Aves das augas





     Nas entradas coa etiqueta  "NaturArousa"  iremos subindo as mellores fotos que academos da fauna que podemos atopar en calquera parte da nosa Illa, de Norte a Sur e do Leste ó Oeste. Estamos confiados en que vos vai gostar, pois como vimos de dicir, subiremos as fotos da mellor calidade coa que a sorte nos agasalle, procurando deixar ben retratadiños ós nosos bichos.

     Nin somos nin pretendemos pasar por expertos naturalistas, así que as definicións e a información que coa que acompañamos ós nosos bichiños provén de diversas fontes, dende a estupenda "Guía natural do Carreirón", de Miguel A. Conde e Samuel Paz, ata a Wikipedia, pasando por algunhas de colleita propia, como curiosidades e apreciacións de campo que facemos coma calquera afeizoado, ou tamén botando man de outra información que podemos gardar deles.

     Dende ese obxectivo, cal é achegar unha visión exclusivamente lúdica da natureza tentando amosar a beleza e algunhas curiosidades da nosa fauna, xa botamos por diante que as divisións por categorías coas que titulamos estes artigos non son as académicas, senon que respostan á nosa intención de non cansar a quen goste deste traballo con excesivas entradas individuais que obriguen ó leitor a ter que brincar molestosamente dunha páxina do blog a outra. Polo tanto, dentro de cada categoría queremos que se atope unha boa variedade, que iremos completando con novas incorporacións no mesmo artigo cada vez que vaiamos "cazando" novos bichiños.

     Agollá gostedes desta colección tanto coma nós.

"A beleza é moi superior ó xenio. Non precisa explicación"
Oscar Wilde (1854-1900) dramaturgo e novelista irlandés


(click nas imaxes pra amplialas)






Subespecie de Europa occidental cunha ampla área de establecimento. Dende os Urales ó Leste, ata Escandinavia ó Norte, e a Península Ibérica ó Sur. Pesca toda unha caste de insectos acuáticos, larvas, moluscos, anfibios... mergullándose varios metros polo fondo dos humedais que habita, tanto naturais (lagoas) como artificiais (embalses), escollendo sempre lugares con boa cobertura de vexetación lacustre (carrizos e outras plantas que proporcionan a intimidade necesaria para criar no medio deles os seus niños. Poden ser residentes ou migratorias, dependendo da disponibilidade de auga. Na Arousa vense obrigados a migrar pois as lagoas non ofrecen caudal de auga dabondo durante todo o ano. Na nosa Illa pódense ver tódolos anos, principalmente na época reproductora, de abril a setembro.




Habita e reprodúcese en ambientes de marisma doce, sempre con abundante vexetación de carrizos, canas, xunqeiras... Na Illa de Arousa, aínda que son moi difíciles de ver, atopámolas nas pequenas lagoas e humedais de Carreirón, Espiñeiro e tamén nas Brañas da Veiga. Migran a climas temperados ó conxelárenselle as augas no leste de Europa. Aliméntase dunha ampla variedade de vexetais e de pequenos animais acuáticos. Ave de grande beleza, na que destaca a súa crista bermella e rematada no lucido peteiro coa punta amarela.  As patas son dunha cor entre oliva e amarelas. Comezan o celo en Marzo e tanto macho coma femia participan na construcción do niño, sempre arrentiño da beira da auga, onde poñen de catro a once ovos que son incubados por ámbolos dous.



Ave amplamente espallada por Europa e Asia, esta limícola é moi característica das nosas secas, nas que se alimenta capturando peixes, miñocas, crustáceos e insectos. Cría  aniñando entre os meses de maio e xullo en depresións do chan preto de troncos ou pandullos, adoitando construí-lo niño con plumas e outros restos vexetais. A posta compónse de catro ovos, escollendo prá cría marismas e lagoas do noroeste de Europa.



É un dos mellores mergulladores da familia Phalacrocoracidae, chegando ata profundidades de 45 metros durante 20-45 segundos, cun espazo de descanso dun mínimo de 15 segundos. Aliméntase de especies piscícolas moi variadas, pero sobre todo de sardiñas e bocareu.  Aniña en pequenos abrigos rochosos ou en fendeduras ou en pequenas covas na costa. Chocan normalmente tres ovos, e aniñan ó longo de toda a costa, mais as súas principais colonias atópanse no Parque nacional das Illas Atlánticas onde se atopa a maior colonia europea. Na Arousa son habituais durante case todo o ano. Os efectos desastrosos do afundimento do Prestige provocaron unha considerable diminución da súa poboación, aínda que por mor da súa condición de especie protexida e vulnerable non está en perigo polo momento a súa presencia entre nós.



Atopase en calquera extensión grande de auga dentro da súa área de distribución mundial, incluíndo lagos, ríos, esteiros e augas costeiras. Aniña en grande parte das costas do Océano Atlántico. É un paxaro duns 77-94 cm de longo e 121-149 cm de envergadura. Un pouco mais grande que o corvo mariño cristado, mais robusto e, sin a crista que caracteriza a éste último. Do mesmo xeito que outros corvos mariños, ten unha plumaxe pouco impermeable, polo que estende as súas ás para secarse. Durmen e poñen as súas postas nos cantís da costa e tamén nas árbores. Poden chegar a danalos tanto por sobrepeso como pola gran cantidade de excrementos que van depositando, xa que son corrosivos. Pon 3-4 ovos nun niño construído con algas, herbas e excrementos. Unha curiosidade é que os chineses utilízanos como "arte de pesca" amarrandolle un cordón de coiro ó pescozo deixándoo respirar, mais impedíndolle que engula as capturas.



Ó redor de cada ollo teñen un anel vermello.
Actualmente acéptase que a gaivota patiamarela é unha especie independente, pero ata non hai moito as discrepancias eran importantes.
Algunhas clasificacións considerábana unha subespecie da gaivota arxéntea, mentres que outras separábana desta pra incluíla, xunto coa gaivota do Caspio, noutra especie.
A área de cría está centrada no mar Mediterráneo. No no norte de África. No illote do Areoso crían tamén nos meses previos ó vran, onde poñen normalmente 3 ovos, entre mediados de marzo e primeiros de maio e deféndenos con forza de calquera inimigo. Chocan os ovos entre 27 e 31 días e os polos poden voar despois de 35 ou 40 días de naceren.



Aniña nas rexións da tundra ártica en Rusia, facendo os niños nos chans cubertos de musgo e líquens cando non no chan pantanoso, criando nos meses de xuño e xullo cunha posta de 4 ovos verdosos. De 26 a 29 cm. de longo, cunha envergadura alar que chega ós 63 cms. e un peso de ata 220 gramos, migran durante o outono, entre agosto e novembro, datas nas que xa se poden ver nas nosas costas da Arousa, sendo das primeiras especies limícolas invernantes en se deixaren ver. Nos meses de maio a xuño volta ó norte de Rusia pra pasar a época estival, onde por certo, o seu aspecto varía considerablemente con respeito ó que podemos contemplar por aquí, pois presentan dende o peteiro ata o abdomen unha ancha e longa franxa negra que induce a confundilo con outra especie.




Cría nas costas do Ártico e na tundra, principalmente en Europa, invernando nas costas das rexións temperas e tropicais. Esta ave fai o vóo mais longo sin paradas quye se coñeza, 13-690 kms. ó longo de rotas que van dende Alaska ate New Zealand. Patas relativamente curtas, o promedio da lonxitude dende o peteiro á cola é de 37-41 cms., cunha envergadura de ás de 70-80 cms. O pescozo, peito e barriga son de cor bermello e abrancuxado no inverno.




Especie moi semellante ó Mazarico real, aínda que máis pequeno. Ten unha lonxitude de 41 cm e chega a pesar os 500 gramos. O peteiro (6-9 cm) é algo máis curto, con menos curvatura e algo máis groso có do Mazarico real. A súa envergadura oscila entre os 78-88 cm. Na cabeza ten dúas raias de cor marrón que poden ser moi marcadas dependendo do individuo. Machos e femias non presentan diferenzas morfolóxicas. A femia pon catro ovos, que incuba durante 27-28 días. Os polos voas ás 5-6 semanas. O niño está no chan. Durante a época de cría (maio a xullo) localízase en Islandia, Escandinavia, Noroeste de Rusia e nos Países Bálticos. No inverno, pódese atopar con frecuencia en toda a costa ibérica (incluída Galicia e excluída a Costa do Levante) e a costa do Marrocos.




Limícola que cría no centro e Sur de Rusia, en Karelia, Baikal, península de Kola, e ata Sakhalin, no estremo oriente. 
Forman os seus niños no chan, con herba seca e fan a posta no mes de Maio, eclosionando os poliños a finais dese mes. Invernan no sur de Asia, Europa e no norte de África, chegando á nosa Illa a comezos do outono. Coma outras especies semellantes, aliméntase de miñocas, caramuxos e plantas.
Tén un tamaño coma o dun Merlo, e cecais o que mais destaca da súa aparencia son as patas laranxas ou bermellas, longas e rechamantes, así coma o seu peteiro, tamén bermello e coa punta tornando escura. 
Deixanse ver cando se alimentan aproveitando as secas, como é habitual neste tipo de aves características dos esteiros.



Cría en lagos e marismas de Europa e Asia. Coma todalas gaivotas, aliméntase de calquera cousa, restos orgánicos, peixe, miñocas, caranguexos, insectos... en fin, todo o que apille por diante. Adoita presentarse en grupos relativamente numerosos, a cotío de mais de 20 individuos.
É unha ave carroñeira que  anda á procura dos refugallos abandoados polos humáns.
Aniña no chán preto de marismas e lagoas. A finais de marzo pón 3 ovos que chocan macho e femia durante 24 días. Os pitos comezan a voar a partires das 6 semáns.




Habita no litoral rochoso e en praias pequenas buscando sobre todo pulgas da praia, moluscos, pequenos crustáceos e outros invertebrados. 
Crían en Asia e case toda Europa (agás Islandia). Nas praias da Illa están presentes entre Abril e Outubro. A súa zona de invernada comprende dende a cunca do Mediterráneo ata Suráfrica, o sur de Asia, e ata Australia. A súa época reproductora vai de Maio a Agosto. O niño é unha coviña no chan cuberta con plantas. Poñen unha media de catro ovos, que chocan por quendas  macho e a femia durante unhas tres semans. Tamen chamado "bilurico bailón".




Especie protexida moi común nas costas galegas, onde se poden ver durante todo o ano, aínda que non aniña no nóso país.
Vistosísima pescadora que acada os peixes dos que se alimenta lanzándose en espectaculares picados dende o alto. Tamén se alimentan de invertebrados e crustáceos.
Pasan a época estival no norte de Europa e tamén no Mar Negro, onde aniñan e crían, migrando ós países do sur para invernar, sendo os meses de Setembro e Outubro os mais idóneos pra observalos, aínda que como queda dito podense ver durante todo ano na nosa Illa.






Especie limícola protexida que aniña de Maio a Agosto en Groenlandia, Islandia, Escandinavia e o Norte da Europa continental e Asia, migrando cara ó Sur pra invernar, acadando lugares como Oceanía, Suráfrica e aínda Tierra del Fuego.
Revira có peteiro as pedriñas, algas e obxectos das praias  (daí o seu nome común) ás que chega a empurrar có peito, conseguindo así deixar  expostas as súas presas, que abranguen dende peixes, crustáceos, vermes e outros invertebrados ata carroña, e en ocasións mais raras ovos doutras aves.
De costumes solitarias, moitas veces xúntase en grupos con individuos doutras especies. Hai que dicir que é unha ave bastante mansiña, pois concede relativamente bastante aproximación a ela prá súa observación.







3 comentarios:

  1. Parabens, pareceme unha idea xenial NATURAROUSA

    ResponderEliminar
  2. Alejandro3/3/14 19:55

    Encántame esta páxina de aves das augas. Moi bonita, con imaxes preciosas e explicacións moi sixelas. Parabéns

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.