O asalto dos Homes do Norte (IV)







A FUXIDA




    Si, pero como iban a facer pra fuxir? Si pensaban facelo coas embarcacións que tiñan os poucos veciños que se adicaban á pesca, ían a resultar moi pequenas, e era ademais bastante probable que chegado o momento tampouco houbera tempo pra que todos se pudesen xuntar e escapar a un tempo e polo mesmo camiño deste xeito que semellaba bastante aparatoso.



     Tamén estaba o problema de carrexar con miniños e vellos, dando xa por seguro que non sería posible levar canda eles pertenza material ningunha, pois a evasión tiña que levarse a cabo rápidamente, e aínda así, sabían que sería moi difícil que o éxito os acompañase a todos.

     -Estamos apañados, non vexo solución, dixo un, ó que lle replicou inmediatamente outro:

     -Pois logo imos ter que escapar cada un por onde poida e como boamente sexa capaz, pero con éstes tan preto de nós, non vexo o xeito. Aludía este veciño ós vixiantes que rondaban polo medio das casas do pobo e que lles deixaban moi poucas oportunidades propicias coas que gañar ese mínimo e precioso tempiño de avantaxe sen levantaren sospeitas.

     -Sexa como for, tiñan que decidilo nese intre. Probablemente non dispuñan xa de moito tempo antes de que os Vikingos se puxesen cós preparativos prá súa ofensiva, e xa sabían que entre os prolegómenos deses preparativos iniciais figuraba "ocuparse" da xentiña da Arousa, e non precisamente con moi bós augurios. Non lles quedaba outra, era preciso seguir matinando e esmagando os miolos ata que se lles ocorrira a solución que precisaban prá súa supervivencia.


     O Señor Manoel de Cores que como xa se dixo era un home moi afeito a situacións que requerían certa axilidade de resposta, baraxaba as distintas opcións que xa se prantearan, mais propuxo unha nova que ningún dos alí presentes contemplaran aínda, e que a canto a remenxía na súa cabeza revelábaselle pra él como a mellor. Non, a mellor non... A única!


     Aproveitou uns intres de cavernoso vacío có que de súpeto se encheu tanto o lugar como as ideas dos seus veciños pra tomar a palabra dun xeito decidido e solemne, xeito có que tentaba atraer sobre sí, non só a atención de todos, senon a súa propia concentración pra que o grupo asimilase ben o que pretendía transmitirlles: 


     -Atendédeme agora todos a mín... -dixo-  como moitos de vós xa saberedes, nestes días está aumentado a seca, e pra dentro dun par de días pola mañanciña seguramente será cando mais baixe o mar. Pois ben, sen desbotar completamente as opcións que vimos de falar, eu propoño que o mellor xeito de liscar todos nunha quenda e dun xeito rápido sería escapar xuntos e a pé, polo Bao, dúas ou tres horas mais ou menos antes do abrente e atravesar, aproveitando o momento mais baixo da marea. Sei que é moi arriscado e nada doado de coordenar, mais a mín paréceme bastante mais viable que as outras opcións que vimos de expoñer eiquí. Poderíamolo organizar xa agora mesmo, xa que non dispoñemos de mais tempo.


     Pasaron uns intres de indecisión, onde cada quén valoraba pra sí a última idea tratando de acomodarse a ése plano dentro das súas particulares limitacións persoais ou familiares de a poder levar a cabo, mais axiña comezaron a se escoitar as aprobacións dos presentes, que de inmediato deixaron o asunto acordado e estabelecido nos termos prantexados polo Señor Manoel.


     Inmediatamente  homes e mulleres fóronse prás casas pra comezar os seus propios preparativos, xuntando nun currucho aqueles obxectos (o indispensable) que pudesen levar consigo e que non lles limitasen os movementos na fuxida dentro dun par de días. 


     Había que deixalos á man prestos pra collelos de inmediato e fuxir con eles cando chegase o sinal, sendo esto último moi importante que o meteran no sentido, pois non podían perde-lo tempo á última hora rifando en disputas sobre o que cada quén carrexaba. As normas acordadas eran clariñas: "Levar o indispensable, sempre que non lles impedise alixeirar o paso ou aínda botarense a correr, supoñendo que se viran obrigados polas circunstancias do momento.


     Non había mais que falar, a decisión estaba tomada, mais o que non sabían os temerosos Arousáns mentres preparaban e se organizaban nestas tarefas prá fuxida, era que no outro lado da Illa, no campamento vikingo da Area da Secada, rexistrábase neses precisos intres un verdadeiro alboroto, producido polas urxentes ordes que viñan de recibir da man duns emisarios.



     Moitos guerreiros amosábanse moi exaltados e nervosos, pois estabase a difundir entre eles esa orde urxente que chegara traída por un mensaxeiro dende o outro campamento, o da Xunqueira de Rianxo, onde se asentara o segundo grupo. Este correo traía as novas ordes dos seus xefes no senso de arranxa-la saída inmediata cara a Compostela. Tamén xa pasara polo terceiro campamento, o estabelecido na Illa de Cortegada, no que quedou transmitida a mesma orde, polo que a totalidade das forzas ficaban coordenadas pró ataque.

     A embestida produciríase masiva e sorpresivamente, do xeito que sempre executaban as súas accións os Vikingos, coa idea de arrasar -con toda probabilidade no mesmo día- a Sé do Bispo, e superando coa violencia e contundencia que os caracterizaba as murallas, exterminando as tropas que esperaban atopar. O resultado desta ofensiva sería o arraso da cidade e a colleita dun fabuloso tesouro que supoñían en poder do Bispo,  que dilixentemente tiña custodiado intramuros das defensas da vila. 


     E que se supoñía que ían facer coa xente da Arousa? 


     Dada a premura do cambio de plans acontecido, as ordes non falaban de nada disto, polo que os xefes do campamento tiñan man aberta pra actuaren segun considerasen mais apropiado.


      Non se poñían dacordo, pois mentres algún propuña pasar polo coitelo a tódolos habitantes levando con eles todo o botin que pudesen carrexar, había outros que pensaban que o mellor prós seus propios intereses era deixalos en paz polo momento, por si ó remate do asalto se atoparan obrigados a facer a saída por esta mesma Ría pra cando viñesen de retirada despois de arrasar Compostela. Así poderían, camiño xa do seu país, aprovisionarse por derradeira vez enchendo ata os topes os drakkar con víveres e có botin que acadasen. Chegado ese momento, xa verían o que facían coa xente, aínda que tampouco tiñan excesivo interés en matalos a todos, xa que non percibían neles ameaza ningunha, e roubar podíanlle roubar todo o que quixesen, xa que estaban certos de que os poderían volver a someter tan doadamente coma da primeira vez.


     Viron os Vikingos nesta última opción a mais acaída prós seus intereses, polo que na alborada do día seguinte saíron todos prá nova misión sen que ningun dos nosos veciños pudera enterarse de nada do que estaba acontecendo, dado que aquéles tiñan establecida dende o primeiro día unha especie de toque de queda á tardiñaque impedía saír das súas casas a ninguén, baixo pena de morte inmediata, cousa que aínda que os nosos veciños nunca lles deron a oportunidade para que demostraran a efectividade do castigo, ninguén dubidaba tampouco da determinación en executalo, como é doado supor, dada a natureza dos salvaxes nórdicos.


     Así foi que da noite prá mañán os Arousáns atopáronse sós e liberados dos seus opresores, cousa que aínda lles costou bastante asimilar, pois non era éste o desenlace que tiñan previsto, e recelaban desta inesperada situación que se lle evidenciaba doada e sinxela por demais, tendo en conta as penurias e vexacións ás que os inmundos invasores os obrigaran no pasado recente.


     Así que unha vez que se aseguraron de que o pobo estaba baldeiro dos túzaros vikingos, pegaron varias batidas polos catro costados da Arousa, dende a Area da Secada ata Carreirón, e dende Testos ata Riasón, na procura dalgunha presencia que remanescese dos aborrecidos piratas. 


     Nada, non atoparon nin ó primeiro deles.


     Porén, todos se conxuraron acordando en que se tiñan que organizar un pouco, vixiar alomenos durante os prósimos días por si se producía a chegada doutra xeira de cabestros coma os que se acababan de ir.


     Polo tanto, e polo que pudese pasar, que ninguén desfixese o fardo que agochaba na casa preparadiño prá fuxida inmediata...



     

Último capítulo: 
(V) A derradeira visita





Links a tódolos capítulos do relato:
(I) O desembarco
(II) O ataque á Arousa
(III) A Proposta
(IV) A Fuxida
(V) A derradeira visita





© fmca

3 comentarios:

  1. Bueno esto ponse interesante espero que o final este a altura ata agora un best seller

    ResponderEliminar
  2. Alejandro11/3/13 20:49

    Ben. Non esperaba menos do capítulo IV. Agora estaqremps pendentes do V e derradeiro capítulo, que como os anteriores, promete resultar interesante. Agardamos e gracias por estas amenas e entretidas historias.

    ResponderEliminar
  3. Cada vez deixadesme con máis intriga, esperaremos o último capítulo...

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.