Recentemente deu chegado ata nós, principalmente por medio do noso amigo Pepe Orjais, a existencia dun antigo veciño que entre os séculos XVIII e XIX resultou ser un dos mais significativos representantes da igrexa na colonia española que daquela eran as Illas Filipinas, chegando a exercer importantes cargos xunto coa influencia que daquela conseguían no estado as Ordes Relixiosas pra levar a cabo a súa Obra. Así que a partires daí comezamos a recoller información que nos pudera dar pra redactar unha historia que nos achegase ó noso ilustre veciño, con este resultado:
Comezamos o nóso relato polos dados biográficos que nos ofrece Pepe Orjais sobre a vida e obra deste nóso veciño. (PREME AQUÍ) pra ir a eles no Blog “Illa de Orjais”:
"Fr. Ambrósio Otero nasceu na Ilha de Arousa em 1753, fillo de Xosé de Otero e Xosefa Álvarez, professando dezanove anos mais tarde no Convento dos Agostinhos Filipinos de Valladolid. Esta congregação religiosa nascera em 1758 amparada pela monarquia espanhola, dado o alto interesse que para a coroa têm o controlo da colónia. Por isto não espanta que em 1783, Fr. Ambrósio exerça de pároco na igreja de a Nossa Senhora do Patrocínio de Maria em Boljoon, Cebu, Manila".
Placa na igrexa de Boljoon fonte: http://thepausesbetween.com |
Chegados a este ponto da biografía deste Carcamán ilustre, resulta pra nós ineludible tentar achegarnos un pouco á súa persoa, a traveso daqueles lonxanos lugares onde levou a cabo a súa obra, nomeadamente en Boljoon, onde cecais exerceu a parte do seu traballo mais achegada ás xentes que lle tocou administrar, na Igrexa de Nosa Señora do Patrocinio de María, templo do que por certo semella que os seus veciños están moi orgullosos, pois acontece que é un edificio que posee unhas características estilísticas e constructivas moi significativas no contexto histórico-arquitectónico da ex-colonia española. Deseguido traducimos de diversas crónicas atopadas pola rede os detalles que mais nos interesan da historia deste lugar no medio e medio das Illas Filipinas:
“...De tódalas igrexas da illa de Cebú, a de Boljoon é a que che transmite mellor o senso do pasado colonial de Filipinas. De estilo pseudo-barroco, é a mais antiga igrexa construída en pedra, sendo declarada polo goberno filipino para a súa conservación e restauración en 1998. Foi fundada no 1599, ano da fundación da localidade polos frades Agostiños, sendo no ano 1737 abandoada por mor da falla de relixiosos que a rexentasen, polo que pasou ás mans dos Jesuitas, pra voltar á administración dos primeiros no 1747. Debido ós frecuentes ataques dos piratas escravistas musulmáns, (Moros, como aínda hoxendía se nomea á comunidade musulman das illas) a poboación de Boljoon nunca daba medrado, polo que pra protexelos déles, o monxe Agostiño Fr. Julián Bermejo creou unha liña de vixiancia por toda a costa dende Punta Ta'ong (Santander) ate Carcar, cunha lonxitude total de 96 kms, construíndo tamén unha edificación defensiva cuadrangular con muros de 1m de grosor que compraceron tanto ó Gobernador español, que os forneceu coa artillería precisa para defendela.
A partires daquí é onde entra o noso Arousán, xusto despois de que a referida igrexa-fortaleza fora destruída durante un novo ataque Moro no 1782 que arrasou case todo o poboado de Boljoon:
Igrexa de Nosa Señora do Patrocinio de María, Boljoon fonte: http://en.wikipedia.org/wiki/Boljoon,_Cebu |
De calquera xeito, é obrigado dicir que, en cada fotografía, en cada vídeo, en cada artigo no que se mente o lugar de "Boljoon" alí aparecerá algo da súa venerada igrexa, dentro da que por certo teñen instalado o "Parish Museum of Boljoom", ou Museo Parroquial, conservando nel con moito agarimo documentos, mobles, figuras, vestiduras eclesiais e, ó cabo, calquera testemuña que lembre aquel pasado colonial administrado polos frades Agostinos, dos que o noso veciño Frei Ambrosio Otero Alvarez (1755-1819) foi un destacado gobernante que deixou unha pegada perdurable, un ilustre persoeiro nacido nesta terra de Carcamáns, mais porén un descoñecido, sendo ésta unha condición que os Pandulleiros tentaremos conxurar coa publicación deste sinxelo artigo que honre como se merece a memoria dun antepasado tan eminente naquelas lonxanas antípodas e que, na medida que nos sexa posible procuraremos completar en canto consigamos mais información que podamos achegar.
O noso recoñecemento a tan noble figura, e o agradecemento ó benquerido Pepe Orjais, ó Padre Jesús Alvarez Fernández, archivero dos Agustinos Filipinos de Valladolid, e a todolos organismos ós que petamos á porta na rede na procura da necesaria información que entre todos nos proveeron prá redacción desta historia.
Interesantísima historia. Noraboa Pandulleiros por facernos partícipes dela. Grazas e ánimo no voso traballo de investigación que axuda a enriquecer o patrimonio cultural de A Illa
ResponderEliminar