O Desembarco
Dous rapaciños enredan arredor do Cón de Navío, corren prá riba, e corren prá baixo, métense polos curruchos que sempre hai entre os penedos, gabean agarrándose ás gretas dos cóns que coas súas formas caprichosas dan azos á imaxinación dos pequenos, que son capaces de veren neles parapetos, torres de vixía, cámaras secretas do tesouro... De súpeto un deles, Xurxiño, que está no mais alto do cón, decátase dunha mancha aínda borrallenta que comeza a aparecer polo Sur, dende a liña do horizonte. O compañeiriño dél aínda seguía a enredar, nesto que sinteu a man de Xurxiño no ombreiro, reclamando a súa atención.
-Oes Lencho, mira pra-lá pra Sálvora, tí que ves naquelo que descobre. Será algo ou só unha miraxe que me parece a mín?
Lenchiño pousou con coidado de que non lle caíra abaixo, a lanza coa que estaba a defender o Con de Navío na súa batalla imaxinaria, pra ergue-la vista e observar dende enriba do cón esa cousa que comezaba a aparecer por noroés de Sálvora, e que semellaba vir cara a eles adentrándose na Ría.
-Home, -dixo- a min parécenme barcos, pero non me parece que teñan a feitura dos de por aquí. Ademais parecen moitos. Nengún dos dous sabía contar pero o que tiñan ante os seus ollos era demasiada cantidade aínda que superan de números.
desembarco na Area da Secada |
Tentando observar mellor o espectáculo, baixaron do penedo e dirixíronse a un alto que está a uns cen metros dalí dende onde se divisa por baixo toda a Canle de entrada á Ría, e puderon comprobar que os barcos mais adiantados xa viñan á altura de Ribeira, e agora xa se divisaban clariños dabondo. Era unha nube de velas que non presaxiaban ningunha cousa boa, e viñan lixeiros remontando a Ría cara á nosa Illa.
-Eu voullo dicir ó meu pai, porque a mín dame que isto non é moi normal. Os rapaces sentíanse importantes ó comprobaren que os seus xogos de vixiancia de invasións inimigas deran resultado, así que o seguinte paso era dar o aviso ós maiores, que saberían valorar e recompensar o seu traballo.
Arriaron rápidamente no chan todo o armamento e colleron o camiño pra baixo, correndo cara ó Naso. Alí estaba medio pobo traballando nas terras, ou todo enteiro. Toda a xente ficaba completamente allea ó acontecemento, pois dende alí aínda non lles era posible observar o acontecemento canda os rapaces, mais para cando Xurxo e Lencho chegaron abaixo a contarllo, xa se podían ollar algúns barcos dende alí.
Comezouse a apoderar da xente unha tremenda inquedanza e algúns aínda se atreveron a achegarse ata os Cóns de Punta Cabalo pra asistir, cós ollos coma pratos, a impresionante formación de un cento de "drakkar" inzados de temibles normandos, que polos ruxidos que xa se sentían en terra, non parecían vir con intencións moi mansas.
mural de J.Benito Iglesias |
Nas mans duns xigantes da maneira, eses instrumentos de morte, xunguidos ós berros e alaridos que os dous mil túzaros cuspían pola boca, creaban un cuadro apocalíptico que tiña aterrorizadas ás sinxelas xentes da Arousa. Algúns destes, os que eran mais relixiosos, mesmo tiñan asumido que a fin do mundo chegara por fin ése día...
A segunda parte anúnciase interesante. Estaremos atentos á próxima entrega
ResponderEliminarXa somos dous..espero seguir lendo este relato formidabel.Historia viva da nosa Arousa.
ResponderEliminarMoi interesante, estou desexando leer a sejunda parte
ResponderEliminarPor Odin cada dia relatas mellor estaremos a espera da segunda entrega saudos pandulleiros
ResponderEliminarMuy buena historia y muy bien ilustrada.
ResponderEliminar