A forza das mariscadoras







Hoxe achegámonos até un dos colectivos arousáns que máis admiración espertan e dos que mellor reflicten os caracteres máis significativos que denominan a forma de ser colectiva da nosa Illa. Referímonos ás mariscadoras, e facémolo a propósito da xornada de limpeza que se ven de levar a cabo o pasado sábado 24 de agosto na zona que vai dende Semuíño ata A Salga.

O verán que está a piques de concluir foi, de novo, unha época intensa para as máis de 250 mulleres que conforman a Agrupación de Mariscadoras a pé. A parte das xornadas de extración da ameixa, as mariscadoras dedicaron moitas horas á vixilancia das praias, nesta época ateigadas de turistas que a cotío caen na tentación de rebuscar na area ata encher bolsas de plástico, ademáis da limpeza de algas das praias. Con todo, foron unha enorme cantidade de horas extra en case tódolos fins de semana do verán, que non se remuneran máis que coa esperanza de poder traballar máis.

Lembremos que o colectivo das mariscadoras é dos máis castigados pola situación económica. Pero ó baixo prezo da ameixa hai que unirlle a alta mortandade da mesma, así como a aparición dun parásito que acabaou con toda a poboación de berberecho das nosas praias.

Pero para as nosas mariscadoras semella non haber grandes males, senón grandes remedios. Foi delas a iniciativa, solicitada á Consellería do Mar, de recuperar praias que xa non eran aptas para o desenvolvemento da ameixa, debido á erosión por efecto das mareas e pola existencia de grandes cantidades de fangos. Este foi o caso das zonas de Semuíño, O Campo e A Salga, que fai meses recibiron grandes aportacións de area có fin de recuperar esas zonas.

Pero iso non é suficiente, posto que a inxente cuberta verde das algas daría lugar á mortandade das ameixas. Tampouco é recomendable o uso dun tractor nos areais, posto que causaría graves danos ecolóxicos de erosión. Polo tanto, foron as propias mariscadoras as que decidiron ocuparse desta actividade.


Estas actuacións de recuperación tiveron xa lugar en varias praias da Arousa. De feito, espérase que nun futuro se recuperen tamén as praias do Cabodeiro e a Abilleira.

A forma de traballar das mariscadoras na limpeza das algas non deixa de ser significativa e rebeladora. Mentres unhas xuntan os montes, outras forman cadeas humanas para pasarse entre elas os capachos, ata chegar a un gran contenedor. Todo un símbolo de organización capaz de xerar a suficiente forza para esquivar toda canta mala racha apareza no camiño.












S.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.