Iberpuerto: progreso ou desfeita?





A finais  da década dos 60, ante a espectacular evolución que nas últimas décadas viña experimentando o transporte marítimo de mercadorías, algunhas empresas petroleiras como a potente "Gulf", e tamén certos organismos internacionais, e ata os propios estados europeos ponderaban a idea da construcción dun mega-porto internacional destinado á primeira expedición de líquidos (básicamente petróleos), graneis e minerais. Ata esas datas o desprazamento dos buques era de unha media de 200.000 toneladas, aínda que xa se estaban construíndo outros novos de 300mT e 500mT, e prevíase que nos seguintes anos serían necesarios inmensos barcos de  ata un millon de toneladas, que reducirían considerablemente os custes de transporte. Axudaba a este troco a situación internacional pois a Canle de Suez fora pechada ó tráfico xa por dúas veces polas guerras árabe-israelís, poñendo en perigo o tráfico mundial de mercadorías procedentes do hemisferio oriental.

o dilema das dúas rutas
     Para evitar a dependencia de Suez propúñase a ruta antigua costeando Suráfrica, sobrecuste en millas que quedaría compensado coa moi superior carga dos inmensos buques ideados.

     Ningún dos países atlánticos europeos quería quedar excluído deste pastel, polo que España (proxecto das Rias Baixas, Bilbao e Alxeciras), e tamén Alemaña (proxecto Helligolland), Francia (proxectos Brest, Cherburgo, Le Havre, Dunkerke), Países Baixos (proxecto Hock van Holland), Bélxica (proxecto Zeegrugge-Amberes) presentaron as súas propostas. Tódolos proxectos estranxeiros foron descartados nas primeiras escollas, sempre por limitacións de calado. 

     Tamén resultaron rápidamente descartados Bilbao e Alxeciras, o primeiro pola escasa profundidade e costosísimos precios dos terreos para as instalacións de terra, ó tratarse dunha zona moi industrializada. Ademais estaba moi exposto ós temporais do Cantábrico.    O segundo tamén foi rexeitado polo escaso calado, e polo descomunal presuposto necesario para a realización das obras que o deberían protexer dos temporais de Levante, ós que ficaba moi exposto. 


La Vanguardia, 9 de abril do 1969
     Só restaban as Rías Baixas, e na escolla de Arousa no canto de Pontevedra ou Vigo foi definitiva a proporción que a nosa Ría ofrecía en hectareas mariñas con maior profundidade, así como a situación da Illa de Arousa no medio, que brindaba un abrigo perfecto, áparte da condición chá do terreo, que faría doada a construcción de todalas infraestructuras, incluída a instalación dos inmensos e perigosos depósitos de petróleo previstos no recheo do Bao-Xastelas.
Tamén se baraxaba a posibilidade de que coa escolla da Illa de Arousa, os inmensos buques non se verían obrigados a facer complicadas manobras no medio da ría para saír. A solución sería entrar polo sur atracando en dirección norte nos pantaláns do Areoso - Jidoiros, e rematada a descarga proseguir rumbo de fronte, virando polo norte da Illa para saír cara ó sur polo Bao.

      Defendendo a opción Arousana estaban na concepción deste proxecto a Cámara de Comercio e o Porto de Vilagarcía, así como a Universidade de Santiago, todos eles importantes promotores da idea, que en 1970 editan o libro “Proyección de Galicia hacia Europa a través de su Iberpuerto”, claro manifesto da idea básica de principiar o desenrolo industrial de Galicia con esta descomunal obra. 
     O estudo abranguía a posible construcción dun oleoducto cara á refinería da Coruña, ou mesmo a construcción dunha nova refinería, así como unha planta siderúrxica que aproveitase os grandes depósitos de minerais no enorme recheo do Bao-Xastelas.

     En xullo de 1969, Iberport S.A.  presentou ante a Dirección General de Puertos o proxecto, cunhas previsións de tráfico de ata 2.000 buques ó ano e un desprazamento de ducias de millóns de toneladas.   Logo das lóxicas manobras a todolos niveis cara á decisión final, (na que por certo a escolla Arousán non gozaba dos mellores apoios políticos), o 19 de agosto do 1969 comunica a aprobación do proxecto o Ministro do Plan de Desarrollo, Laureano López Rodó:

  •  “La Comisión delegada de Asuntos Económicos acordó hoy elevar al próximo Consejo de Ministros la propuesta de la Comisaría del Plan para declarar Polo de Desarrollo a Villagarcía de Arosa. Esta medida constituye el complemento básico de la proyectada instalación en la Ría de Arosa de un superpuerto para la recepción, almacenamiento y redistribución de materias primas. Vamos a levantar un potente complejo industrial, cuya influencia alcance no solo a toda la Ría de Arosa sino también a la Galicia interior”

     Era o anuncio agardado, mais existía un "pequeno" problema: descartábase o transporte de graneis líquidos (petróleos), unha mutilación que podía causar a insolvencia do proxecto, dado que Iberport valorábao como unha partida esencial para a viabilidade final.    Efectivamente, este atranco, que nun principio non semellaba tan importante para as autoridades, convirteuse á fin nunha tara insalváble para o proxecto, e aínda que houbo algún que outro intento de reavivalo, foi definitivo.

     Resumindo, éste foi un ambicioso plan de industrialización onde se priorizaba por riba de todo o desenvolvemento económico que o proxecto iba a xenerar en la "Región Gallega", ninguneando calquera tipo de riqueza económica preexistente, incluída a emerxente riqueza mexilloeira e marisqueira.   O "exceso" de man de obra (según os estudos) que ocupaba o sector primario sería desprazado cara á industria e os servizos que se ían crear.
proxecto Iberporto 1969

     Todo hai que dicilo, tampouco sería moi acaído censurar ós responsables da idea, pois naquela sociedade de hai cincuenta anos non existía a sensibilidade de hoxendía en cuestións medioambientais, nin coas dramáticas transformacións sociais que inevitablemente acarrearían. Neste caso concreto, o Areoso e Jidoiros serían borrados do mapa, e seguramente as infraestructuras necesarias acabarían ocupando toda a zona Sur da Arousa.   Do colosal recheo que o proxecto auguraba para a zona do Bao-Xastelas, que enterraría definitivamente os bancos marisqueiros mais importantes da Illa, qué se pode dicir... mete medo só miralo. En calquera caso, estes detalles non merecían daquela a mínima consideración cando había que poñelos na balanza da decisión final comparándoos coa promesa dun progreso económico que evitase a sangría da emigración masiva naquelas datas, principalmente cara a Europa.

      Por último, consideramos obrigado suliñar que polas novas da prensa da época conclúese que eiquí tiña dereito a opinar todo o mundo menos os verdadeiros afectados, (beneficiados ou perxudicados según se mire) que seríamos os veciños da Arousa, pois a ningún nivel, nin asociativo nin individual, nin social, nin económico, nin político, consta que se proporcionase información á poboación do que se ía facer. Semella que estes proxectos había que recibilos como unha "bendición" igoal á de quén lle toca a lotaría, debendo os nósos abós agradecer ás autoridades seren os afortunados elixidos.

     Sexa como for, a Illa de Arousa convertiríase con esta obra faraónica noutra cousa radicalmente distinta da que coñecemos, con tódalas súas ventaxas e desventaxas.     Da comparación das dúas nacerá a valoración que se xenere en cada un de nós: cecais percibíndoa como unha grande oportunidade perdida, cecais coma un pesadelo que felizmente non se materializou.    Gostariamos que aportásedes as vosas sensacións sobre este dilema, votando na encuesta que inserimos embaixo, ou mellor a traveso da caixa dos comentarios, ou mellor aínda, as dúas cousas.







2 comentarios:

  1. So de pensar k non coñecería o Bao ou o parque de Carreiròn ufff penso que non sería a mesma persona.
    So ne queda decir.... gracias por non existir.

    ResponderEliminar
  2. E compricado emitir un xuizo, por un lado vemos q ante a ineficacia dos sectores marisqueiros y as administraciones o primero esta ferido de norte.mentras que ese macro proxecto nunca sabremos o seu resultado.ojala nunca tellamos q votalo en falta.

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.