O asalto dos Homes do Norte (V)







A DERRADEIRA VISITA




     Está escrito na Historia que os Vikingos remontaron a nósa Ría saqueando cada aldea e cada pobo que ían atopando, deixando unha estela de caos e morte. Mesmo chegaron a matar ó Bispo de Compostela, que lles fixo fronte na batalla de Fornelos. Alí conseguiron unha importante victoria que lles facilitou liberdade de movementos por toda Galiza, uns desprazáronse cara ó interior chegando ata o Cebreiro, e outros embarcaron novamente coa intención de penetrar por Tui  remontando o Miño e repetir a súa triste historia de terror por eses lugares.


     Polo tanto, executaron o que xa tiñan planeado cando saíron da nosa Illa, volveron sobre os seus pasos atravesando a Ría, esta vez rumbo ó Sur pra saír dela por Sálvora. E no medio ficaban os nosos Arousáns, que xa quedaran medios retrencos e desconfiados cando de súpeto se atoparan ceibes dos vikingos.


     Os pesadelos que aínda padecían polas noites coma inexorables secuelas da nefasta experiencia do seu cativerio nas mans daqueles implacables carcereiros íanse tornar doutravolta reais.


     Dende varias posicións de vixía que aínda mantiñan os nosos veciños dende que se foran a primeira vez, foron avistados os drakkar que baixaban polo río de Catoira cara ó Sur a traveso do Canal, pero que inmediatamente rectificaron o seu rumbo pra poñer proa á nósa Arousa. 



parte da fortificación "Castellum Honesti" que tivo ata sete torres
en ámbalas beiras do Río Ulla. Hoxe só quedan dúas, ás que
chamamos "Torres do Oeste"
     E unha vez mais quedaron os probes veciños da Illa fechados, sen tempo nen medios pra abandoala como creían que tiñan perfectamente estudado, acordado, e arranxado. Só lles deu tempo a algúns a escaparen pró Cón do Forno, onde se acubillaron buscando refuxio nos ocos daqueles penedos, pregando pra que as hordas deos guerreiros que tan bén coñecían nonos atopasen alí.


     ...Non foi que nonos atopasen, é que nin tan siquera procuraron por eles. Satisfizeron as súas ansias devastadoras con saquearen todas e cada unha das casas roubando todo canto consideraron de valor e puderon levar, asasinando a todo-los que atoparon por diante e que, pra desgraza déstes non acadaron a tempo o xeito de fuxir. 

     Porén, os Vikingos non podían perde-lo tempo en remenxer polo pobo adiante na procura dos seus antigos escravos só pra afartárense dun afán exterminador sen mais senso, pois debían emprende-lo camiño sen demora. Os seus xefes eran ben conscientes da súa posición feble, pois só dispoñían duns poucos días, cecais só unhas horas, antes de que as forzas que estaban a preparar algúns nobres galegos para darlles resposta fosen capaces de se organizaren , así que non lle podían conceder a mínima posibilidade de se atopar envoltos en loitas que comprometeran a súa integridade e a fuxida có botín.


     Os vikingos eran un atallo de túzaros que sustentaban a súa bravura na impresionante figura que ofrecían coa súa corpulenta presencia e mais na cruel e implacable acción asasina desprovista da mínima clemencia, pero tamén sabían ser intelixentes pra recoñecer cando unha situación  se tornaba en contra. Non ían ser tan parvos de estragar a súa temporal superioridade.


     De inmediato douse a orde de abandoar a Illa, e nesas estaban cando atoparon no medio do tumulto ós nosos Xurxiño e Lenchiño, que nesas horas xogaban polos areais e antre os cóns preto das súas casas, alleos a todo o que acontecía. Os pequenos aínda non eran conscientes da gravedade da situación, nin da anguria dos seus pais que nese intre andaban na súa procura entre os veciños refuxiados nos arredores do Con do Forno, onde todos estaban agochados.

     Non tardaron en se decataren de que alí nonos tiñan, mais no seu desasosego procuraban forzar a esperanza de que os cativos se xuntaran con outras familias ó escapar, ou si acaso aínda conseguiran liscar pola súa conta cara a calquera dos currunchos que os rapaces coñecían perfectamente dos seus inocentes xogos de crianzas.

     Mal pensaban os seus aflixidos familiares que, lonxe de tal cousa, os dous nenos, ó veren voltar ós guerreiros normandos, achegáronse ata un grupo deles, a algúns dos cales coñecían da anterior "visita". Non recoñecían neses guerreiros a xentes tan desalmadas como realmente eran, pois como xa sabemos, o trato que lles outorgaron ós pequenos foi radicalmente distinto a aquel có que mortificaron a tódolos seus maiores. Tiñan pasado moitas horas cós pequenos, unhas veces utilizándoos coma fonte de información e outras como guías, cando non se poñían directamente a xogaren con eles, así que nin Xurxiño nin Lenchiño os percibían coma unha ameaza.



     Tamén é ben certo que nalgún fugaz momento pasou pola cabeza dalgún dos asaltantes acabar con eles, cousa que, dito sexa de paso, non lle suporía a aquelas alimañas esforzo moral ningún.


     Porén, non chegou a pasar tal cousa porque un daqueles "armarios" nórdicos que tan bén coñecía ós críos, adiantouse ás intencións de algúns dos seus compañeiros e colleunos cadanseu embaixo dun brazo coma quén leva dous porquiños pró mercado, e embarcounos nun drakkar a canda él. Alí quedaron os miniños "depositados" e amoreados có resto do botín saqueado en Compostela e en tódolos lugares por onde pasara a turba vikinga.


     Polas crónicas da época é ben coñecido que o futuro que lles agardaba a aqueles prisioneiros que os vikingos levaban consigo cautivos prá súa terra apresentábase verdadeiramente sombrío, pois adoitaban seren vendidos e utilizados coma escravos, en moitos casos con fatal epílogo.


     Mais, por sorte prós nosos Xurxiño e Lenchiño, non era ese o triste destino o que lles agardaba, senon que, por mor da simpatía coa que sempre os trataron algúns dos que agora se tornaron raptores seus, aconteceu que cando arribaron ás terras nórdicas, foron quén de introducilos na propia comunidade pra seren acollidos en cadansúa familia naqueles xélidos paraxes.


     Nese ámbito seguiron medrando, entorno ó que se sumaron metabolizando tan dramáticos cambios nas súas vidas coa sinxeleza das crianzas, que mesmo coma esponxas os absorven, asumindo rápidamente as costumes de tan distinto e distante País. Mesmo chegaron a formar a súa propia progénie, algúns dos cales se converteron en guerreiros daqueles temibles exércitos que raptaran ós seus pais moitos anos atrás.



     Á nósa Illa, que os Vikingos deixaron arrasada na última visita, xa non voltaron ata transcorridos uns sesenta anos mais, na que foi a súa última invasión onde se puido ver a aqueles bárbaros guerreiros normandos polo noso País.

     Mais desta volta xa non conseguiron arrasar ningún pobo, nin saquear botín ningun, alomenos na Ría de Arousa, considerada a porta de entrada a Galiza polos normandos, pois foron contundentemente rexeitados polos exércitos que tanto o Bispo de Compostela como a Nobreza galega lograron organizar, levantando varias fortificacións e torres defensivas a ámbalas dúas beiras da Ría, unha das cales tamén foi erixida na nósa Illa.



Recreación coa Torre da Arousa na súa ubicación orixinal.

     Logo de fuxir daquí escorrentados,  aínda continuaron por un tempo as súas depredacións por Galiza, penetrando por outros lugares máis ó Sur. Pero xa foi a súa derradeira invasión.

     ...E disque un dos Caudillos deses guerreiros que voltaron por última vez nos primeiros anos do século XI era alcumado polos seus súbditos como "O Galego", cousa que dou pé a unha manchea de conxeturas a propósito da orixe de tan enxebre pseudónimo. Un enigma do que por certo tampouco dan cumprida resposta as crónicas históricas da época.


     Mais os Arousáns sabemos agora doutra historia, así que certamente serán outros os que non coñezan a orixe do enigmático sobrenome daquel último guerreiro Vikingo, porque nós sí que temos unha idea.


     Pero ése é o nóso segredo...








- F I N - 




Links a tódolos capítulos do relato:
(I) O desembarco
(II) O ataque á Arousa
(III) A Proposta
(IV) A Fuxida
(V) A derradeira visita


© fmca

1 comentario:

  1. Felicito o narrador polo texto e por o bonito montaxe un relato sinxelo que me enganchou en todos os seus capitulos parabens e ata a proxima

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.