Un menhir no Bao?





Mentres agardamos mais novas relacionadas coas investigacións a propósito da autenticidade do menhir de Quilma, gostaríamos de facer outra nova proposta por si os sesudos investigadores e historiadores consideran axeitado o seu estudo.

Tódolos veciños da Arousa coñecemos sobradamente o entorno da praia do Bao, e tamén moitos acaso reparamos algunha vez nese Cón que se ergue chantado nun pequeno entrante natural no mar na parte Sur, que marca a separación das praias do Bao e Camaxe.
Alomenos os turistas seguro que terán reparado nel bastante ó se decataren da práctica utilidade que se lle acadou a dar últimamente rotulando en varias das súas caras un efectivo e contundente aviso a navegantes: "proibido mariscar". Pra que logo digan que a Historia non serve pra nada...

Un Cón que sempre nos pareceu peculiar pola súa ubicación no lugar, na que destaca coa súa elegante figura, principalmente ó abrente do día, contrastando perfectamente a súa silueta contra os primeiros raios do amencer có Sol saíndo por detrás dos montes do Salnés. Hai que dicir que, aínda sen ter en conta a proposta que nos trae aquí, a estampa desas alboradas resulta dunha fermosura conmovedora. Na foto que acompañamos tratamos de demostrar isto, anque seguramente con escaso acerto. En calquera caso, observar unha alborada ó leste da nosa Illa é unha actividade sempre recomendable.

Xa de por sí, pola súa figura cuadrangular, a orientación ó abrente, o seu tamaño etc. resulta interesante para os que gostamos destas cousas da prehistoria, pero hai un elemento, cecais definitivo, que lle pode dar a este Cón a categoría de menhir que aquí propoñemos:

Ó pé dese grupiño de rochas onde se ergue o noso cón, aínda se conservan os restos dunha cista funeraria, que probablemente está vencellada con outras consideradas da Idade do Bronce que afloraron en Riasón, na zona dos Tarais, onde as podemos admirar, pois os dous lugares fican separados escasamente por medio quilómetro, a candasúa beira, Norte e Sur, do istmo do Bao. Intuímos que tanto pra riba desta cista como pra baixo pudo haber algunhas mais, aínda que pa baixo será imposible atopar nada, pois é unha zona de marisqueo trillada por anos e anos de remover no terreo. De feito a cista que aínda fica visible é unha das dúas que disque había no lugar, e a que queda probablemente aínda se conserva por estar ubicada demasiado arriba da seca como para formar parte do terreo útil de explotación marisqueira.

No noso grupo somos conscientes do arriscado destas propostas, polo que o que poidamos decir aquí deberá ser necesariamente contrastado polos correspondentes expertos e estudosos destes temas, si ha lugar. 

Pra evitar equívocos tamén hai que dicir que por toda  a Arousa, dende Niño de Corvo no Norte de Illa, ata Carreirón ó Sur foi unha zona de extracción masiva de pedra prá cantería, coa que se abasteceron construccións en Vigo, Pontevedra, Cambados, e multitude de poboacións por toda a provincia. Ademais, non por casualidade se lle chama "A Canteira" a unha localización no lugar dos Tarais, aínda que non precisamente a este lugar en concreto. No que atinxe a este tipo de xacementos líticos haino que ter sempre moi en conta por razóns obvias. Pola nosa banda, coas limitacións propias de simples aficionados, xa evaluamos esa variable, semellando pra nós que a pedra non presenta en ningunha das súas caras os buratos ou marcas dentadas características déses traballos, o que sen dúbida cremos que nos axuda na tese que eiquí propoñemos.

En fin, aquí deixamos esta idea, pra que alguén mais cualificado recolla o testigo e principie unha investigación xeral sobre o patrimonio arqueolóxico da Arousa, poñendo en relacion tódolos xacementos que temos arredor da nosa Illa. Coma sempre, reclamamos un pouquiño de présa, pois como xa temos dito noutras ocasións, o tempo corre en contra nósa, pois a climatoloxía resulta ser un arqueólogo moi eficiente facendo aflorar os xacementos, pero moito mais certeiro aínda destruíndoos, como moi ben saben os que coñecen as marabillas que temos por aquí.











2 comentarios:

  1. Semella interesante esa estructura de pedras. Sería cousa de velo (a foto non da), porque na Illa hai tamén necrópoles doutras datas, dígase Os Bufos. En canto ao con, é difícil opinar... algúns falan de "monumentos salvaxes", é dicir, formacións naturais ás que se atribue unha simboloxía concreta, antropizándoos dese xeito. Queda anotado. Graciñas . (unha arqueóloga, non sei se sesuda ou non... ;))

    ResponderEliminar
  2. Eugénio e Bea, grazas polos comentarios, e calquera aportación ou colaboración que nos acheguedes será benvida. Un saúdiño

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.