O asalto dos Homes do Norte (II)



O ataque á Arousa






     Así os Vikingos se adentraban en terra, encamiñándose no seu obxectivo da presurosa conquista da nósa pequena vila, íanse decatando de que deixaban atrás a unhas escorredeiras figuras  que con fugaces movementos axexando nas sombras apenas permitían apreciar a súa dramática e triste estampa, fracos ata os ósos e algúns cáseque encoiros, a canto deixaban sentir a súa presencia cando se agochaban ó paso dos loiros guerreiros, que nonos percibían coma unha ameaza, mesmo bastantes deles confundíanos cós cans asilvestrados que había pola zona.


     Aquelas sombras eran, incríblemente, monxes do mosteiro, eran coma unha especie de anacoretas que habitaban como podían polo Monte árriba, tentando cumprir os seus votos de austeridade mortificándose a xeito de vivir coma alimañas nas gretas e nos abrigos dos cóns, mal alimentados e pior vestidos, adicados en corpo e ánima á contemplación e á oración. Estes homes sinxelos e piadosos ata o estremo só baixaban dos seus acubillos polo solsticio do inverno pra iren polas casas dos veciños a pedir unha esmola coa que amainar mínimamente as súas necesidades corporais, que dalgún xeito  pagaban coa promesa de oracións e pregarias polos "difuntiños que van alá".



     Non lle foi nada difícil ós vikingos atrapar a algúns deles, decatándose así da súa condición relixiosa, cousa ésta que rematou por infundír dalgún xeito nos bárbaros nórdicos un pasmoso temor e respeto, pois á vista do seu patético e a un tempo impresionante aspecto, acomparábanos cunha especie de santos ós que non era aconsellable facerlles mal ningún porque traería mala sorte. Ou acaso podían provocar algún castigo dos seus deuses do Norte, que non se verían compracidos en facerlles dano a uns homes tan píos e entregados á súa fé. 

     Tamén podía ser que non viran neles nada interesante que pudesen aproveitar... O caso foi que alí os deixaron quedar, como involuntarios e afortunados testigos do paso daquelas poderosas hostes en misión de saqueo, destrucción e extermínio. De calquera xeito, pra cando os infernais invasores chegaron ás terras de lavradío, xa non quedaba ninguén alí. Homes, mulleres e crianzas xa chegaran neses intres ó pobo, onde repinicaba furiosamente a campá da Capeliña do Nicho chamando a rebato ós poucos que aínda non coñecían as espantosas novas. En total un cento ou cento e medio de veciños que rápidamente se xuntaron dentro dela, as mulleres cós miniños e os vellos, dispuxéronse ó fondo, no altar, e os homes mozos e menos mozos pero sans, por dentro da porta principal, ó pé da despretensiosa fachada có sinxeliño campanario na cimeira, onde penduraba a única campá coa que tanto traballaba o campaneiriño.




recreación da igrexiña do Nicho
     Ninguén daba chío, mais nese sepulcral silencio todos pensaban o mesmo: que alí entrar, entraran, pero xa non ían saír. Todos agardaban, non sabían o qué, có corazón latexándolles na gorxa. Agardaban o momento fatídico que daban por seguro, sen defensa ningunha nas mans, que por outra parte nin falta que facía, sabendo que era mesquiño tentar opoñerse á aplastante superioridade da estampida de asasinos que xa se escoitaba chegar. O pavor era abafante, as nais recollían cós seus brazos os fillos pequeniños. Vellos e mozos tremían coma varas. Todos lembraban as historias que os seus abós lles contaran moitas veces, que falaban de terribles matanzas noutra lonxana invasión que acontecera xa había mais de cen anos, que agora imaxinaban semexante á que infortunadamente tocoulles virir. Eran historias de destrucción e morte que resistían o esquecemento, quedando marcadas a lume nos medos de cada ánima que alí ficaba.

 
     Xa sentían os coléricos gritos dos crueles invasores que xa baixaran das Rubas. Mais, para sorpresa dos Arousáns, percibiron que pasaban de largo...


     Certamente, non se dirixiron ó Nicho como todos esperaban. O primeiro obxectivo dos vikingos era unha casa que semellaba fortificada debido a que tiña nun canto do edificio unha torre almenada que destacaba nídiamente sobre todo o demais, enriba do pequeno outeiro no que se asentaba. Dende alí mantíñase dominio visual sobre o pequeno pobo, cousa que o convirteu na primeira diana dos atacantes en canto o divisaron.



     Non se trataba de ningún castelo, senon que era a casa reitoral do Abade do Mosteiro de San Xiao, que efectivamente tiña nun dos pinches unha especie de torre como reforzo defensivo, ó xeito de outros edificios relixiosos que se construían así naqueles tempos, nos que de cando en vez producíase un ataque de saqueo de piratas vikingos ou árabes.

     Tiñan un fundado temor os vikingos a que nesa edificación, que eles miraban coma unha construcción militar pudese haber forzas que lles fixesen fronte, que aquí non era tal, ou que artellasen sinais utilizando lume e fume para comunicaren con terra firme que algún acontecemento moi grave estaba a suceder, o que desencadearía a organización dalgún tipo de resposta dende terra que desbaratase as ansias saqueadoras e devastadoras dos loiros guerreiros nórdicos.



     Fixeron unha carnicería, asasinando cruelmente ó Abade, ós monxes e a todos os que alí atoparon. Éstes quedaban aínda alí a pesares de que non lles faltaban gañas pra escapar, mais resistíanse a abandoa-lo que era o seu refuxio de oración, un lugar onde se sentían seguros. A súa fé obrigábaos a pensar que aquilo non ía rematar tan mal como parecía... 

     Non serviron de nada as súplicas dos monxes, implorando clemencia polas súas vidas.


     Non houbo sobrevivinte ningún.


      Os Vikingos tuveron  bó coidado de non derruir a torre almenada, pois brindáballes unha posición privilexiada prás labouras de vixiancia que deberían comezar a facer de todo o entorno dende distintos puntos estratéxicos da Illa, os cales xa case tiñan definidos, a pesares do curto espacio de tempo transcorrido dende o seu desembarco. A un tempo que avanzaban ían controlando as posicións, valorando as cualidades de dominio e as feblezas de cada sitio con certeira diagnose, como era de esperar destes expertos piratas, de curtido pelexo por tantos saqueos e batallas arredor de todo o mundo coñecido e aínda descoñecido.


     Alí deixaron a primeira cuadrilla de vixiancia na torre, e dirixíronse cara á Capeliña do Nicho onde sabían que estaban refuxiados o resto dos horrorizados veciños, que ficaban alí acubillados e certos de que non ían contemplar o solpor dese mesmo día...












Próximo capítulo:  (III) A Proposta




Links a tódolos capítulos do relato:
(I) O desembarco
(II) O ataque á Arousa
(III) A Proposta
(IV) A Fuxida
(V) A derradeira visita



© fmca

1 comentario:

  1. alejandro12/2/13 13:56

    Pois ainda me quedo mais en ascuas que no primeiro capítulo. Graciñas e a esperar polo terceiro

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.