O día 2 de novembro de cada ano saen os cativos a pedir polas rúas da Illa de Arousa. Coa súa piadosa solicitude de "unha limosniña polos difuntiños que van alá" sempre conseguirán seren correspondidos cunha chuche, unha moeda, ou calquera cousa coa que os pequenos poidan enche-la bolsiña cando volten prás súas casas. Unha tradición de Difuntos perdida xa na Galiza. Porén na nosa Illa semella que cada ano amosa mais arraigo, o que a convirte automáticamente noutro dos tesouros carcamáns que tan porfiadamente gardamos no noso arcón da tradición e da historia Arousán.
Este ano 2013 a pesares da choiva, os nosos rapaces voltaron coma sempre coa súa retórica pidichona, e seguro que non regresaron á casa cos saquiños e os petos baldeiros.
Aquí subimos un vídeo que demos arranxado a base de perseguir ós cativos polas rúas da Arousa neste día tan peculiar e tan entrañable pra todos nós:
---------------------------------------------------------------------------------------------
Aproxímanse as datas de Defuntos, unha celebración católica instaurada no ano 830 polo Papa Gregorio IV, que decideu adicarlle o primeiro de Novembro a tódolos Santos, trocando a data désa celebración que os cristiáns viñan conmemorando no mes de Maio. Esta nova festividade imposta pola Igrexa para tapar cultos e ritos pre-cristians (como con tantas outras fixeron), foi denominada "Día de Todos los Santos" en conmemoración dos Santos Anónimos. Tódolos veciños visitan o cemiterio lembrando xuntos, en silencio, á xente que xa non está entre os vivos. Son datas nas que as luces e as flores no cemiterio crean un ambiente nostálxico e de profundo respeto polos difuntos, facendo desta reunión colectiva unha cerimonia solemne e intima.
Efectivamente, como vimos de dicir, esta festa cristián nace das mais antigas tradicións de cando os nosos antepasados Castrexos, habitaban nestas terras, dende o século VI antes de Cristo, ou aínda mais atrás na historia. Celebraban catro grandes festas durante o ano. O Samaín era a derradeira e a mais importante, pois iniciabase o día 31 de Outubro que viña sendo a súa noite de fin de ano, e remataba o Primeiro de Novembro como día dun Aninovo, có que se daba tamén inicio á escuridade do inverno. O ano celta dividíase en dous periodos, o de verán que abranguía dende o primeiro de Maio ata o Samaín, e o de Inverno, dende o Samaín ata o 1 de Maio.
Era a noite de Samhain “o cabaleiro da morte” cando os mortos tornaban á terra para pedir alimentos ós vivos. Nos días previos facíanse moitos sacrificios de animais, que eran a un tempo ofendas relixiosas e tamén o necesario aprovisionamento de carne e pelexos con que protexerse da fame e do frío do duro inverno que asomaba.
Aqueles nosos antepasados crían que a noite de Samaín abríase unha fiestra que comunicaba na mesma dimensión ós vivos e ós mortos. Durante esas horas prendían fogatas con que guiaren ós mortos na escuridade pra que pudesen atopar ós seus parentes vivos e reunírense con eles na celebración.
Pola súa banda, os guerreiros castrexos colocaban unha pequena candea dentro das caveiras dos inimigos derrotados tentando escorrentar os seus espíritus. Éste pode ser o berce da costume de valeirar as butefas recurtando na tona caras que pretenden meter medo (hai que recoñecer que hoxendía con negativo resultado), poñendo tamén unha candea no interior e deseguido ubicalas preferiblemente nos cruces de camiños (outra costume claramente castrexa) ou en todo caso en lugares ben á vista de todos.
A Igrexa cristiá Irlandesa cambiou o nome Celta de Samhain polo de All Hallow Even (Halloween) tradición que os emigrantes daquela illa levaron ata os Estados Unidos de América cando fuxiron da fame a mediados do século XIX cara ó Novo Mundo. Moitos americanos de hoxendía aínda non saben que a súa festa favorita é unha aportación celta, que tamén incorporou a butefa alumeada como unha evolución de Jack-o-lautern (Jack o da lanterna) un irlandés ao que, segúndo a tradición irlandesa, prohibironlle a entrada no ceo e mais no inferno.
O día 2 de novembro na Europa do século IX, os cristiáns andaban polas aldeas procurando as que chamaban “tortas de alma” que non eran outra cousa senon anacos de pan. Cantos máis conseguiran, máis oracións prometían polas ánimas dos parentes defuntos dos doadores, para que chegaran mais axiña ó Ceo.
Semella que esta costume arraigou plenamente na Illa. Por aquela lonxana época tiñamos aquí uns anacoretas, frades liberados do noso mosteiro de Santo Martiño Pinario, que profesaban unha vida contemplativa e de radical austeridade vagando por toda a parte do Monte, que abandoaban provisionalmente cando baixaban ó pobo ése mesmo día 2 pra pedir polas casiñas da Arousa as “tortas de alma” a cambio de orar polos “defuntiños que van alá”. Con total probabilidade é aquí onde nace esta tradición tan enxebre, que aínda se manten plenamente viva na nosa Illa, singular na Galiza.
Esta celebración perdurou na nosa tradición insular a traveso dos nenos, que cada ano disfrútana có mesmo entusiasmo. O Día de Pedir son eles os amos das rúas cando saen de todas partes coa súas bolsas, rifando entre eles por ver cal pesa máis ou cál está mais chea, ou quén recadou mais cartos ou mais lambetadas.
click na imaxe pra ve-lo video. (fonte: unha pavera gravación do día de pedir publicada en La Voz de Galicia o pasado ano) |
Ése día esperta con outro estado de ánimo, esperando a chegada dos nenos que, co paso do tempo, van medrando en número. Concordaremos todos en que a visión dos grupiños de pequenos pateando as rúas cheos de ledicia coas bolsiñas preparadas prodúcenos unha grata sensación ó comprobar como esta tradición tan xenuina e exclusiva da nosa comunidade insular segue a se transmitir de xeración en xeración. Grazas ós cativos acougase a inquedanza e a anguria que nos produce a idea da morte.
Sen nos decatar, estamos celebrando o Ano Novo celta, o fin do verán e das colleitas, o remate dun ciclo e a chegada da escuridade e do frío. O fin de ano e o aninovo dos nosos ancestros castrexos.
Choramos polos que morreron case ao mesmo tempo que festexamos que estamos vivos.
Eu tamen formey parte de ese ritual nos meus tempos de neno e agradame que se siga mantendo a tradicion aunque vexo que cambiou un pouco a xeito da limosna xa que daquela era habitual que nos cargaran as bolsas con espigas,patacas cebolas etc e cargar as costas hasta chegar a casa . Saudos Pandulleiros por este magnifico traballo
ResponderEliminar