Salvemos parte da historia da Arousa e de Galicia
Ghidoiro Areoso, coñecido popularmente coma O Areoso, é un illote arousán de extrema fraxilidade por estar formado fundamentalmente de area, cunha duna activa na banda do norte e unha duna vexetada con afloramentos graníticos na banda do sur. No Areoso están catalogados cinco monumentos megalíticos funerarios, dos que dous saíron á luz cos últimos temporais, que tamén fixeron aflorar en diversas zonas da praia o paleosolo (sustrato fosilizado) que agora está á intemperie.
As cinco mámoas do neolítico e un asentamento de comezos da Idade do Bronce con cistas funerarias da época, xunto con restos de cerámica, ósos de animais e cunchas de comida froito das escavacións que se fixeron a finais da década de 1980 ou que a acción do mar foi desenterrando estes anos, constitúen unha parte moi importante da prehistoria da Arousa e de Galicia, de cando posiblemente o illote do Areoso estaba unido á illa da Arousa, daquela seguramente unha península antes de subir o nivel do mar que inundou o val do río Ulla.
As mareas e os temporais son un perigo para a riqueza arqueolóxica do Areoso, para a fraxilidade das dunas e do paleosolo, como tamén o son os numerosos visitantes que sen control ningún se achegan ó illote, que poden espoliar restos arqueolóxicos que o mar deixa ó descuberto e que moitas veces non respectan as barreiras de protección das dunas polo que se dana a flora que as suxeita, o que pode provocar que axiña acaben desaparecendo. Así mesmo son un perigo os moitos barcos a motor que no verán fondean preto das praias e que afectan os bancos marisqueiros das augas do illote.
Esta situación esixe unha estratexia urxente para conservar a riqueza ambiental, arqueolóxica e marisqueira do Areoso, tal como levan reclamando desde hai anos o Concello da Illa da Arousa, o seu Pósito e o colectivo Pandulleiros, creado para rescatar e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial da Illa e dos illotes do arquipélago dos Ghidoiros e para denunciar o desleixo das administracións por recuperaren o patrimonio arqueolóxico dese concello arousán.
Coa finalidade de evitar a degradación actual, Pandulleiros propón que se adopten, entre outras, as seguintes medidas:
1. Regulación urxente xa de accesos e visitas o Areoso e aplicación efectiva da lexislación vixente e actuación por parte das administracións e autoridades pertinentes ante a atividade ilícita da acampada libre; para que o illote descanse das agresións humanas, que están a acelerar o proceso de erosión dun ecosistema tan sensible, e deste xeito poder preservar a duna que salvagarda os restos arqueolóxicos e o paleosolo; posteriormente, deberá artellarse un programa de visitas que evite a actual masificación incontrolada de turistas e curiosos.
2. Aprobación polo Consello da Cultura Galega do informe sobre a situación do Areoso, despois de que os responsables das súas seccións de Patrimonio e de Ciencia visitaran O Areoso o pasado mes de xuño; e á vista dese informe e dos que o CSIC, a Deputación de Pontevedra e outros organismos redactaron (ou están a redactar) sobre o estado das mámoas e o imparable proceso de erosión do paleosolo, deben fixarse prioridades de actuación ambiental e arqueolóxica a cargo da Consellería de Medio Ambiente e da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Servizo Provincial de Costas do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
3. Transferencia ó Concello da Illa da Arousa de máis competencias sobre a protección do Areoso, pois ata agora foi o único organismo administrativo que se preocupou realmente da súa salvagarda.
4. Colocación de boias en todo o areal do illote como medida de protección despois de que o Pósito da Illa realizou un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros con moita semente de ameixa, á vez que sirva de protección doutros mariscos que tradicionalmente se extraen deses bancos.
Pandulleiros fai un chamamento ás embarcacións tradicionais do litoral galego para que o prósimo Xoves 11 de Setembro a partires das 16:30h se acheguen á Illa de Arousa e, dende as instalaccions da Escola de Navegación Tradicional ( no Bao) saír cara ó Areoso para esixir que os organismos competentes adopten con urxencia medidas como as citadas e outras que consideren pertinentes para salvar un paraíso natural no medio do mar da Arousa con cuncheiros, mámoas e un paleosolo que gardan unha parte importante da memoria da xente da Arousa e de todos os galegos e galegas.
Pandulleiros arela que concellos, pósitos e outros organismos públicos e privados, así como asociacións culturais e persoas individualmente manifesten a súa adhesión pública a este manifesto para entre todos contribuírmos á salvación do Areoso para que tamén poidan gozar del as xeracións vindeiras.
A Illa da Arousa, Setembro do 2014.
aque hora se salira do bao¿¿¿¿¿¿¿
ResponderEliminarperdon, a partires das 16:30h no Bao
Eliminarestupenda idea, ali estaremos...
ResponderEliminarxa era hora de que alguen tivese alguha idea,para. parar a desfeita do areoso...
ResponderEliminarciertamene lo que pasa en el areoso es una vergüenza ,no solo para las administraciones,si no también para nosotros como usuarios,
ResponderEliminarAli estaremos coa nosa embarcación. Salvemos o areoso. !!!!
ResponderEliminarQue agardades das administracións??? As mesmas administracións que queren facer de vos unha colonia turística. Pensades que chorando regulacións ides acadar algo??? Os da Illa sabedes ben que ou sodes vós mesmos coa vosa acción directa ou nada.
ResponderEliminarDespois teredes ao Alcalde ahí como se fose un viciño máis, e non o é... Se algúns mortos mirasen pa a illa botábanse a chorar.
As boas tradicións estánse perdendo na Arousa. Canto dano fixo o progreso e a demofarsa esta!!!!
Carcamáns???? nada de nadiña!!!! mais ben arroases!!!