Voando sobre a Arousa








     En clave de humor diremos que aqueles que gostamos da rica variedade ornitolóxica da nosa Arousa, tivémos que engadir ó catálogo nestes derradeiros anos outra “especie voadora” que foi aparecendo polos nosos ceos, e que curiosamente tamén aniña entre nós.

     A Manolo Beloso xa hai uns anos que non é raro atopalo polas alturas da nosa Illa, desfrutando da súa peculiar afición de voar en parapente ou paramotor, aínda que tamén confesa que sae moito a fóra da Illa buscando altitudes que axuden a mellorar as condicións de vóo. Un veciño pioneiro destas artes no nóso pobo, que se animou a despegar os pés do chan, comezando dun xeito autodidacta e buscando ó mesmo tempo ás persoas apropiadas que lle poideran axudar a dominar un medio tan inestable e perigoso como é o medio aéreo. Lembrando as sabias palabras dos nósos mariñeiros, que nos preveñen dos riscos do entorno no que traballan dicindo que "o mar é moi brando", que brando non será o aire...

     Aproveitando as súas singladuras aéreas tuvo a acertada idea de acoplar entre os seus aparellos unha cámara de vídeo coa que consegue unhas seductoras grabacións, que vai subindo á rede para partillalas con todos, descobríndonos novas perspectivas das paisaxes da nosa Illa, ás cales verdadeiramente non estabamos moi afeitos por eiquí.

     Polo medio das liñas deste post engadimos algúnhas ligazóns demostrativas de tan estupendos traballos, aínda que por suposto non son os únicos, tén moitos mais que se poden desfrutar procurando ou navegando pola súa canle no YouTube, por exemplo.

     Ata eiquí o que pra nós semella significativo como asombrados observadores da entusiasta actividade de Beloso, aínda que ninguén mellor que él para nos explicar as súas propias sensacións e experiencias, respostando a unhas poucas preguntas, que eiquí resumimos:

P: Cóntanos como empezaches con esta afición. R: Sempre me atraeu moito ver voar os parapentes. Un amigo dun compañeiro de traballo facilitoume facer o primeiro voo nun biplaza, e non me pareceu tan difícil polo que decidín apuntarme á Escola de Parapente de Lugo “Parapente Galicia” e alí déronme toda a instrucción necesaria tanto da técnica de voo como as prácticas.



P: Resulta doada a aprendizaxe?    R: Si fas algo que che gusta sempre resultará moito mais facil, e ademais si empezas cun instructor decátaste de que tampouco é tan complicado como nun principio che pudera parecer. En canto á instrucción teórica aínda que os termos que se empregan asustan un pouco (diseño de perfil, corda, punto de curvatura, borde de ataque, coeficiente de sustentación, etc.) tamén é bastante sinxelo e comprensible ó meterse no asunto. Creo que calquera persoa e quén de aprender a voar nun parapente.


P: Como nos convencerías ós que pensamos que é moi perigoso?  R: Creo que non hai que convencer a ninguén para voar. A afición nace de xeito natural en cada un. En calquera caso ese medo que se pudera ter pérdese totalmente có primeiro voo de proba en biplaza, e podo asegurar que a xente sempre quere repetir. O vértigo pérdese ó ir sentado tal como vas no parapente. Ademais, a sensación que che dá e de que vas en algo moi firme e seguro. En resumen, para min de perigoso non ten nada, tamén te podes matar esbarando na bañeira ou nun accidente de coche.




P: Cóntanos as túas sensacións cando estás alá arriba. R: Para min é case inexplicable, porque o de voar parecíame un soño, eso de levar unha mochila ó lombo, subir á ladeira dun monte, e saír voando dáche unha sensación indescriptible, é algo que non hai medicinas que che curen coma as sensacións que che produce voar.


P: Seguro que tés algunha anécdota curiosa que nos contar.  R: Pois a verdade que non se me ocurre ningunha, porque sempre foi unha cousa que se desenrolou "dentro do seu". En algún despegue no Iroite acabei antre as pedras, doutra vez no Esteiro, antes de empezar na escola de voo, e con bastante xente mirando e sacando fotos, collín carreira, empecei a coller voo e rematei enrollado no parapente no medio dos toxos có conseguinte cachondeo xeral. 
 





     En fin, polas palabras do amigo Beloso vése que son moitas as satisfaccións que nesta interesante afición se poden acadar. Confesa que lle gostaría que se animase alguén mais da Arousa pra non ser él só nesta apaixoante afición, e asegura que aquel que teña folgos de empezar vai ser inxectado có veleno da excitante arte de voar e xa non vai quedar aí, vai repetir seguro. Bueno, iso ós que empecen, porque a outros non hai quén sexa capaz de nos facer gabear neses "aparellos infernais"... ou ó millor sí, quén sabe...














2 comentarios:

  1. As vistas son fantasticas da Illa e de toda a Ria.

    ResponderEliminar
  2. Alejandro7/7/13, 19:38

    Paréceme un luxo poder ollar a Illa e outras partes da Ría desde esas alturas. Nin me imaxinbo a gozada que pode ser facelo desde ese aparello. Fenomenal

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.