O encascado, un traballo prá historia





Ata finais dos anos 60 as redes eran de fío de fibras naturais, de algodón, liño, cáñamo… Cando se produxo a chegada dos fomentadores cataláns coas súas novas técnicas de salga e pesca, trouxeron con eles o tratamento das redes tal e como se levaba facendo nas costas levantinas dende séculos...



Unha desas técnicas era a do "encascado", que consistía na cocedura dos panos e redes nun "caldo" a base de caropas de pino, o que lle daba unha consistencia e durabilidade óptimas a aqueles aparellos de pesca feitos de fibra vexetal natural. Este tratamento tamén se facía coas velas e mais coas nasas, que daquela usábanse acotío nas faenas do mar. Como se adoitaba darlle este mantemento varias veces no ano, había que andar lixeiro pra pedi-la mellor vez (como logo veremos) neste proceso coa que levar os aparellos nas mellores condicións.

Coma tódolos barcos, achegábase a terra o "Amalia" e o seu patrón, o Siñor Ramón, aproveitaba pra lle dar ordes á tripulación de que antes amarrar tiñan que baldexa-la rede, para entregala en condicións apropiadas na de José María Patón, onde xa tiñan a vez collida pra encascala primeiro, e despois ser repasada polas atadoras.


a Caldeira de encascado
Na parte de atrás da taberna de Patón, tiñan o cascadeiro, dotado dunha caldeira e varias pías diferentes. A Caldeira, estaba composta por un lar revestido por ladrillos refractarios sobre os que se situaban un caldeiro de cobre cunha capacidade duns catrocentos litros.

As encargadas de encher de auga a caldeira, eran as súas fillas, principalmente a maior Fermina. Moitas veces non lle chegaba coa auga do pozo da casa e víanse na obriga de acarretar en sellas dende o río da Fontiña do Campo ou cando non, dos pozos dos veciños.

Coa caldeira chea de auga, botaban a "casca" (a caropa de pino) e o "tanino", pra cocela dándolle unha fervedura durante oito horas. Os tramallos e demais aparellos do día, non se mesturaban có “tanino”, so coa casca


a "casca" de caropa de pino
A casca  era feita coa caropa de pino ben moída con un pisón de madeira (rematado nunha ferradura ou grocha) e non valía calquer pino, tiña que ser pino silvestre. Adoitaban mercala nos serradoiros que as servían en sacos de 25Kg. O “tanino” era un produto que se mesturaba na coción para darlle máis consistencia (alquitrán, chapapote).

Esta infusión colada, botábase nunha pía onde xa estába a rede e había que deixalo afacer durante 24 horas, remenxendo de cando en vez. Pra éste traballo había un experto do que sempre bodaban man, e non era outro que aquel home que foi tan popular naqueles anos na Arousa: "Reipedro".


unha pía pra escorrir redes pequenas
Pasadas as 24 horas trasladábanse as redes á escorrideira, que non era senon outra pía cun sollado de madeira no fondo que permitira escorrela. Poñíanse varias, unha por riba de outra, polo que era frecuente a loita por ser o primeiro, pois a gravedade facía o seu traballo, e a rede dembaixo era a que quedaba mellor escorrida. Había verdadeiras rifas por acadar a mellor posición, o que obrigou ó Sr. Patón a levar un control das chegadas, anotando nunha libreta a orde estrita das encargas.


A derradeira fase deste laborioso proceso era acarretar os materiais encascados e tendelos a secar nun campo coa amplitude acaída, unhas veces no Campo de Riasón, outras no Aguiuncho…

Así era como saían ó mar os nosos devanceiros non hai tanto tempo, antes de que os novos materiais sintéticos marxinasen pró curruncho da historia a aqueles aparellos feitos de materia natural, como aconteceu con tantos outros, dende o mango dos Rastros ou dos Raños, ata os "palillos" das cordas, e aínda as propias Dornas, xa desprazadas dende hai anos polas Planeadoras.

Do mesmo xeito que éstas modernas farramentas de hoxendía serán desprazadas no futuro por outras aínda moito mais óptimas, froito do infatigable inxenio humán, aínda que, cada cal no seu tempo, proporcionando a mesma utilidade e mérito funcional. Lei de vida.  







(X.D.O. 2014)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.