Mostrando entradas con la etiqueta ''AROUSINCRASIA''. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ''AROUSINCRASIA''. Mostrar todas las entradas

Argot Carcamán







A

Abella de San Pedro: escarabello peludo voador, de comportamento aparentemente torpe, que eclosiona no mes de xuño, de aí o seu nome. De nome científico anoxia villosa, na Arousa é un becho tradicionalmente coñecido pola rapazada, que gusta de collelo.
Augamorta: termo de uso na ría de Arousa para referirse ás medusas.
Apeloucado: No diccionario Estraviz aparece como "facer montes coa herba", e no Xerais non aparece.
Na Arousa usámola só pra describir cando algún recipiente está cheo a rebosar, cando xa non colle nada mais dentro, que xa bota por fora.


B

Birbiricho: Variante local do bivalvo "berberecho" (cerastoderma edule)
Bolondrón: bóla grande empregada no xogo infantil das bólas. (Para léxico relacionado, ver as entradas "guá" e "pelouro").


C

Calivera: os da Arousa chámanlles así aos de Vilanova.
Chumpanacama: Insulto pra despreciar. Un chumpanacama é un ninguén.
Cochar: durmir. Tamén se usa "cocha" para aloumiñar o sono dos nenos.
Corbeiro(s): mexillóns que medran nas pedras.
Correndela: forza de xiro que adquire o trompo. Se ao largar o trompo este non baila, dise: “non me colleu escorrendela”. No diario Estraviz figura "escorrendela", mais aquí chamámoslle así)
Changüí: pequena cantidade de diñeiro que se recibe ou gaña por un traballo. Termo adaptado do inglés change. Os mariñeiros que ían ao racú cobraban as gañancias que obtiñan da pesca cada sábado. A diario recibían unha pequena parte denominada "changüí" que non entregaban na casa e quedaba para os seus gastos particulares.


D

Durmiña:  Achácaselle a unha persoa que gosta de durmir. Durmiñento.


E

Enfollado: no diccionario Estraviz defínese como "recoberto con follas", no Xerais non aparece. Mais na Illa de Arousa chamámoslle enfollado ó pastel que se fai có sangue do porco. Unha especie de pudding que acostumaban facer nosas aboas, xeralmente nunha empanadeira das antigas (aquelas que eran rectangulares e tiñan aprosimadamente 4 cms. de fondo). Cando estaba feito, íanse separando anaquiños cuadrados ou rectangulares pra ilo consumindo.
Esfolfado: unha cousa que queda desfeita, sen forma. p.ex: "un ovo esfolfado", é cando  ó fritir un ovo, a xema desfaise e queda feo, informe.
Esmadrasar: Verbo que se usa en expresións do tipo “Choveu a esmadrasar”, é dicir, abundantemente e por todas partes.


F

Filispín: rapidez, velocidade: p.ex: "vai a todo filispin" (vai a toda velocidade)
Furruxa/enfurruxar: cinsa, residuo das fogueiras / manchar de furruxa.


G

Geva: coloquialmente, muller, "tía". Americanismo con probable orixe de Venezuela.


L

Larada: monte de merda.
Lebeán: pulmóns dos puchos.
Leiquear: "non me leiquea": non me convence, non me gosta.
Lorchaso: Golpe propinado na caluga.
Lustrigazo: relampar / sensación de dor producida por un golpe dado cun utensilio longo e fino, pronunciado "lustrighaso".


M

Maiolo:  Eran os maios que se facían na Arousa.
Mallado: perfecto, adxectivo que fai referencia ao bo resultado dunha acción. Probablemente o uso de "mallado" con este significado faga referencia ao peixe cando queda ben enganchado na malla.
Melro:  Merlo (Turdus merula).
Minduiña: Outra acepción pra despreciar a alguén. Mais ben no senso de ser unha persoa con pouco peso mental, ou infantil.
Morquento: despectivamente é un merdento.


N

Nevada: Áparte das acepcións relacionadas directamente coa neve que aparecen nos diccionarios, na Arousa chamámoslle nevadas a eses chubascos ocasionais e breves que se producen algúns días, e principalmente cando acontecen con vento do norte.
Nortello: Variante carcaman de Nocello


P

Pelidar: facer o posible pra conquerir algo. "pelidar por algo" tratar de acadar un obxectivo utilizando todo tipo de medios ó alcance de un.
Piletra: pequena pedra ou lousa coa que se xoga ao "trúquel" ou ao "avión".
Pelouro: boliña pequena de metal ou vidro empregada no xogo infantil das bólas. Calificábase o seu valor en "tiradas".
Pilla: termo usado coa acepción de salgado. Em portugués tamén existe a expresión "pilha de sal" co mesmo significado. Literalmente, "pilha" é unha morea de cousas apilhadas, e probablemente recibían este nome as salinas que se explotaron na Arousa durante a Idade Media. Ex: Esta empanada está salgada coma a pilla.
Pochada: xeralmente, cando o bebé enche os cueiros, tén unha pochada. Tamén se di de algo mal feito.


R
Ratán: utilízase como adxectivo inseparable do sustantivo viño pra calificalo como malo, malísimo, un viño imbebible do avinagrado e desagradable que sabe. Exemplo: Ese fulano non ten gusto, ata bebe viño ratán.


S
Simbrillaso: Outra variante pra definir un xeito de golpe exemplar e contundente, sexa contra persoa ou cousa.


T

Tirada: valor que se lle daba ós pelouros no xogo das bolas, según a categoría adxudicada á peza. (un pelouro de cinco tiradas, ou unha bola de dúas tiradas, por ser de plástico) Cada tirada consistía en gañar unha ronda completa ó guá. (primera-trúquel-mastruquel-pie-pasodebola-guá)

Trosca: Calificativo despectivo femenino, pra indicar que a destinataria é unha muller parva, atolaxada ou ignorante, unha calamidá.


V

Valdeiro: Variante arousán pra definir "valeiro"
Verdeloro: Xeito xenuino local pra denominar ó "verderol"
Vispeiro: (ou vespeiro) brocha construída cun pau e un cacho de trapo amarrado nun extremo, utilizada para darlle carena ás embarcacións.


X

Xardoaso: fam. golpe contundente
Xavoco/a: parvo. Úsase normalmente en expresións do tipo "rir coma unha xavoca". Palabra recollida no dicionario da lingua portuguesa, e no Estraviz cunha grafía similar, "xabouco".
Xiflar: Acción de expulsar un líquido por un buratiño pequeno, pra que saia a presión, como por exemplo acontece con calquera mangueira, principalmente cando se lle tapa parcialmente a saída pra que a auga saia con mais forza.







De nome Carcamán, de apelido...





Esfuracando pola rede en busca de información coma ratos de biblioteca famentos de roer papel, demos atopado certa informacion la mar de interesante (como APELIDOSGALICIA ou unha interesantísima páxina da USC ou ben na Wikipedia...), que nos viñeron coma anel ó dedo, por nos dotaren da precisa información prá preparación deste traballo que queriamos facer sobre os apelidos mais relevantes polo número de propietarios de candanseu déles na nosa Arousa. Un traballo có que non pretendemos ren, mais que proveer ó leitor duns dados que na meirande parte dos casos vánlle resultar curiosos. Ó mellor ides atopar algúns curmáns en sitios de Galiza onde nunca pensáchedes que habería xente có vóso apelido, ou cecais vos asombre algunha curiosidade da súa orixe ou do significado, onde seguro que haberá sorpresas.

Estamos certos de que vos resultará interesante e divertido igual que nos resultou a nós, así que xa podedes empezar a buscar por si algún dos apelidos da vosa familia está no medio da colección, como ocorrerá no 99% dos casos, e se non é así, e esquencemos algún dos mais relevantes, que pode ser, xa nos estades informando para engadilo neste particular top-25 dos apelidos mais populares do noso Concello, o que por anticipado vos agradecemos.

A cifra ó carón do apelido representa a porcentaxe sobre o total dos apelidos dos veciños (sexa o primeiro, o segundo, ou ambolos-dous) extraídos dos derradeiros censos do Concello da Illa de Arousa. 



DIOS
8,10%

(Etimoloxía : Do latín Deus. 1. Ser supremo, criador e conservador do Universo. 2. Calquera deidade.
Apelido recurrente en Galicia, e por riba de todo, moi característico dos concellos do noso entorno, si ben na Arousa é o mais definitorio da poboación.
É de supor que o de Xunqueira de Espadañedo non debe ter moito que ver có noso...
OTERO
5,83%

Está relaccionado cos apelidos Oteros, Outeiro, Outerelo, Outeriño. A partires de 1730 só aparecia a forma castelanizada. É posibelmente o apelido que máis deturpacións ten sufrido no território galego.
SUÁREZ
4,18%

Suárez é un apelido patronímico derivado do nome "Suaro" ou "Suero". Do baixo latín Suerius, de sueor, variante de sutor "o que cose", "sapateiro". Interesante a distribución xeográfica, cun claro predominio na Costa da Morte, para pegar un "pequeno saltiño" ata a Illa de Arousa, o lugar onde mais relevancia tén de toda Galiza, có 4,18% da poboación do municipio.
CORES
3,86%

No libro Os nomes da terra, Topónimos galegos de Fernando Cabeza Quiles na páxina 151, dise falando do topónimo CURES: "Todos estes nomes de lugar, e alguns parecidos, como, por exemplo, Cores, deben provir da base preindouropea cor, "pedra", que tamén está presente en moitos topónimos empezados por cor, como Coroso, Corrubedo e un longo etc."
GARCÍA
3,73%

García e un apelido patronímico de orixe vasco moi espallado pola península ibérica e por América. Nace de Hartza, Artza, Hartze, Harze, que quere dicir OSO.
RIAL
3,72%

Unha versión dí que provén de "Real", outra que ten a orixe na palabra Ría, ou Río, que semella a mais verosímil. Cecais un sitio onde se unen varios ríos. Independentemente disto tamén hai topónimos con ése nome, e en moitos casos seguro que o apelido ten unha orixe toponímica.
FERNÁNDEZ
3,29%

Fernández e mais Hernández teñen a súa orixe no nome propio Ferrán, que significa "esforzado guerreiro", derivación da palabra céltica "Har" traducida por "guerra", e "poder".
IGLESIAS
2,67%

Alvar de la Iglesia, que foi un valeroso guerreiro que participou na reconquista de León no ano 725 pudo ser o berce deste apelido. É un apelido característico do territorio galego e as áreas limítrofes, pero naceu xa coa forma castelá e o seu uso data de época relativamente recente, pois non se rexistra no Catastro de Ensenada (1753), cando na actualidade ocupa en Galicia, significativamente, o lugar duodécimo por orde de frecuencias.
VÁZQUEZ
2,67%

É o patronímico do nome persoal Vasco, forma galega e portuguesa correspondente ó castelán Velasco. É certo que hai Vázquez espallados por toda a Península, pero a súa orixe remota é por forza galega. Xa nin sequera galega e portuguesa, pois a solución portuguesa correspondente adoita ser sen sufixo.
OUBIÑA
2,45%

Si ben algúns atribúenlle diversos significados, o que sabemos con certeza é o seu vencello coa parroquia Cambadesa homónima. A orixe etimolóxica é "Rio frío" en clara referencia ó río Umia.
NIETO
2,38%

Relatan algunhas crónicas que seica o primeiro en se apelidar así foi un neto do Rei de León, e porque estaba vivindo no pazo do Rei decían, "éste é o neto do Rei", e así quedou este nome e apelido ós seus descendentes.
PAZ
2,22%

Está relaccionado cos apelidos Paas, Páes, Páez, Páis. O apelido Paz non contén o substantivo común paz, como aparenta, senón que é unha das variantes do patronímico formado do nome persoal galego Paio. Deste nome, que tivo extraordinaria difusión na Galicia medieval a partir do culto do santo galego así chamado, proceden os patronímicos Páez, Pais e Paz. Da coma orixe o nome "Pelagio" para os apelidos PAEZ (gallego), PAYO (gallego), PELA (leonés), PELAEZ (Asturias), PELAYET (catalán) e PELAYO (castellano).
RODRIGUEZ
2,20%

Apelido patronímino orixinario do antigo Reino de León onde é un dos mais frecuentes entre a súa poboación. A súa orixe remóntase á idade media, probablemente anterior ó século XI, e significa "filo de Rodrigo" ou "Rodericus", nome de orixe xermánico latinizado como "Roderici".
ALLO
1,83%

Está relaccionado cos apelidos Aller, Alleres, Allones, Allu, Allé, Allón. En Galiza distribúese na práctica totalidade entre as provincias da Coruña e Pontevedra, sendo a Illa de Arousa onde mais relevancia tén de tódolos concellos.
CHAVES
1,81%

É de ascendencia portuguesa, onde sempre foi moi estimada esta estirpe á que tiñan por moi antiga e rancia nobleza. Unha parte pasou a España onde se estendeu, nunha parte grande por Andalucia e Estremadura. En Galiza concéntrase principalmente polas beiras da nosa Ría.
GONZÁLEZ
1,58%

Apelido de orixe patronímica que deriva do nome común Gonzalo, moi común durante toda a idade media. Orixinalmente deriva da raíz xermánica "Gunda": loita, contenda, e do sufixo "Elf", indicativo dunha das figuras da mitoloxía escandinava, os "Elfos". Trouxérono á península os visigodos. Significa "esprito da guerra". En latín era Gundisalvo, do xenitivo Gundisalvi, derivando logo a GONZALEZ.
SEÑORANS
1,52%

O pazo de Señoráns, ou mellor dito os pazos (porque hai dous) están sitos na freguesia de Santa Maria de Paradela (Meis). O apelido colle o nome do lugar de Señoráns e pola zona hai moita xente que leva este apelido.
VIDAL
1,27%

É un apelido patronímico, derivado do nome de varios santos. Ten a orixe no latín "Vitalis" (o que tén vida, san). Orixinario de Aragón, tivo tamén casas solares en Galicia, entre outras zonas da península. Por mor da emigración, tamén pasou a Puerto Rico, Cuba e Arxentina.
PATÓN
1,14%

Un dos apelidos mais xenuinos da nosa Illa, pois polo mapa da USC só aparece no noso concello e mais no de Ribeira, aínda que neste último con escasísima relevancia. Patóns non hai moitos, pero os que hai están case todos na Arousa. Tampouco atopamos ren da orixe do nome.


Como diciamos mais arriba, sospeitamos que nos esquenceu algún dos mais relevantes, polo que, si algún de vós descobre algunha carencia neste senso, sería estupendo incorporalo a esta listaxe.

Ou si acaso queredes aportar algunha definición interesante nalgún dos apelidos xa expostos tamén poderíamo-lo facer, só pedimos que veñan a ser curiosas, ou divertidas, ou surprendentes, pois non pretendemos nesta entrada facer un estudio xenealóxico nin heráldico nin de rigor científico ou histórico ningún, para iso xa hai información dabondo pola rede.

Agardamos polas posibles achegas...








Carnavales na Illa de Arousa

Un ano mais chegan os Carnavales, e neste do 2014 na Arousa moitos xa teñen todo preparado pra lucir con ilusión os disfraces, ou os mais "profesionais" rematando os, mais ou menos complexos aparellos das carrozas que, nalgúns casos durante os últimos meses, viñeron peparando con moito traballo, mais coa satisfacción que lles proporciona a súa contribución ó exito desta festa.As comparsas, pola súa banda, afinan nos derradeiros ensaios a música e a letra das súas sempre irónicas e mordaces letras coas que certamente nos irán sorprender doutravolta.



Como parte negativa deste ano temos que falar do malísimo tempo que tuvemos, pois aínda que xa sempre contamos có frío natural nesta época, este ano tamén nos acompanou o vento, cunha alerta bermella o Luns para todo o norte, e as abundantes choivas do Martes, festivo na Arousa. Semella que este ano os fenómemos meteorolóxicos que tanto nos castigaron durante todo o inverno, tamén quixeron participar na festa. Seguro que xa tamén escoitaron por aí algo da grande celebración que supoñen os Carnavais dos Carcamáns.

Pola nosa parte, fixemos o álbum que amosamos deseguido, recollendo algunhas das fotos que outros tantos amigos deixaron polas redes sociais pra compartiren con todos, instantáneas que amosan coa naturalidade de cada intre a viveza coa que a nosa Illa goza desta lúdica festa de ano en ano. Non en balde somos un dos pobos da Ría onde os Carnavais acadan a meirande relevancia, converténdonos durante estes días, e nomeadamente o luns de Carnaval, no referente festivo de toda a nosa contorna.

Se gostades da idea, podemos ampliar o album con mais fotos ou vídeos da festa deste 2014, converténdoo no mellor escaparate da nosa Arousa nestes días de disfrute carnavaleiro.


























-------------------------------------------------------------------------------------------------------------------




Un ano mais xa pasaron os Carnavais da nosa Illa, para moitos a mellor e mais faranduleira festa da Illa, que xa é dicir, pois do mesmo xeito que somos xente correúda e chea de xenio, tamén pasamos por ser un dos pobos mais festeiros da nósa Ría.
Recoñecido mundialmente, e tamén en parte do estranxeiro...

Aquí vos deixamos este vídeo do desfile de Carrozas do 2013 que bén pode valer como resumo do que dou de sí o evento deste ano.



...Ou preme nas seguintes imaxes pró fruir dos completos álbums de fotos de Genaro Vázquez e José Carlos Cousido, tomadas o mesmo día:


non atopado ..... non atopado


     Vémonos o ano que vén !!