; PEPA RAMONA; PEPITIÑA; PEPONA; PERA; PERGISA; PERILLUCO; PERNAS TORTAS; PÉS GHRANDES; PESCADOR/A; PESETA; PETOTE; PETRA (de); PÍCARO; PIARDA; PICHINO; PICHOLREIRA; PICHÓN; PIELES; PILDRICHAS; PILILO;
PILOTO; A Siña Manuela do Piloto foi alcumada así porque seu pai fora piloto nos antigos barcos de vela.
PILRADO; PIMPOLLO; PINCHAUVAS; PINCHEIRO; PINGA; PINGUI; PINOS (dos); PIONONO/A; PIOTA; PIRATA; PIRI; PIRILLA; PIROCAS; PISAMARRÓN; PISCO; PISPARRA; PISTÓN; PLAÍÑAS; PLANCHAMAJORRA; POCHO; POLITIQUEIRA; POMBIÑA; POR FORSA; PORRO/A; PORTÓN; POUQUIÑO; PORRÁNS; 
PREJISO/A; Puxéronllo a José (o Prejiso) porque era dunha aldea ou parroquia de Rianxo que se chama "A Prejisa"  
PROA (de); PROVINSIA (DA); PUEBLA (DA); PUGHA; PULGHA; PUPÚ;PUPULA;
Alcumes-2 de Benito Iglesias
-Q- QUIQUINA;
-R- RABISO; RACANO; RACHA; RAMBLA (da);  RAMONIQUIÑA; RANA; RATO; REBOEIRA; REBOIRA (da); REBORDIÑO; REINA ; REIPEDRO; REISIÑO; RELA (DA); REPOLO; REQUISA; RETENIDA; RETRERA; REVOLTA (da); RIANXEIRA; RIANXO (O); RICA;  RICARDIÑO (de); RICHO; RILLERA; ROCHE; ROXO; RUAL; RUBIO/A; RULA; RUSO;
-S-  SABÚ; SALADINA; SALDAÑA; SALGA; SALTA FOJEIRAS; SAMARO/A; SAMBORO/A; SANROQUIÑA; SANTORO; SANTOS (de); SAPATEIRO; SAPO; SARAMOÑA/O; SEISDEDOS; SENSESTAS; SEÑORITAS; SESÉ; SETE CARROS; SOLAPA; SOLDADA; SOLLA; SOROLLOTO; SOTA; SOTELO; SUMARINO;
-T- TALANGUERA; TARSÁN; TASO; TEJERO; TENIENTE; TESTA; TESTARELLA; TETO; TEXIÑA; TIMÓN; TOMBIÑOS;
TORDILLO: chamábanlle así a un home que vivía onda a igrexa. A muller herdou o alcume de "tordilla", e aínda se usa para denominar á filla e netos.
TOROLLA; TOTOLLÓN; TOUCEDA; TRANTRÁN/A; TREVIÑO; TREVÓN; TRILLO; 
TRINTAMIL: puxeronllo porque sempre disia que trintamil pesetas fasias todo-los días el a cajar,que por menos non desamarraba a embarcasion ,e asi lle quedou. 
TRINTROLO; TRONADORA; TROPESÓN; TROULO;
TUQUIÑO; Disque o alcume vén dun antepasado polbeiro ó que lle chanchou un polbo levándolle un cacho e deixándolle o dedo "tuco", daí o resultado final.
 TURUDO; TURRÚ;
-V- VAQUERO; VALENCIANO/A; VELERO; VENTUROSA; VILABOA; VILANOVIÑA; VINAGRILLO;
VINTEDOUS; Disque foi "bautizado" con este numérico alcume logo dun dos clásicos debates entre os mozos en canto á lonxitude da "vara do rasto" de cada ún... Probablemente fose o gañador do concurso, pois foi precisa a inmediata inmortalización do récord acadado.
VISCAYA; VITAMINA; VITOLO; VIVALAMOR; 
-X- XATAIO; XIBEIRA; XIL RIOS; XILO; XOUBA; XUDÍO; XUREL/A
-Z- ZAMORA; ZORRITO;


Coma estupendo colofón a esta listaxe de alcumes, aquí vos deixamos unha LIGAZÓN Ó PROGRAMA "DE QUÉN VÉS SENDO"? da TVG o 26-01-2014.

O dito, si tendes algún que aínda non está na lista, ou algunha historia relacionada con calquera, non dubidedes en facérnola chegar a traveso dos comenarios.