Máis sobre o topónimo "Arousa"





     Neste traballo tentaremos aportar outra alternativa mais que engadir á xa longa lista de posibilidades suxeridas na investigación sobor da procedencia e o significado do nome polo que coñecemos á Illa, e que -non por casualidade, como veremos-, inclúeno tamén as veciñas Vilanova e Vilagarcía de Arousa. A súa orixe, máis alá de especulacións que relacionan o topónimo cun Ara (altar) romano, veremos que é moito máis antigo á chegada a estas terras das lexións de Roma hai 2000 anos, e pérdese na noite dos tempos.
     
     O rexistro máis antigo que se coñece sobre o termo é un texto da Alta Idade Media ( ano 912 ), no que aparece o nome de Arauza. Suponse que a súa orixe sería Arautia ( segundo M. Santalha ), ou Arautsia. En calquera caso, ámbolos dous teñen a súa orixe no celta Arausiu.

     ¿E que significa pois esa estraña palabra? Non é nin moito menos un nome abstracto ou sen significado algún: Os estudosos afirman que, en irlandés antigo, lingua celta pertencente ao gaélico que aínda se fala hoxendía nas Illas Británicas, “Ara” quere dicir “fonte da cabeza”, e en gaélico “ante a orella”. “Orella”, na toponímia refírese a un saínte costeiro. Arautia engade ademáis a terminación “tia” de participio, significando “a que é ante a orella” ( e a “orella” resulta ser a península do Barbanza ). 

     Precisamente, como facíamos mención ó principio, as tres localidades que levan o topónimo "Arousa" ( A Illa, Vilanova e Vilagarcía  ), sitúanse ao leste do Barbanza. Nin Cambados ao sur, nin o resto do Salnés levan o apelido.

     Por tanto, Arautia tén:
          Are.- Ante, ó leste de, cara ó sol nacente.
          Aus.- Orella
          Tia.- Participio feminino.




     Deste xeito, Arautia significaría: “ante a orella - Barbanza” ou “ó leste do Barbanza”. Se collemos un mapa podemos comprobar claramente que isto é así, e que non estamos situados exactamente ao sur da devandita península, senón ao Sur-Leste e ao Leste.


     Mais todos os topónimos das comarcas e vilas que nos arrodean teñen un significado, que nos axudan a coñecer mellor a nosa historia. O orixinario nome  do Grove era antigamente Ogrove. Este nome aparece rexistrado por primeira vez coma “in insula Ocobre” en plena Idade Media  ( no 899 ), “insula, Ocobre” no 911, “sanctum Vicentium de Ogobre” ( 912 ), Ogovre ( 1109 ), e “s. V. de Ogrove” en 1115. Vemos así toda a evolución do topónimo, ademáis dun dato que nos chama atención de inmediato, e é esa mención ó lugar coma “insula”. 

     De feito, a actual península do Grove era illa no s. XVI, e antes é probable que foran dúas, a maior no Leste e a menor no Oeste. A orixe do termo está en “Okóbrixs”, “castro da punta”:

          Ak.- Agudo, punta, cabo, e a súa variante Ok. De ahí ( e Okia de Oza ). 
          Brixs.- Castro. 
          Xuntando estas palabras, temos o significado de “castro do cabo”, ou “da punta”.

     Mais non tódolos nomes, nin moito menos, proveñen das linguas celtas. A veciña vila de Catoira provén do latín Captoria, que ten o significado de “vila dos captores ou ladróns”, refiríndose aos vikingos que facían das súas por esos lares no s. IX.

     Tamén o nome da nósa Comarca "O Salnés" provén da lingua traída a estas terras polos romanos, pois tén a súa orixe no latín Salinensis, “terra de salinas”, existentes xa dende épocas aínda anteriores: O Salnés é o litoral da Terra de Moraña ( que procede a súa vez do céltico “Moriania”, significando “lugar de salinas” ). E é que o sal e o ferro son elementos definitorios da cultura celta da Idade do Ferro, estando presente a referencia ó sal noutros topónimos europeos como Salzburgo e Salzkammergut, situados en Austria. Así, o sal mineral (non mariño) das montañas austríacas xa foi explotado e comercializado polos celtas.

     E ata aquí esta pequena viaxe por algúns nomes das nosas vilas e comarcas, que para os que teñades curiosidade aínda non fixo máis que comezar, pois esperamos que só sexa un primeiro achegamento a este interesantísimo tema da orixe etimolóxica da toponimia que nos arrodea, e que miraremos de ir completando con mais achegas. Outro bonito xeito de embarcar nesa máquina do tempo que nos leva a a ancestrais épocas da nósa historia.



Referencia: As tribos calaicas. Proto-história da Galiza, á luz dos dados lingüísticos” 
Higino Martins Estévez. Ediçoes da Galiza (2008). Barcelona.


1 comentario:

  1. Penso que o argomento da situación de Vilagarcía e Vilanova carecen de sentido xa que cando comenzan a utilizar ese nome as razóns tribais galaicas para escollelo estaban máis que esquecidas. Vilagarcía comeza a utilizar Arousa no seu topónimo a partires do ano 1920. Antes era Vilagarcía a secas segundo os arquivos do INE. Tanto Vilagarcía coma Vilanova toman o seu apelido da ría que leva o nome da illa dado que son poboacións relativamente novas e é un feito distintivo frente á cantidade de vilagarcías e vilanovas que existen pola xeografía peninsular. E dicir, anteriormente, e sempre citando os documentos de doacións coma os de Ordoño II e Afonso IV no século X, o que existía no seu sitio eran Santa Eulalia de Alobre (Sanctam Eulaliam de Alobre, quae nun cupatur Area longa) e Cálogo co seu mosteiro adicado a san Cibrán (in terra luparia, en clara referencia a lobeira).

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.