Hortensia, a nai dos temporais





Estamos nestes primeiros días do 2014 no medio e medio do inverno, que este ano semella completiño, pois xa nos leva agasallado con dúas semans de choivas torrenciais continuadas no escomezo, unha cicloxénese explosiva que fixo os seus estragos,  e o último ata o de agora témolo neste comezo do ano, con mais temporais de ventos moi violentos e choivas dabondo pa que poidamos repartir a esgallo. Non nos podemos queixar. Unha situación moi acaída pra lembrar aqueles días de hai cáseque trinta anos nos que os restos do furacán tropical  Hortensia que quedou marcado na conciencia colectiva como o paradigma da calamidade, como a definición por sí mesma de algo desastroso.

Galiza, ubicada no medio das masas de aire frío polar e dos aires cálidos de orixe tropical, convértese entre os meses de Outubro e Marzo, e mais concretamente no medio e medio do inverno, nunha das principais vías de entrada a Europa das borrascas e sistemas frontais orixinados no Océano Atlántico, e aínda ás veces dos últimos coletazos dos furacáns orixinados no Caribe, que de cando en cando achéganse accidentalmente ata nós.

Da hemeroteca do ABC sacamos
a noticia que deron do Hortensia
Foi no inverno do ano 1984 cando aconteceu o que  foi un dos temporais mais importantes dos últimos anos, e na opinión de moitos, o de mais calado nos recordos da xente que o viveu, pola importante repercusión que daquela acadou en tódolos medios, tanto galegos coma do resto do estado.

Durante os días previos xa se encargaron de “quentar” o ambiente os medios de comunicación adiantando novas e vaticinios climatolóxicos que auguraban un evento desastroso, aínda tendo en conta que daquela as prediccións do tempo non eran tan atinadas nin tan sofisticadas coma as que temos hoxe, trinta anos despois. Outros tentaban coa mellor intención sacarlle ferro ó asunto chamándolle “cola del huracán” ou “restos en forma de borrasca” ó desastre que se aveciñaba. Un furacán có seu “ollo” a só douscentos kilómetros de Fisterra.


Moitos lembramos a ansiedade coa que todos asistíamos ó inexorable paso das horas mirando pró ceo en busca dos primeiros síntomas do monstro que viña dereitiño pa nós  sen que pudésemos facer ren, agas agardar por él. Colexios evacuados á tardiña e clases suspendidas ata nova orde. E dentro do grande susto que en xeral se percibía na poboación, había un colectivo que directamente vivía có pánico dentro dos ósos. Os mariñeiros en xeral, e bateeiros en particular non sabían que facer coas embarcacións.  Os primeiros, á busca dun abrigo onde protexer a súa industria e con ela a subsistencia da súa familia. En canto ós bateeiros, descontaban resignados o tempo ante a imposibilidade de afrontar a situación con ningunha outra medida que non fose, si acaso unha derradeira revisión dos ancoraxes dos “muertos” que mantiñan en posición as bateas, pero sen a mínima posibilidade de reparar posibles defectos pola falla de tempo ante a inminencia do furacán.

Neste artigo da Voz de Galicia no 2012 lembraban
ó Hortensia
Creo lembrar tamén como á tardiña do xoves día 4 de outubro de 1984 os ventos e choivas que nos viñan acompañando durante todo o día cesaron de repente, dando lugar a unha sospeitosa e espesa calma, que de improviso nas primeiras horas da noite deixou paso a uns furiosos ventos que ían gañando forza por momentos e que chegaron case ós 200 kilómetros por hora segúndo as crónicas, acompañados dunhas choivas torrenciais non vistas en moitos anos. Os danos humans facilitados ó día seguinte acadaron os seis mortos e cincuenta feridos en Galicia.

En poucas horas, o reconto de danos materias foi impresionante, bosques arrasados, árbores arrincados, barcos e bateas afundidos, vivendas arruinadas con destrozos nas fachadas, nos tellados, etc., carreteras cortadas por inundacións, por derrubes de árbores ou de taludes, cortes eléctricos (por certo, na Arousa moito mais graves e permanentes no tempo, pois aquí sabemos moito diso).

Ó día seguinte na nosa Arousa en en toda a Ría, moitos mariñeiros andaban tolos en busca das súas embarcacións e das bateas que, arrincadas dos seus “espichos” foron desprazadas ata inesperados “atraques” ou cando non, acabaron directamente no fondo.

Entre as primeras decisións das autoridades estuvo a declaración de “situación de emerxencia” pola Delegación do Goberno.


Na nosa opinión, como “rescoldos” de todo aquelo, o que quedou no imaxinario colectivo da nosa comunidade foi un nome: “Hortensia” como definición en sí mesma dunha situación de calamidade xeral, e nos anos seguintes, nos que continuaron a producirse as habituais borrascas e temporais de tódolos anos, percibíase aínda nas almas da xente o medo a unha repetición do mesmo. De feito hoxendía, que xa van alá trinta anos, aínda lembramos con bastante claridade aquel susto, tódolos que tuvemos a ocasión de vivilo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.