Fraseoloxía Carcamana






     Í M O S L L E   dar un novo pulo a aquela publicación que no 2009 abreu o blog “Na Illa” con este mesmo título o rexistro desas locucións locais creadas polas nosas xentes, as cales se ben pra nós son expresións que nacen espontáneas e de inmediata asimilación, para esoutras persoas ás que entre os Arousáns etiquetamos como “xente de fóra” resultan en moitas ocasións de imposible dixestión por non ser quén o foráneo interlocutor de interpretalas no seu senso figurado. 

      Bén certo é que moitas délas só as comprendemos nós, ben sexa porque xa coñecemos a orixe na que foron concebidas, ou porque tuveron o seu berce nas nósas experiencias comúns, tradicións ou mesmo na vida cotían, pois tamén éche igoalmente certo que algunhas perden o seu rico contido fóra do contexto Carcamán. 

      Folga "facer a recordante" de que poñemos esta  
páxina ó dispor da nósa sufrida audiencia pra que coa súa contribución poidamos engadir mais xiros dialécticos, manexando a discreción a caixa dos comentarios que estratéxicamente poñemos coma sempre ó pé da páxina para discrecional uso dos mais atrevidos.

     Pensade que é un arcón cun tesouro que o Xenio Carcamán vai enchendo día a día, ficando aí dentro protexido do esquecemento, a salvo do expolio ó que o condea a fraxilidade da memoria.

     Por se tratar en moitos casos de frases e non de palabras soltas, fican ordenadas dependendo da variante coa que se constrúa, a forma verbal, o pronome, o xénero, etc., polo que ó mellor algunha atópase noutro sitio distinto de onde crédes, pero o asunto é que estea na lista, e si nono atopades, xa sabedes... 

      Pois veña logo, encetamo-la listaxe pola “a”, e xa veremos onde rematamos:






AMARRAR Á DE REPA: Amarra-las dornas en ringleira pra collelas ó día seguinte á plancha, contando coa altura da marea.
ANDAR ARREDOR: Andar desconcertado, sin conciencia de rumbo nin obxectivo.
ANDAR Ó CHUCHUCHÚ: participar en pequenas reunións regulares ou improvisadas onde se propagan e difunden rumores ou pequenas conspiracións. Exemplo de uso: "non te fíes de fulaniña que anda moito ao chuchuchú". 
A XOGAR A TESTOS: expresión usada para dicirlle a alguén que deixe de molestar e marche. Fai referencia ao lugar ao que tradicionalmente ían os rapaces a xogar ao fútbol.
ANDAR Ó BURATO: arte de marisqueo que consiste en andar ás ameixas localizándoas polos buratos que deixan na area e retirándoas unha a unha coa axuda dun sachiño pequeno, tamén chamado "meca".
ANDAR Ó REBUSQUIÑO: remenxer onde xa se buscou por si aparece algo mais.
ANDARLLE Á RONZA: facerlle as beiras, a un home ou unha muller.
ANDAR DE CARENA: Ir de borracheira.

Aparta laxe, que te fendo!
APARTA LAXE QUE TE FENDO! : expresión para indicarlle a alguén que ten moita fachenda ou que esaxera as súas capacidades. Obviamente, unha laxe non é tan fácil de fender. 
ARRÍA CABO: expresión mariñeira co significado de abandonar, desistir, fuxir, flexibilizar unha postura.
BOTAR ÂCHAR: dise cando alguén improvisa unha resposta. Exemplo: Non sabía a pregunta do exame pero botinlle a achar e acertín
BOTAR A TREITA: practicar unha arte de pesca para a captura de polbos.

CABO EN RODA: Ir rematando a faena. Saír apresuradamente antes de que cambien as cousas.
CALMA PODRE: expresión mariñeira que indica que non hai vento no mar.
CARA DE SEIRON: expresión para dicir que unha persoa pón mala cara cando lle falas. O seirón é unha cesta de esparto.
CATIVO COMA UNHA AROLA: estar moi fraco.

CHANGÜÍ: Especie de propina ou pequena suma que os rapaces adoitan solicitar "por dereito". En xeral, utilízase pra mencionar algunha suma que se reclama como unha especie de recompensa adicional.
COLLER MEDIA AREA: emborracharse. Esta expresión tamén se usa noutros lugares da costa galega.
COMA A AREA: expresión que indica que algo é moi abundante.

COMA OS BOIS NA MOTORA: estar apretado ou andar a tombos. Expresión que fai referencia á embarcación que trasladaba os animais e as persoas da Arousa a Vilanova, antes da existencia da ponte.
COMA UN PORCO/A: expresión que indica que algo é grande ou moi voluminoso.

CONAN DAS CASOLAS: Ser un maricallo, andar entre mulleres ó conto.
CHOVE A ESMADRASAR: chover abundantemente.
CHUMPA-NA-CAMA: ser un badanas, un calamidá, un ninguén.
DARLLE A ESCOCHO: traballar moito, "a maso", xeralmente, con bo resultado. Tamén se usa coa palabra "pexegheiro". Por exemplo, cando as sequeiras fan boa marea, din: "hoxe démoslle a escocho pexegheiro".
DARLLE Ó MEDIO: atropelar, dise cando un vehículo, por terra, mar ou aire, bate contra algo ou alguén.
DE LAIS A LAIS: de lado a lado. Tamén se di "de les a les".
ESTAR APAXARADO: estar pampo, despistado
ESTAR NA AJUIÑA DOS OVOS: estar encantado, a gusto.
ESTÁ COMA A PILLA: dise cando un alimento está moi salgado. En portugués existe a expresión "pilha de sal" co mesmo significado. Literalmente, "pilha" é unha morea de cousas apilladas e probablemente recibían este nome as salinas que se explotaron na Arousa durante a Idade Media. Ex de uso: Esta empanada está salgada coma a pilla. Ou: Esta empanada ten a pilla.
ESTÁ COMA UNHA NASA: estar tolo, "mal da cabesa"; dise de alguén que perdeu o xuízo.
ESTÁ NA PONLA: dise cando alguén actúa de forma despistada ou está pampo, coa cabeza noutras cousas. Está na Jalla.
ESTÁ NO ARO: estar moi fraco.
FACE-LA FLOR: Preparar o lote para a venda, fundamentalmente de marisco, para que os exemplares máis prezados queden á vista e ocultar aquelas pezas menos valiosas, xeralmente as máis pequenas. Florear.
FACE-LA JATADA: latar, faltar á escola
FACE-LA ACORDANTE: lembrarlle a alguén unha cousa pendente, darlle aviso. Ex. Teño que pasar pola oficina antes das doce, faime a acordante que se non esquézome. 

FACER DOUS PEIXES: separar o marisco para a venda en dúas calidades, segundo o seu tamaño. En vez de presentar o lote de ameixas tal e como se apañou, preparáse, por exemplo, medio quilo de grandes e outro quilo e medio de medianas para optimizar as gañancias.
FASER MAJAS: que a actividade en cuestión dáseche de xeito inmellorable. Que eres un crack.
FÓRA LIXOS: expresión para botar ou apartar a alguén cando molesta ou está atravesado.
IR A CORPO: andar sen abrigo, sen chaqueta. Ex. Vas ir así a corpo co frío que fai?

IR A FÓRA: expresión carcamana por excelencia para dicir que un vai de viaxe ou que sae da illa. Ex. de uso: na Arousa case non hai tendas de roupa, sempre teño que ir a fóra a mercar.
LEVOU A SANTA ÉL SÓ PRÁ CASA: dise cando unha persoa colle unha "area" memorable.
LEVAR OU DAR UNHA CHAQUITILLA: levar unha tunda, unhas boas labazadas. Ex. Onte á noite déronme unha chaquitilla e levín o lume para a casa.
LEVAR UN ESCORAZO: recibir unha agresión cun dos puntais de suxeición que se pón na dorna cando a marea está toda seca. A frase úsase xeralmente como ameaza: "vas levar un escoraso".
LEVAR UN LORCHASO: pescozada coa man aberta que trisca mais aínda do que doe.
LEVAR UNHA CHOSCA: expresión referida ao xogo, utilizada cando a diferencia no marcador dun equipo ou xogador é abusiva con respeco ao outro contrincante. Úsase en varios lugares de Galicia.
METER A LANCHA A BORDO: expresión mariñeira para dicir que a un lle están tomando o pelo ou contándolle unha trola. Ex: estache a meter a lancha a bordo, non lle fagas caso.
NA CASA DA COLLONA: estar moi, moi lonxe.
NANTRONTE: variante autóctona da palabra “antonte” ( o día antes de onte ).
NON CABE NA CUNCHA: xeralmente, úsase para dicir que alguén está moi satisfeito, que ten fachenda. Expresión mariñeira que fai referencia ao marisco cando está gordo.
NON CABE NO CACHO: expresión para referírmonos ao marisco cando está gordo, tamén se pode aplicar ás persoas co mesmo significado de "Non cabe na cuncha".
NON CHEGA O CABO Á CAVERNA: non ser suficiente có que se tén para facer algo.
NON ME ENLÍE-LO PALANGRE: expresión mariñeira co significado de "non me enlíes, non me confundas".
NON PESCA POR MALLA: expresión mariñeira para indicar que a execución dunha cousa ou tarefa non ten por que ser exacta ou fiel.
NON TER LACHA: Ser un desvergonzado, un carota.
NON VE-LA BOIA: Falta de pericia ou habilidade que se presupón ou espera. A expresión fai referencia ao mar.
NORTELO: variedade autóctona da palabra “nocello”.
NUNHA FLOR: Momento de gracia, rapidez. Exemplo: Collín a tasa de ameixas nunha flor. Ir nunha flor: suceder un evento de xeito rápido e sinxelo
OS DE FÓRA FAN PITILLOS: expresión tabernaria que se aplica no xogo das cartas, para dicirlle a alguén que non participa na partida que deixe de meterse no xogo e dar instrucións. O de facer pitillos fai referencia ao tabaco de liar, os que miran fan os cigarros dos que están a xogar.
PAN DE CAMBADOS: expresión para referirse en sorna ao peito das mulleres cando é voluminoso.



PAPAROLO: ser un papanciño, un inxenuo. Aplícase xeralmente aos nenos pequenos.
PISALLADA: Denomínase pisallada ao resultado de esmagar amoras, miolo de pan e azucre, unha merendola, xeralmente de nenos, propia do verán. Fig. “facer un cristafallo”.
QUEDAR NUN BARRENO: quedar sorprendido
SÁBEO CAMEÁN: expresión que indica que algo que se dá por sabido.
SALTOU UN PEIXE: expresión de sorpresa para saudar a alguén, cando hai tempo que non o ves.
RAPÁS DABORDO: expresión mariñeira que se usa en frases do tipo "a ver se pensas que son o rapás de abordo", cando a un lle fan realizar recados e traballos menores. Fai referencia aos aprendices que comezan a ir ao mar.
SER DA PUNTA DA PONLA: ser de calidade ou tamaño excepcional, escollido, do melloriño. Ex. de uso: "levaba uns camaróns da punta da ponla".
SER DA PRIMEIRA CANTADA: diplomática maneira de chamarlle gorda a unha muller.
SER UN REI PEDRO: ser un papán, un ninguén.
SER UNHA NÉCORA: ser unha lercha, unha lagarta.
SER UN CHINGLÁN: ser un "tantometén", un "gilipollas". Expresión usada na ría. Exemplo de uso na Arousa: Vai haber máis hostias que na voda de chinglán. Exemplo de uso en Rianxo: Pareses un chinglán da Arousa.
TER AS LUCES NOS OLLOS: expresión para referirse a alguén cando está famélico.
TER UNHA CARENA: ter unha chispa, unha boa bebedela. A orixe da expresión ha de estar relacionada ou coa carena que se lle bota ás embarcacións ou co carenado dos veículos de terra.
TER MOITA ESCORRENDELA: ter habilidade para escapar dun perigo sen dano. Ex. de uso: "a fulaniño non o dan pillado nunca, ten moita escorrendela". A expresión provén do vocabulario propio do xogo dos trompos. Os participantes tiraban os trompos dentro dun círculo trazado na terra, chamado "rondel". Cando o trompo perdía verticalidade, desprazábase en horizontal grazas a "escorrendela". Os trompos que non tiñan escorrendela suficiente ou batían nalgún obstáculo, quedaban no medio do rondel, expostos a levar "chochas" (impacto coa punta) e "masocasos" (impacto co corpo), ata que nun dos lances saía do rondel, e o xogador xa podía volver a tirar.
TÉN O PIORNO CHEO: utilízase figuradamente, cando e pensa que alguén disfruta dunha situación económica farturenta.
TER UN CABALO: dise cando un ten unha contractura no pescozo, que lle impide xirar a cabeza.
TODO A UN CORRER: expresión con orixe mariñeira que indica que un espazo está despexado de atrancos. As dornas tradicionais están dotadas de bancos ou cadeiras, unhas táboas dispostas na parte interna da embarcación de banda a banda. Cando non tiñan estes elementos, dicíase: Teño a dorna todo a un correr.
TOMÁSTESME O FOLIO CAMBIADO: expresión mariñeira de advertencia, que indica que a un non o valoraron de forma axeitada. Significa "coidadiño, non te confundas comigo".
TRABALLA COA TÚA FIRMA: expresión mariñeira de uso tabernario, con especial incidencia entre os naseiros, para solicitarlle a alguén que fale pola súa conta e non diga as palabras e pensamentos de outro.
VÍRAME LA MANO [sic]: expresión que se usa como adverbio de tempo, para indicar que unha cousa se executa con rapidez ou dura pouco tempo (o que se tarda en virar a man). A frase tamén se utiliza abreviada, en expresións do tipo "nun vira". Exemplo de uso: Non te preocupes, que isto fágocho eu nun vírame la mano.
VÓLTA Á BOLA, QUE É DE MILLO TODA: expresión de orixe labrega e caída en desuso -é do tempo no que se facía o pan na casa- para indicar que alguén está a repetir insistentemente a mesma cousa.
VOUCHE BOTAR UN POLBO DE NOVE RAXOS: xogo de verbas entre 'polbo' (en galego, cefalópodo) e 'polvo' (en castelán, coito), que anuncia unha actividade sexual masculina memorable, tendo en conta que o polbo ten só oito raxos.



...bueno, pra empezar está ben, agora esperamos as vosas achegas, que seguro que quedan aínda moitas frases mais. Agardamos por elas nos comentarios.






15 comentarios:

  1. Qué quería dicir aexpresión "non lle cortaba a fouza"no seu sentido non literal?

    ResponderEliminar
  2. Vaya pan de Cambados

    ResponderEliminar
  3. O do polvo de nove raxos e boisimo jajajajaja

    ResponderEliminar
  4. Falta "cabo en roda" e "vai na llama"

    ResponderEliminar
  5. tanto "non lle cortaba a fouza" coma "vai na llama" nunca os escoitara, habería que explicar o sentido figurado deles.

    ResponderEliminar
  6. Anónimo8/4/13, 9:38

    Sempre recordarei ese chiste que xamais conseguín que me entenderan fora da Arousa:
    "Como se chama o Ministro de Economía Chino??? ....
    chámase: "CHAN-GÜÍ"

    ResponderEliminar
  7. ése é moi bó, mais coido que é mais ben xenérico da xente do mar en Galiza:
    http://www.estraviz.org/changui

    ResponderEliminar
  8. Meu ben-querido Gran Irmán Pandulleiro, o termo Chan-güí coñecido por mín e utilizado desde pequeno (na Arousa, por suposto), non é o indicado nese enlace que pos, xa que nada ten que ver có mar, eu e a maioría de xente que coñezo, sempre o utilizou para se referir a uns "cartos", é dicir, en senso económico sempre. Por exemplo, para os cartos que semanalmente nos daba nosa aboa, sempre llo pediamos como "arría o changüí", ou cando lle tiñas que pedir os cartos a alguén, pois o mesmo. Descoñecía a afección do significado referido ó mar.
    Saudiños, e a seguir...

    ResponderEliminar
  9. Unha explicación convincente, velaí vai. Si non está bén definido tés dereito a recuncar... ;) Un saúdiño.

    ResponderEliminar
  10. CONAN DAS CASOLAS, ser un maricallo, andar entre mulleres ó conto.

    ResponderEliminar
  11. FASE-LA PERA, CASCAR A PERA.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. amarrar a de repa

      Eliminar
    2. A primeira penso que non é carcamana, senon mas ben internacional... En canto a ésta última, nunca a escoitara. Sería precisa a definición pra subila á listaxe.

      Eliminar
    3. Si estou equivocado que alguen me rectifique pareseme que se chamaba asi a forma de amarrar as dornas fasendo unha fila pa collelas o dia seguinte o que se di a plancha contando ca altura da marea

      Eliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.