Salvar o Areoso







Tal e como estaba previsto, na tarde deste pasado martes achegámonos ó Areoso un grupo de xente cun obxectivo común: Contribuir dentro da medida e responsabilidade de cada organismo á conservación da riqueza deste illote que temos eiquí, ó noso carón, e que, como temos denunciado en múltiples ocasións, dun xeito ou doutro, por causas naturais, ou pola desidia human, cando non coa maldade da que ás veces algunhas persoas son capaces, en fin, que o Areoso esvaécesenos coma auga por entre os dedos.

Certo, os temporais traballando por unha banda, xunto cunha caste de turismo insolidario por outra, que unhas veces non coida a limpeza deste paradisíaco entorno, e outras moitas veces por descoñecemento, acompañado dunha nula sensibilidade coa que parecen empeñados en desfacer a esencia do ser do noso Illote: as dunas, ou mellor dito, o pouquiño que xa queda délas.

En fin, que có propósito de proporcionarlle aos técnicos a necesaria información coa que avaliar o deterioro que está a sufrir o noso Illote, acompañamos aos técnicos do CSIC, a arqueólogos da Xunta que, xunto con membros do Consello da Cultura Galega, o Alcalde do Concello, e tamén con expertos que levan xa un tempo calibrando precisamente a erosión que vén sufrindo nos últimos anos.


Tamén nos acompanou un grande divulgador das riquezas arqueolóxicas de Galicia, e nomeadamente a do Areoso, como é o apreciado Manuel Gago, e embarcámonos no "Rei do Mar" poñendo rumbo ó Areoso nesta xa ben afamada nave da Escola de Embarcacións Tradicionais Dorna, á cal non seremos capaces de agradecer dabondo o seu traballo en defensa destoutro Patrimonio das embarcacións tradicionais Arousán. Outros detalles do evento xa foron convenientemente documentados pola prensa nestas pasadas datas, como neste artigo do Faro de Vigo ou nestoutro da Voz De Galicia, ós que nos remitimos.

Unha inesquecible travesía da que todos disfrutamos, e na que o Patrón, o Director da E.N.T. Salvador Allo, púxonos a traballar un pouquiño nas manobras coas que aproveitamos un ventiño có que volvemos navegando a vela de volta. Unha gozada. En terra, ou mellor dito "en area" do Areoso, pudemos deleitarnos coa información coa que nos agasallaron tan ilustres compañeiros de travesía, coa que nos puxeron ó dia dos progresos que se van coñecendo dos males que queremos erradicar.


Todos cun eixo común: Preservar a riqueza natural, arqueolóxica, e marisqueira deste entorno, para o que áparte do óptimo resultado que deseguro que acadaremos cós informes de todos estes expertos, segue tendo ó noso parecer un importantísimo peso unha decisión política que non nos cansaremos e teimaremos en pedir: A inclusión destes illotes dentro do Parque Natural das Illas Atlánticas, medida coa que se podería encauzar a óptima protección de todo este potencial que vimos de contar.

Agora, cada quén emitirá os seus dictames, conclusións, artigos, e rendición de documentación, coa que confiamos nos axuden a poñer un granciño mais de area no nóso obxectivo: Salvar o Areoso.













No hay comentarios:

Publicar un comentario

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.