Houbo unha época na que os da Arousa non tiñamos precisamente moi boa fama polos pobos darredor en canto se sacaba o tema do fútbol. Contaban as lendas urbanas que aquí masacrábase ós árbitros, ou cousas así. E todo por un par de casos que efectivamente aconteceran, pero nin mais nin menos a como por desgraza acontecía en tódolos campos de fútbol modesto, polo que aquí tampouco eramos unha excepción. Pra mín, o que marcaba a diferencia era que daquí só se saía en barco. Un dato determinante.
unha das formacións do Céltiga daqueles anos |
Lembro moi bén ó árbitro, un rapaz bastante novo (todo mais trinta anos), moi repeinado e engominado él, apreciabase que o chaval coidaba bén a súa aparencia, pois o sempre adusto uniforme de árbitro, a este home sentáballe estupendamente, moi entalladiño e marcando cachas. Tiña un xeitiño de correr polo campo que axiña che resultaba cargante, pois trotaba él con esa empanada dos que son sabedores da fotoxenia do seu “estilaso” e abusan con esa coñecida sobreactuación. Era todo un acontecemento aquel árbitro, non coma os que adoitaban mandarnos nas divisións inferiores: calvos, barrigudos e bastante mais entradiños en anos e en carnes. Vaia, os clásicos árbitros que por unhas ou por outras, en canto pisan o campo teñen que aguantar a inxeniosa riqueza de insultos da que é tan abondoso o argot do hincha futboleiro, e que non resultaría moi apropiado reproducir aquí, por si acaso estamos en horario infantil.
Voltando á nosa estrela mediática, hai que dicir que xa durante todo o transcurso do partido, aquel figurín quixo converterse en protagonista do evento deportivo, pois teimaba en provocar á afición local con decisións que sempre prexudicaban ó noso querido Céltiga, coma si a aquel líder da categoría lle fixese falla a axuda do repeinado corvo pra sacar o partido adiante.
E nesto que chegamos ós derradeiros lances do partido. É preciso informar de que daquela era rarísimo que un partido se demorase ata o minuto 92, pero neste xa pasaran mais de cinco por riba dos 90 obrigados, e non se albiscaba o remate. Todo o público do Campo Salvador Otero esixía desesperadamente o asubío final, pois incríblemente o Céltiga iba gañando 1-0. Parecía que o noso humilde equipiño insular íballe a gañar ó “puto amo” da Terceira División.
Pero o árbitro seguía ó dél, de feito moitos comezamos a pensar que debía traer instruccións de como debía rematar o encontro, e non era precisamente perdendo o Ourense. Polas súas provocadoras decisións semellaba que, ou era un valente, ou un insensato que descoñecía as nefastas consecuencias que lle podían provocar á súa saúde os agravios tan descarados que lle estaba facendo ó equipo local.
Eu xa non sei si pasaban 10 ou 12 minutos, pero moitos hinchas xa botaban as barrigas por riba das barandillas do campo, asoujando coas súas ocurrentes poesías ós sufridos linieres, xusto por detrás da caluga.
Bueno, pois có público con mais calenturas que Annibal Lecter nunha carnicería, non se lle ocorreu ó noso engominado dandi cousa mellor que inventar (dou fé de que foi inventado), un penalti en contra do equipo local...
penalti !! |
Pero non... por desgracia para os Celtiguistas, e tamén por desgracia pró propio árbitro, o Ourense meteu o penalti e empatou o partido. Inmediatamente, sen dar tempo case nin a sacar do medio do campo, o de negro pita o fin do partido, e esprinta de inmediato có lume no cú coma un fojete cara á caseta dos vestuarios, que mesmo parecía Indiana Jones cando o perseguía aquela tribu de negros que o querían papar.
Pasado un cuarto de hora de duchas, a meirande parte do público xa se fora, pero bastantes siareiros aínda facían guardia alí, “merodeando” arredor da caseta dos vestuarios có punto de mira na porta do medio, a do árbitro, que probablemente xa se ía dando conta da gravedade do problema que tiña armado porque non se atrevía a saír, a pesares da protección garantida pola directiva. Eu e mais os meus amigos da pandilla tampouco nos fumos, pois víamos claramente o follonaso que se preparaba, polo que xa buscabamos a mellor posición para disfrutar do espectáculo...
Os estresados directivos do Céltiga tentaban dispersar e convencer ós ameazantes merodeadores de que marchasen prás súas casas, pero sen resultado... Nesto que de repente, o árbitro sae dos vestuarios.
Nós xa estabamos “en posición” e distancia correctas pró óptimo seguimento daquela nube de xente que, igualiño que un cardume de sardiñas, envolvía ó probe do árbitro, que non se distinguía no medio daquela sombra. Escapóuselle un detalle ó repeinado: da Arousa só se saía por vía marítima, e o camiño ata a motora era único e innegociable.
Pasaba a “procesión” por diante da porta da única casa que había daquela no camiño de Testos, a casa de Élida a Corcoña, e a parexa da Garda Civil xa se rendira incapaz de controlar os fieros ataques que lle chegaban ó arbitro dende tódolos puntos cardinais, e aínda acababamos de saír do Campo...
Eu teño que recoñecer que aínda que o momento era moi tenso, lémbro todo aquelo con hilaridade, coma se dunha función cómica se tratase... Batíanlle ata con canos de verdura que a xente ía arrincando das beiras das leiras arrente do camiño, (porque a procesión fíxose andando, que na Arousa non había automóviles daquela como é natural supoñer). Lástima pró probe do arbitro.
Eu só acadaba ver estranos obxectos voadores non identificados que, empuñados por algunha man que saía da nube, erguíanse por riba dos curutos da xente e baixaban de repente con forza... chack!... leña ó árbitro. Ata vin bater nél cun golfe das bateas, cós que por certo tamén se estercaban as leiras. Cando dou chegado ó muelle do Chufre dando fin ó seu particular Calvario, embarcando a empurróns na motora lucindo un vistoso lombo onde predominaban variados tonos verdosos, cunha grande riqueza de trazos dos canos de verdura, dos que tamén quedou algún cachiño pendurado na tesa cabeleira do engominado provocador. Levaba a cara encacholada do sufoco daquela penitencia que a súa imprudente provocación lle fixo sufrir, e traía os sapatiños tan nublados da polvareda dos camiños, que se podía escribir "amor" có dedo neles.
Nunca mais volvín a escoitar nada daquel home. Lóxicamente ó Céltiga caeulle unha boa sanción, que se albisca claramente inxusta, pois pra mín e mais pra moitos, aquel foi un claro caso do que vulgarmente se coñece coma un "árbitro comprado". En calquera caso hai que dicir que cobrar, cobrou a base de ben...
Non creo que tuvera a nosa Illa entre os seus lugares preferidos de vacacións.
Cómo me gustan estas historias do fútbol en Testos!!! Reinme moito, sobre todo por cómo está contada!!
ResponderEliminara verdade e que son historias singulares, como singular e a illa de arousa y os seus vecinños, grazas por compartir con nos estas historias.
ResponderEliminarRecordo un caso similar acontecido sobre o ano 1969 ou 70. Foi publicado na prensa de todo o mundo con grandes titurlares. Un grupo de rapaces da Arousa estabamos internos no colexio Labor de Vigo. Seguramente aconteceu durante un período de vacacións, e cando chegamos ao colexio o director castigou a José Manuel o da Cullereira porque o equipo no que xogaba acadaba sona mundial por zouparlle ao árbitro aproveitando que tiña que ir indefenso e a pé desde A Bouza ata o muelle. Daquela aínda non existía o campo de Testos.
ResponderEliminarNon é que José Manuel tivera unha participación activa no altercado (creo que daquela aínda xogaba nos xuvenis)... pero foi o xeito que empregou aquel profesor para manifestarlle o seu desacordo con ese tipo de actuacións.
Os demáis zafámonos por non ser xogadores do Céltiga.