Skyline



Nesta entrada iremos engadindo, así como as vaiamos preparando, aquelas fotos antigas que nos caian nas máns que amosen a fisonomía da nósa Illa en tempos pasados, coas que tentaremos forzar a comparación instantánea no mesmo collage do aspecto de  hoxendía dos mesmos lugares, para o que procuraremos tomar a foto actual dende o mesmo punto, ou cun ángulo o mais aproximado posible, para que a comparación resulte moi visual e impactante.

Polo tanto, esta entrada có título de "Skyline" ímola considerar coma unha páxina dinámica, porque vai ser actualizada periódicamente, sumando unha nova composición de cada vez, para ir formando unha vistosa colección na que poidamos comprobar a evolución do pobo da Arousa neste último medio século, ou nalgúns casos aínda mais.
Todo dependerá dos valiosísimos traballos que poidamos herdar daqueles fotógrafos da primeira metade do pasado século, que en moitos casos por algún milagre,  aínda se conservan nos caixóns e nos álbumes de moitos dos nósos veciños.

E xa que chegamos a este punto, quixeramos aproveitar para solicitar de todos vós algunha foto que teñades e que consideredes digna de traballar sobre ela pra facer a comparación que propoñemos aquí, o que por adiantado vos agradecemos. 

Podedes contactar con nós ou enviárnolas a traveso do correo electrónico que temos ó pe do Blog. Crémos que sería moi bonito ir construíndo aquí unha galería fotográfica có "antes" e o "despois" da Illa de Arousa.























xxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxx



A Salga dende o tombo do Campo. Xa daquela estaba bén poboada de edificacións, porén o que trocou cecais foi a calidade da construcción, ou si acaso algun que outro andar que se lle sumou enriba das antigas de pranta única. O que mais resalta na foto é o edificio-urbanización da punta, que substitueu ás ruínas que aparecen na primeira que seica eran propiedade dunha veciña chamada Siña Anita. Non é casualidade o nome có que se denomina o que remanece desa pequena praíña que hai ó pé do malecón: "A praia da Siña Anita", porque disque aquela dona da primeira metade do século pasado adoitaba tomar os seus baños de sol e auga na praíña que tiña mais preto da casa. É de supor que daquela era unha praíña moito mais limpa que hoxendía, como acontecía con case tódalas praias do casco urbán, que os rapaces utilizabamos todo o vran pra nos bañar, incluídos os muelles. Hoxe xa non se pode dicir o mesmo... Outro dos peaxes que hai que pagar á costa do progreso do pobo.





Apreciable tamén foi a transformación do muelle do Chufre neste derradeiro medio século, pois prácticamente triplicou a lonxitude e mailo ancho, dándolle hoxendía cabida a outros servizos e infraestructuras vencelladas ó mar. Coas obras que actualmente están proxectadas aínda vai cambiar moito mais nos vindeiros anos, así que daquela xa voltaremos a contrastar outra comparativa do lugar. Aquí aínda faltarían os cambios da outra banda, a que non se vé, pero xa entraría na parte do Lagartiño-Aguiuncho, así que si alguén dispón dalgunha foto interesante que recolla esa zona, aproveitamos pra solicitarlla e desfrutar doutra suxestiva viaxe na nosa particular máquina do tempo.


A partires do día da foto de arriba (acto da posta da primeira pedra) os da Arousa xa comezamos a crér que por fin íamos ver a ansiada ponte que nos iba a aliviar dos males ós que nos condenaba o secular aillamento. As discusións sobre a utilidade ou os perxuicios que trouxo a perda da nosa condición insular ímolas deixar pra outra ocasión. Agora só nos quedamos có espectacular cambio producido no istmo do Bao grazas á construcción dos accesos á obra principal. Os que xa imos peinando algunha que outra cana lembramos perfectamente o inmenso esterqueiro no que se convirteu a zona debido ás diarias "deposicións" de cunchas das fábricas e de basura de todo tipo, ocupando de inmundicias o sitio sen remisión. Nesa primeira foto pódese apreciar "en parte" o que vimos de dicir. Porén, logo das obras de acondicionamento do lugar prá realización da carretera, aquel quinteiro chegou a ser o que é agora, unha estupenda zona verde con instalacións deportivas e de lecer, e unhas praias saneadas, que ademais poden presumir de poseer a bandeira azul, pra beneficio de todos nós, e tamén dos "continentais". Verdadeiramente, todo un cambio a mellor, non?


Recuperamos unha foto bastante ben coñecida, pra recrear esta comparativa dunha das rúas mais céntricas, que hoxe tén o nome de Avenida Castelao. Unha rúa que ata non hai moitos anos non era mais que un camiño de terra e guinchos chea de pozas polo inverno, coma tódalas demais da Arousa. Hoxendía aínda presenta algunha parte "virxe" na beira Sur, pero o desenrolo do urbanismo destes derradeiros anos amosa o profundo cambio que aínda segue a transformar ó noso pobo.



Nesta foto de hai 60 anos tamén se aprecia a evolución desta parte do pobo, a de arriba é a foto do que pra algúns de nós, é o barrio do Campo "de toda a vida", e a de abaixo do núcleo urban que é hoxe. Trocamos un camiño de guinchos por un paseo marítimo coas súas árbores e todo, unha dorniña por un barco mexilloeiro, coas beirarrúas cheas de automóviles, "máquinas infernais" descoñecidas nas paisaxes da Arousa de hai 50 anos...



Asfalto por mar, dornas e chalanas por automóviles, trocamos praia e Cóns por paseo e recheo. A cuestión sempre no aire: Saímos gañando?
É indubidable que o novo paseo dotou ó pobo dunha zona aproveitable pra mil actividades que doutro xeito andarían estorbando en calquera outro sitio da Illa. O paseo en por sí, tamén posúe a súa propia estética, aínda que ése inxeñeiro que todos levamos dentro sería competente de facelo millor e mais atractivo. Outros, os que lembramos a Arousa da foto darriba, só percibimos flashes daqueles rapaciños bañándose árredor do Chumbadero ou no muelle do Naval, ou arriscando as pernas e os fuciños xogando a pasar a traveso das pedras do pequeno rompeondas que alí había, cando a marea chea non deixaba atravesar pola praia.



Outra composición que reflexa bastante bén os importantes trocos na skyline da nosa Arousa. Imos dunha imaxe onde o que mais destaca case que é a liña da beira do mar, a outra onde nin siquera se albisca. Imos dun camiño de terra e guinchos a un recheo coa rúa asfaltada e un ancho paseo marítimo. Dun muelle que só se supón debaixo dos pés do fotógrafo, a outro que non pode ocultar o amplo tráfico de embarcacións que acolle, pantaláns incluídos. En fin, semella unha metáfora dunha illa esquecida e abandoada, como por desgraza aconteceu ó longo de toda a nosa historia, a outra illa puxante e vital que pouco a pouco vai logrando un sitio en pé di igoaldade coas vilas do entorno.



Xa non queda ren daquel sitio onde nos xuntabamos rapaces, rapaciños, mozos e menos mozos, todos a xogar no que xa nos anos sesenta non eran mais que as ruínas dos almacéns de Goday.Hoxe, o único que nos permite ubicar o lugar é a liña das beirarúas, porque daqueles edificios de hai cincuenta anos xa non queda o mínimo vestixio. Cántas veces teremos ido moitos daqueles rapaciños á casa que está en primeiro plano da foto vella, a panadería do Señor Ramón de Jose Juan, que despois se converteu na Churrería e hoxe é o Bogart.



O Cantiño, sesenta anos despois. Os edificios ocupan hoxe todo o espacio da liña da rúa, pero o que semella mais impactante pode ser o nivel de construcción das infraestructuras, carretera, recheo, etc. Hai medio século a praia chegaba prácticamente ata as casas, só separadas dela por un sinxelo camiñiño de terra. O Outeiro aínda se conservaba totalmente libre de construccións. E non hai tanto tempo. Bueno, hai e mais non hai...









No hay comentarios:

Publicar un comentario

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.