O Aire dos defuntos




    
     -Eló como está o miniño? 
     -Hoxe leva o día ben, pero así non podemos seguir, hai que facer algo...
     O pai botou outra temerosa ollada cara ó seu pequeno, como non querendo atopar o que xa sabía que ía ver. Era un anxiño, e sempre foi moi feito e bonitiño, mais dende que se puxo mal, foise amuchando e consumindo para dentro de sí. Os olliños afundidos nas súas covas tórnanlle cara de velliño. Semellan oviños, un en cadanseu niño.  Ó espilo pró baño da noite amosa un corpiño acaroado, todo pelexo, un pardaliño tén mais cadriles que él.    Disque pasa sempre así có "mal do aire"...
haise que afumar
     Levárono a canto médico hai en todo o país, e ningún dou emparado a súa cada día mais esvaecente saudiña. Qué mais poden facer os pais, a ansiedade ténos aventados, sen alento, enterrados en vida.

     -Voume prá cama...
     O pai xa non pode mais, fuxe a se acubillar na inconsciencia do sono, o único sitio onde se sinte a salvo desta desgracia que o persegue coma o axexo dunha alimaña.
     Quedan alí soas a nai e a aboa mirando unha prá outra, preguntándose cós ollos si chegou o intre acaído. A nai non é quén de dar o primeiro paso, non tén folgos. Nin gañas de nada.
     A aboa do miniño, xa sabía que isto ía pasar, xa sabía que a decisión tíñaa que tomar ela sóa. É unha vella de raza. Unha vella do país.   Hai uns días que lle foi facer a consulta a esa veciña da que todos saben, mais ninguén coñece, que tén moita sona de saber sacar o aire, así que xa tiña todo preparado. É o ultimo recurso.

     Levantouse de súpeto e bastoulle con outra mirada, agora autoritaria, para que a súa filla a seguise. Ésta foi tras dela coa cabeza baixa, recelando, como vai o can pró xuramento.
     A nai do pequeno tampouco comulgou nunca con estas supersticións. Algunhas veces tuveron falado destas cousas ás que tanto misterio se lles atribúe cando se xunta un perigoso corrillo de mulleres coa lingua ceibe pró chúchúchú, mentres desbullan o millo, ou remendan as redes dos barcos, ou no río a lavaren a roupa...    Pero nunca quixo replicar á sua nai. Nunca pensou que se vería nunha situación así, e deixou correr...
     -E logo él non podía vir con nós? Iría mais segura si él viñera.
     A vella non quixo mais oír:
     -Xa sabes que os que non crén no aire non poden estar presentes nestas cousas, e o teu home é pouco menos que un herexe. Sempre se burlou de nós cando falabamos deste asunto e mira tí, agora caeulle o mal na súa propia familia. Coa súa presenza o remedio sería estéril.

     Camiñaban amparadas polas sombras dos rueiros bordeando as beiras das pozas, sempre có temor a que ó virar un pinche descuberto e traidor tropezasen con calquera veciño que pudera botar por terra o remedio.     A nai botou unha ensimismada ollada ó fardiño que levaba nos brazos có seu cativo, que seguía mudiño, sen expresión...  coma sempre.    Un novo aviso da vella espabilouna:
     -Lembra que si te cruzas con alguén, non lle podes falar.

o remedio
     -Axiña imos chegar á panadería e alí rematarémo-lo ritual entregando ó nóso miniño ó purificador forno, pra rescatalo deseguido coa longa pá que nos vai traer de volta un cristianiño sansiño.    Rápidamente envolveremos ó cativo nos lenzos que levamos ata que arríe neles os "pelos do gato"... a sinal definitiva da bondade do remedio, ficando así a criatura limpa dese mal que nolo estaba levando no peteiro. A partires daí comezará a remuxicar e voltará a ser o neno gordiño e encarnadiño que tan embeletados nos tiña.

     Cando chegan de volta á casa atopan ó pai, que a esas alturas xa foi posto ó día das actividades de esposa e sogra. A súa increduilidade empúrrao a facer preguntas que mais que iso son queixas ó valeiro:
     -Porqué a nós? Qué mal lle fixemos a ninguén para que nos castigue con esta maldade?
     A sogra, agora transixente, responde coa autoridade de quén domina a situación:
     -Sabías que ó voltar dos enterros haise que afumar nunha fogueira de loureiro pra que o aire dos mortos non se pegue ás crianzas. E tí, insensatamente descreído destas cousas, fuxistes de facelo por ir á taberna a glorear. Cómo se pode ser tan atrevido tendo miniños na casa?
     Persevera a sogra no fustigamento ó pai: 
     -...E menos mal que eu sempre tuven a precaución de levantar o miniño da cuna e espertalo cando algunha vez aconteceu pasar un enterro por diante da porta, que xa vai parecer que o fillo é meu, do pouco coidado que tendes vó-los dous...   Mira o que pasa cando ún depende do voso coidado.
     O acurralado pai contraataca con escusas que lle alivien do castigo que está a recibir, por riba da pena que carga polo mal do seu cativiño. Resposta que él non foi o único que esqueceu o afumamento após dun enterro.   Moitos tampouco se afumaron e nas súas casas non pasou nada.
     
     A sogra, que cando o xenro vai, xá ela vén de volta, nono deixa fuxir con esa evasiva de incrédulos espetándolle:
     -Hai miniños ós que lle é mais doado coller o aire, e hai outros que nono collen nunca, está claro que o nóso tén esa debilidade e os deses outros non. Agora só hai que rezar moito pra que o remedio sexa efectivo, pero si o miniño non cura será porque chegou moi tarde, ou porque nono fixemos axeitadamente... Ou porque Deus o quere así.
     E dí o narrador: Como adoita pasar con estas cousas da fé e da superstición, sempre hai un roto pra un descosido.

     Sexa como for, non se lle volverá a escoitar ó escaramentado pai do rapaz poñer en cuestión esta terrible maldición do aire dos difuntos:

     " ...e crédeme que este mal sí que existe, porque eu tampouco acreditaba nestas cousas, ata que o vin cós meus propios ollos,"


- F I N -



     Con este relato de ficción quixemos achegar o que na Arousa chamamos "O mal do Aire" que consideramos como unha das crenzas tradicionais mais peculiares que atesouramos no patrimonio inmaterial da Illa de Arousa. Unha historia onde interactúan de xeito tan simbiótico o mundo dos vivos e dos mortos, como tantas veces ocorre na nósa Galiza con este tipo de supersticións, que veñen enraizadas na mais ancestral historia da terra a das nósas xentes.
     Crémos que é unha tradición completamente exclusiva da nosa Illa. Non coñecemos ningunha tal que ésta, nin preto nin lonxe da Arousa, e aínda que cecais pudera xurdir algunha con características semellantes, coidamos que serían produto da casualidade.
     De calquera xeito,como seguro que moitos de nós temos algunha vivencia relacionada, ou coñecemos a alguén que a tuvo, sería estupendo que éste espazo se convertise nun foro onde as pudésemos partillar, utilizando a caixa dos comentarios mais abaixo, ou participando no inquérito que tamén poñemos deseguido.

     Unha xoia mais para o nóso arcón dos tesouros Carcamáns.

fmca

9 comentarios:

  1. Non se pode desir nada xa que a vida mesma e un misterio

    ResponderEliminar
  2. Imprescindible afumarse nunha boa fogueira despois dun enterro, a poder ser con fume de loureiro (infalible).

    Habelas hainas!!

    ResponderEliminar
  3. Non é exclusivo da Illa, coido que o é de toda Galiza. Aló menos no Barbanza tamén se daba esta crenza.
    Entre nós o afumado logo de estar ante un defunto facíase con un puñado de pluma (picaños dos pinos).

    ResponderEliminar
  4. Estupendo Arben, debe tratarse dunha cousa semellante coas peculiaridades propias daí, agollá atopasemos algún mais, aínda que me da a impresión que de toda Galiza non é, porque xa por aquí arredor costa traballo atopar algo. En calquera caso moi agradecidos pola túa achega. Un saúdiño

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. SI PODE SER QUE EN RIVEIRA TAMEN PERO NONEN TODA JALISIA EU PREJUNTIN EN MOITOS MUNICIPIOS E ALI NUNCA SE AFUMAVAN NOS ENTIERROS E ARRIMABANSE OS NENOS E NON PASABA NADA

      Eliminar
  5. recordo que o medico "don ramon, sempre negou tal creencia decia que esas eran supersticions da xente,o caso e que el tuvo un fillo co aire e se no no mete no forno do mascato oxe non contaria o conto... en fin,cada un conta a feira a su maneira.

    ResponderEliminar
  6. Eu tamén teño escoitado esa "leyenda urbana", pero podo asegurar que eu mesmo pregunteille por ese tema a D.Ramón e él negou por activa e por pasiva que nunca acreditara nestas cousas, ata case lle pareceu mal que llo perguntara. Outra cousa ben distinta é que, como me pasa a mín, estas supersticións parécenme verdadeiras xoias da nosa tradición.

    ResponderEliminar
  7. E qué vai disir D.Ramón, que un médico cree nesas cousas...pois foi verdad, despois de recorrer todos os colegas, quen llo recomendou foi a muller que lle coidaba as fillas, Lourdes,

    ResponderEliminar
  8. Como dí Arben, Non é exclusivo da Illa, nin tan siquera de Galiza, chega polo menos ata Cantabria...
    O que sí coido é da Illa, é o de meter ao meniño no forno
    Algúns links:
    http://www.nomedigas.com/2008/12/brujera-2xana-y-punto.html
    http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=mal&tipo_busca=lema
    http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=abantuxo&tipo_busca=lema
    http://www.fornelos.net/romar/creencias_supersticiones/o_aire.htm
    http://www.fornelos.net/romar/creencias_supersticiones/tres_mujeres_famosas.htm
    http://www.celtiberia.net/articulo.asp?id=3431
    http://www.realacademiagalega.org/imaxin-boletins-web/paxinas.do;jsessionid=D575499469205304A3A96BE1C2C3B71C?id=2829&d-447263-p=2
    http://www.realacademiagalega.org/imaxin-boletins-web/paxinas.do;jsessionid=D575499469205304A3A96BE1C2C3B71C?id=2829&d-447263-p=3
    http://www.realacademiagalega.org/imaxin-boletins-web/paxinas.do;jsessionid=D575499469205304A3A96BE1C2C3B71C?id=2829&d-447263-p=8
    http://dilaida-dilaida.blogspot.com.es/2012/01/o-aire-na-mitoloxia-galega.html

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.