Galiza vs Cornualles



Aproveitando a súa estadía por aqueles lares pra non sabemos moi ben qué maquinacións infernais, envíanos este completo e interesante artigo o noso querido Irman Pandulleiro David Culebras, no que contrasta o perfil da nosa Galiza có de Cornualles na Gran Bretaña, principalmente nas vertentes histórica e social:




     Neste artigo imos analizar as semellanzas culturais entre dous pobos en principio bastante afastados xeográficamente, coma poden ser os galaicos ( os poboadores da actual Galicia durante a idade do ferro, no primeiro milenio antes da nosa era ), e os córnicos, habitantes da península de Cornualles, en Inglaterra. Este patrón común que imos expoñer responde a contactos culturais e comerciais entre os pobos da idade do ferro, xa que non eran comunidades illadas e sen contactos entre elas; E probablemente e en menor medida, a movementos de poboación. Centrarémonos no caso de Cornualles, condado inglés onde ata o século XIX aínda se falou o córnico ( lingua celta emparentada co Galés e o Irlandés ), e durante a exposición iránnos sorprendendo as semellanzas máis que notorias coa cultura castrexa do Nororeste da Península Ibérica.

     A maioría dos celtas do que hoxe é a península de Cornualles vivían en aldeas (coma tamén sucedía na veciña Galia), cun sinxelo sistema de defensa,que podía consistir nun foxo e nun terraplén (os chamados en inglés "round", pola súa forma circular), ou en granxas ou asentamentos sen defensa. Os asentamentos mais importantes, e que podían ser os núcleos de poder do territorio, son os chamados "hillforts" (poboados fortificados en outeiros), ou "cliff castles" (castelos en cantís), e que veñen a corresponder os nosos castros de certa importancia, como poden ser os de Santa Tegra ou Ribadumia.

Vista aérea dun "hillfort", no cal observanse
 as murallas, foxos e terrapléns
( Castle An Dinas, Cornualles ) 
     Foi a finais da idade de bronce (en torno o 900-800 a X.C) cando xurden os primeiros hillforts, coma sucede en Galicia coa cultura castrexa, coas primeiras construccións defensivas dos que xa son os primeiros poboados permanentes, que xa se poden considerar os primeiros pobos e aldeas. Estas defensas fanse mais importantes a mediados da idade de ferro (s. V-IV a. X. C), e consisten, ao igual ca no caso dos castros, nun ou varios foxos e terrapléns ( que podían estar culminados cun muro ou empalizada ), que rodean o cumio dun monte fácilmente defendible.

     Outro tipo de poboamento e o situado xunto a cantís (os "cliff castles"), atopados tamén nos veciños País de Gales e Bretaña francesa, indicando contactos culturais entre todos estes territorios. O sistema defensivo é igual ó dos "hillforts", pero coa diferencia de estar situados nun cabo e contar coa defensa natural dun cantil. O mais parecido que podemos atopar en Galicia quizais sexa o castro de Baroña, que tamén se sitúa nun afloramento rochoso que da ao mar.

     Hai que destacar que algúns castros ou hillforts non estaban ocupados durante todo o ano, senón que tiñan funcións estacionais, coma lugar de refuxio en caso de conflicto ou enclave comercial. En Cornualles, a evidencia disto último observase en "cliff castles" de aloxamento pouco recomendable en inverno, en lugares moi expostos ao vento, e que serían poboados mais ben en verán, coa chegada do bo tempo e coma enclave comercial, para o intercambio de productos con pobos mediterráneos coma os fenicios ( caso do cliff castle "The Rumps", na costa Norte do condado, cuxos poboadores dispuñan ademáis de barcos para comerciar). No caso de servir ante un conflicto bélico, isto evidenciase na existencia de vivendas situadas xunto o "hillfort", mais non dentro del. En Galicia, tamén algúns castros eran ocupados de xeito estacional, na época de buscar pastos para o gando ou coma "porto" dende o que sacar os barcos de pesca.

     Coma comentamos anteriormente, a razón de ser dalgúns destes poboados da costa de Cornualles era o do comercio, aproveitando a abundancia neste condado dun mineral moi importancia na antiguidade: O estaño (necesario, entre outras cousas, para fabricar o bronce). Deste xeito, algúns destes poboados costeiros se ubicaron cerca de praias onde os barcos de comerciantes extranxeiros puideran estacionarse fácilmente.

Vista da península onde se sitúa o "cliff castle"
de Trevelgue Head
     Este é o caso de Trevelgue Head, xa habitado dende o neolítico e a idade do bronce (5000-2000 a. X.C), e onde as excavacións sacaron a luz obxectos de ferro, osos de animais e cunchas de moluscos.

     É precisamente por motivo de protexer estes recursos económicos da época (as vías comerciais, o gando ou a producción metalúrxica ), o que explica a construcción das defensas erixidas durante a idade de ferro, ademais dun desexo dos seus poboadores de amosar certo "status", ao igual ca as cidades modernas amosan ese certo prestixio coa construcción de rañaceos ou prestixiosos monumentos. A todo isto hai que engadirlle o carácter guerreiro destas sociedades primitivas ( tampouco existía a vía de escape do fútbol, naqueles tempos remotos ). Sen embargo, o anterior tampouco significa que esta xente estivera nun estado de guerra permanente. A existencia duns intercambios comerciais esixe unha certa estabilidade, algo que tamén se evidencia polas aldeas ou granxas que non contaban con defensas, e que indican que a poboación de Cornualles creceu durante a idade do ferro.

Foxo e muralla defensiva de Treryn Dinas, xunto 
co afloramento rochoso que parece "protexer".
     Incluso nas lendas e contos populares atopamos semellanzas; Ao igual que en Galicia os castros, dólmenes e petroglifos son lugar de residencia dos "mouros" (pequenos seres que agochan tesouros neses misteriosos restos dun pasado lonxano, segundo o mito da nosa terra), aos poboados prehistóricos de Cornualles hai asociadas lendas de xigantes e bruxas, que resultan probablemente da cristianización de deuses pagáns dos celtas. Na relixión destas xentes, calquera aspecto da natureza ten asociado un espírito ou divinidade, e é de supoñer que as rocas do poboado de Treryn Dinas e outros tiveran os seus (dos que procede o xigante que, segundo o folkore popular, viviu unha vez alí). E é que a función deste último poboado celta era probablemente tamén ritual; Só así podese entender que, cos limitados medios técnicos da época, molestaran en construir una muralla "defensiva" que só parece protexer unha vasta formación rochosa nun saínte costeiro.

     Cousas semellantes e  non menos sorprendentes atópanse noutros poboados prehistóricos coma Maen Castle ou Giant´s castle, onde as supostas "defensas" só parecen protexer pequenas zonas ou afloramentos de rocha. Hai que ter en conta que os foxos, murallas ou terrapléns non tiñan só unha función puramente defensiva, senón tamén de prestixio, e de destacar aqueles lugares especiais, no sentido místico do termo.

Restos dunha cabana no asentamento de Bodrifty
aínda que non se trataba dun "open settlement",
tiña unha muralla de defensa 
     Sen embargo, como punto de diverxencia, podese destacar a existencia en Cornualles dos chamados "open settlements", ou asentamentos abertos sen ningún tipo de defensa, serían simples aldeas ou granxas ( fronte ao caso prototípico dos castros fortificados de Galicia ). Estes asentamentos tiñan casas construidas na súa maior parte de madeira, aínda que a uilización de pedra permitiu que os seus restos chegaran ata nos, como amosa a foto.

     Hai que destacar que esta é a forma de poboamento que mais abunda nas illas Scilly, a unhas decenas de kilómetros mar adentro, onde non hai casos de "hillforts" coñecidos ( seguindo  unha tradición que probablemente se remonte a idade do bronce ).

Cabana reconstruida, no mesmo poboado
     A economía dos celtas córnicos era tamén a típica dos pobos da idade do ferro: Estaba baseada na agricultura e na gandeiría, atopándose nas excavacións arqueolóxicas osos de animais de crianza ( ovellas, cabras, cabalos e porcos ), e en menor medida, de paxaros e animais salvaxes. Ao contrario do que se ve no comic "Astérix", claro como os celtas comían porco e non xabarín. Na agricultura, algunhas das especies cultivadas eran o trigo, a cebada e o guisante, mentres que as outras especies procedentes da recolección na natureza ( raíces, bagas ou froitos silvestres ), completaban a dieta.

     Nun aspecto no que destacaban, e que lle da o nome a esta etapa da prehistoria, e na producción de ferro, que gradualmente desprazou ao bronce na producción de ferramentas e armas, ao ser mais resistente e duradeiro. En moitos poboados a fundición do ferro era unha das actividades mais importantes, ao atoparse nas excavacións unha gran cantidade de escoria de ferro. Outros achados na metalurxia son os broches de bronce ou os torques de ouro, que tamén se teñen atopado nos castros, obxectos de gran complexidade que serían fabricados por ferreiros especializados. No que se refire á cerámica, un dos achados mais importantes nos xacementos arqueolóxicos, estaba decorada con formas xeométricas ou curvilíneas, así como con estampados, nunha característica típica tamén desta última etapa da prehistoria.

     Todas estas semellanzas culturais entre os pobos da idade do ferro amosan que estes non estaban illados, senón que existían contactos, coma os comerciais: Deste xeito, Cornualles tiña contactos coa Bretaña francesa, Gales e Irlanda, mesmo coas illas Shetlands ( ao Nordeste de Escocia ). Isto supuña que, culturalmente, unha familia celta desta rexión tivera mais en común con outra comunidade da Bretaña que con outra de Hampshire     ( na costa sur da actual Inglaterra ).

     Estas relacións remontábanse á idade do bronce, reflexándose en semellanzas en obxectos, formas de asentamentos e no movemento de productos en toda esta zona atlántica. As formas de intercambio eran o trueque e os regalos, coma as espadas de tipo Hallstatt que apareceron no sur de Gran Bretaña ( do s. VI a. X. C), e que son consideradas coma unha mostra de intercambio de regalos entre as élites destas sociedades. Segundo o xeógrafo grego Estrabón (s. I. a. X. C ), os celtas de Gran Bretaña exportaban gran, gando, ouro, prata, ferro, escravos e cans de caza (o que non se pode comprobar arqueolóxicamente ), e aos que no caso de Cornualles habería que incluir un mineral moi abundante nesta rexión: O estaño, necesario para fabricar bronce.

     Ademais, a proba de redes comerciais no Atlántico son os broches que se atopan nos enterramentos en Harlyn Bay ( costa Norte de Cornualles ), semellantes aos atopados no Norte da península Ibérica e en Galicia; Os poboados fortificados no cumio dos montes ou os "rounds" ( asentamentos soamente protexidos por un foxo e un terraplén, e como o nome indica, de forma circular ) son unha característica común do Suroeste de Gran Bretaña, Bretaña francesa, Sur de Irlanda e Suroeste de Gales, o que indica que falamos de culturas semellantes. Estes pobos, ao igual ca os da península Ibérica, tiveron contacto con civilizacións mediterráneas coma os fenicios, tal e como indica un manual de navegación do s. VI a. X. C chamado "The Massiliate Periplus". Nel recóllese a ruta que seguían os productos fenicios, dende Cadiz á Bretaña francesa e dalí a Gran Bretaña e Irlanda ( utilizando posiblemente coma intermediarios algúns destes pobos, non necesariamente indo ata alá cos seus barcos ).No caso da península de Cornualles, o historiador grego Diodoro de Sicilia refírese a uns nativos de Gran Bretaña, do cabo de Belerium ( pode que West Penwith, no extremo Oeste da rexión ), acostumados a tratar con comerciantes extranxeiros, que adicabanse a fundir o estaño e a refinalo, para levalo a continuación a unha illa próxima a costa chamada Iktis ( supónse que pode ser Saint Michael´s Mount ). Os comerciantes extranxeiros comprabano entón aos nativos e o transportaban a través da Galia, e ao cabo dun mes de transporte en cabalos chegaban a desembocadura do río Ródano, no Mediterráneo. Isto da idea dun intercambio organizado entre comerciantes que chegaban polo Atlántico e os habitantes do suroeste de Gran Bretaña.

     Por último, outro feito que relaciona a Galicia con esta rexión de Inglaterra da que vimos falando é a existencia de fontes sagradas; Por textos irlandeses mais tardíos a esta época sabemos que as fontes estaban asociadas con divinidades femeninas da curación e a feltilidade, e que o cristianismo transformou adicandoas a algunha santa femenina ( igual que cambiou a festa celta do Samain polo día de tódolos santos ). Por exemplo, a fonte de Saint Madron ( cerca de Penzance, ao  Oeste da rexión ), supuñase que curaba o raquitismo, coa realización dun ritual de orixe pagano.

Reconstrucción dun poboado da idade do ferro
     En Galicia existe a mesma tradición de venerar fontes ou manantiais coma lugares con propiedades curativas, e onde posteriormente instalaronse igrexas e capelas, para que o seu carácter sagrado estivera adicado a algún santo. Este e o caso, sen ir mais lonxe, da capela da Nosa Señora da Lanzada, onde se celebra unha romería no último fin de semana de agosto, e celebrase o ritual do "baño das nove ondas", que segundo di o mito, favorece a saúde e a fertilidade.


     E con Isto rematamos con este pequeno resumo das vellas tradicións que poden unirnos a lugares tan lonxanos, e ao mesmo tempo, tan preto de nos... Unha vez mais, ese mesmo mar que disque separa ás terras e ás súas xentes, tén na nosa historia un efecto contrario: Contribúe a xunguilas, fornecendo os azos culturais, socias, comerciais, etc. de unhas sociedades que ficaban mais próximas a traveso do canle marítimo que doutras zonas xeográficamente mais arrente délas.










3 comentarios:

  1. Jasusiño de mi vida , ñendo solo por ensima,,,, camaradas coidadiño.....

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. sin duvida un fermoso e laborioso traballo do irman pandulleiro, david culebras,grazas moitas grazas por comparti-lo con nosco.unha aperta moi forte dende a tua arousa irman pandulleiro.

      Eliminar
    2. Pablo , tamen un traballo de carallo para ter a valentia de publicalo.....e para faser sejir creendo a xente teorias un tano indemostrables pero en fin ..........

      Eliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.