Os Bufos, o descobrimento



Nestes días pasados caíron nas nosas mans uns recurtes de periódicos antigos verdadeiramente interesantes, nos que se daba conta de certos acontecementos de relevancia na nosa Illa. Cousa por outra banda verdadeiramente non usual, pois non eramos os da Arousa os que enchiamos daquela as columnas da prensa. Gostamos de facer partícipes destas xoias ós leitores pandulleiros, pequenos anacos da nosa historia nos que se relata un acontecemento singular sen dúbida. O casual achádego dos primeiros restos da Necrópole dos Bufos:

Seique foi o Siñor Francisco Otero Dios, (o difunto Siñor Paco "Malasuerte"), o que personaliza a nova publicada en El Compostelano, que conta que nos primeiros días do mes de setembro de 1931 descubreu a primeira cista da necrópole mentres andaba pola zona do Faro á procura dunha lousa que poñer no umbral da porta da súa casa.

Panorámica do outeiro dos Bufos nos anos 60s, reconstruída en base a fotogramas do vídeo de Uxío Outeiro "Ilha de Arousa 1969-1970"


Tamén coñecemos outra versión que pode situar ése descobremento cecais un par de décadas mais cedo. Conta que foi o Siñor Ramón Otero (o Sr. Moncho de "Sete Carros") o que, sendo un rapaciño que ía acompañando á súa nai a cachar batume pola zona, descobreu os primeiros enterramentos. De ser certo, calculamos poderíamos estar falando da década do 1910.

De calquera xeito, o evento que tanto trascendeu á prensa foi o primero, polo que, voltando ó relato do Sr. Paco Malasuerte, imaxinamos a súa sorpresa cando, dunha vez que deu atopado unha pedra coas características que precisaba, botoulle as mans e ó virala veu que por baixo déla aparecía o que era a cámara dunha sepultura cun "inquilino" dentro... ou mais ben o que quedaba dél.


El Compostelano, 23-Setembro-1931
O esqueleto completo dunha persoa xacía alí deitado e, segundo as crónicas dos días seguintes na prensa da época (temos algunhas notas dos diarios El Compostelano e El Progreso) sempre aparecían con orientación do Abrente ó Solpor, e dispoñían dunha ou de dúas cámaras, unha enriba doutra, atopándose neste último caso o cadáver na cámara dembaixo, coa cabeza un pouquiño mais elevada que o corpo, pousada nunha caste de almofada feita de terracota ou cerámica, á que lle foi dada a forma axeitada para ese fin. Déstas pezas destacan nos artigos que presentaban o que lles pareceron unhas estranas "marcas de dedos" sen mais explicación, e que algunhas cistas aparecían co interior das lousas recuberto de cerámica (probablemente placas de tégula romana) e noutras só pola parte da cabeza, mais en tódolos casos cubríase o conxunto cunha lousa de pedra sen labrar. Vamos, cun "pandullo" en todo orde ;-)


Esqueleto de necrópole romana, igoalmente recuberto con tégula. link á FONTE: http://wikimedia.org - FOTOGRAFÍA: Alvaro Perez Vilariño, - Os restos consérvanse no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón.



Noutro pequeno recurte de prensa no diario "El Compostelano", un arqueólogo alemán, o daquela eminente Dr. Ernst Gamillscheg, achegouse ata alí nunha primeira visita, da que ficou gratamente sorprendido, tanto polo xacemento, como -segúndo confesou él mesmo- polas paisaxes da Illa de Arousa, facendo a promesa de voltar e instalarse no vran seguinte, ademais de manifestar a súa intención de dar axiña unha conferencia en Berlín sobre ésta experiencia na Illa. Faremos por aí arredor algunha procura a ver si atopamos algo disto na obra e milagres do sabio alemán.


Nesta imaxe pódese comrobar a posición do defunto coa cabeza ergueita, igoal que nas tumbas dos Bufos, que pode ser da mesma época. FONTE: http://alanzada.wordpress.com FOTOGRAFÍA: Sepultura tardoromana (séculos IV-V) exhumada nas excavacións dos anos 60 (Blanco Freijeiro Fusté Ara e García Alén). Cortesía do Museo de Pontevedra.


No diario El Compostelano da imaxe de mais arriba aparece o relato doutra excursión que tamén fixo ós Bufos o doutor Varela Santos, daquela un afamado oftalmólogo galego, e por demais devoto da arqueoloxía, que lle prestou unha grande atención a este xacemento descuberto na Arousa. Reflexou a súa experiencia nesa crónica publicada o 23 de setembro do 1931, da que extractamos o seguinte anaco pola súa peculiaridade:


"Una turba de niños que me rodea y que esperan siempre la llegada de algún viajero, nos dice con ademán misterioso que hay un lugar en la Isla que el visitarlo es un peligro, ya que hace apenas veinte días, aparecieron sepulcros atiborrados de esqueletos y que en la noche, se escuchan ayes lastimeros, arrastrar de calabrotes, lúgubres cantos y sonar de cuernos agoreros"

Este pormenorizado relato dá conta dabondo do lixeiro que callou no imaxinario colectivo dos nosos abós o que se atopou nos Bufos, con semexantes esaxeracións cando non invencións relativas ó suceso, seguramente para darlle a relevancia que consideraban que tiña o achádego.

E como derradeira curiosidade, non podemos resistirnos a facer mención a outra frase deste narrador no mesmo artigo, que transcribiremos tamén literalmente:


"He ahí el lugar donde un indígena pocos días ha, buscando una piedra para construir su hogar, observó que las aguas invernales descarnando la tierra, pusieron al desnudo una losa que nunca sospechó que cobijaría el esqueleto de un hermano en el tiempo..."

Vaia, que xa daquela as xentes da Arousa eramos pra moitos "de fóra" uns indíxenas, unha rara variedade humana endémica desta Illa no medio da Ría, á que moitos viñan pra disfrutar das nosas formosas paisaxes.

Dende aqueles días tamén se achegaban pra facer un interesante e misterioso encontro có pasado...










2 comentarios:

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.