República Independente ...por un día




unha vista da Arousa por aqueles anos
UN dos episodios mais sorprendentes acontecidos na Illa, que fica marcado xa na nosa historia coma unha xoia do xenio das nosas xentes, foi o acontecido  nos  treboentos  e  alborotados tempos da II República Española, coa proclamación o 7 de Outubro do 1934 da  "República Federal da Illa de Arousa", sucesos que imos relatar procurando interpretalos axeitadamente dentro daquél complicado escenàrio.




OS PRECEDENTES:       No ano 1934, os partidos republicanos non concordaban coa orientación que tomaba a República, pois debido ás fortes presións das dereitas, o Goberno viña derivando cara a un estado cada vez mais represor ó tempo que fuxía das arelas iniciais de reformismo social, descentralización e federalismo que se esvaecían có paso do tempo, polo que neste clima de descontento os sindicatos cursan ordes de folga xeral en toda España, cesando tódalas actividades nas principais capitais o día 5 de Outubro.

Relacionado con esta atmósfera de desaprobación social, a Agrupación Local do Partido Socialista da Illa de Arousa convoca unha asemblea sometendo a votación a celebración dunha folga xeral para o luns día 8 de outubro, como protesta polos métodos e condicións de traballo, principalmente nas fábricas de conserva. Nesta asemblea non se tomou aínda a decisión, pois existía o temor a que se desencadeasen accións violentas, e non era éste o desexo dos convocantes.

Porén, a decisión tómase o domingo día 7, ó se coñecer os altercados de Asturias e as manifestacións en Madrid organizadas pola “Falange” convocándose a folga xeral na Arousa para o día 8 coas seguintes instruccións por parte do presidente dos socialistas, José Búa: “...con non deixar ir ás mulleres á fábrica  chega. Non é preciso nin pedradas nos cristais, nin tirar os efectos das empresas...”, palabras que non deixan lugar a dúbidas sobre a intención pacífica da convocatoria.


Juanito de Luisa na súa taberna do Nicho
A PROCLAMACIÓN DE INDEPENDENCIA:
A decisión estaba tomada, así que, concluída a asemblea, os asistentes rematan o día na taberna de Juanito de Luísa, “O Nicho”, onde entre a quentura do debate político, e a axuda dalgunha que outra chiquita de viño, disque o propio taberneiro  lanzou a audaz proposta da proclamación da "República Federal da Illa de Arousa", remedando o acontecido en Catalunya coa proclamación do Estat Catalá por Luis Companys, e argumentando para tan drástico desenlace os agravios sufridos polo pobo Carcamán, consecuencia do secular abandono ó que xa daquela se atopaban sometidos e esquecidos dende sempre por todalas institucións, prendendo neles deste xeito a mecha das ansias liberadoras no medio das rondas de "viñaso" coas que regaban xenerosamente o enxebre evento, sendo de supor que có agrado da caixa rexistradora do apaixoado anfitrión.

Por aclamación popular da “acalorada”e entusiasmada audiencia, a proposta resultou aprobada, polo que Segundo Nine, outro dos destacados asistentes ó histórico momento, colleu un anaco de papel de estraza do mostrador e preparou lixeiriño a lista có Goberno Provisional do recén creado Estado Arousán,  lista da que por desgraza non se conserva copia, aínda que se coñecen algúns dos nomeamentos:

PRESIDENTE: Santiago Otero Pouso “Pajares”; XUSTIZA: Andrés Mougán Cores “Tormenta”; GOBERNACIÓN: Manuel Iglesias Dios; FACENDA: Demetrio Ramos Lojo; CULTURA: Luis de Saa Bravo.
"solemne" Proclamación de Independencia na taberna do Nicho, o 7-10-1934

Pouco adiviñaban os flamantes “deputados constituíntes” do neonato Estado Independente a evolución que iban a coller os acontecementos, coas desproporcionadas actuacións coas que as autoridades ían reprimir este inofensivo evento típicamente tabernario, elevándoo á categoría de conspiración secesionista froito das pantasmas que as autoridades xa albiscaban por tódolos currunchos ante o apodrecemento da situación política que se estaba a experimentar nos últimos tempos no país.


A RESPOSTA DA AUTORIDADE:
Ó abrente do día da folga, 8 de Outubro, prodúcese o estoupido dunha bomba, preto (casualidade?) da ferretería propiedade de José Búa no Cruceiro, sen que se chegase a coñecer ós autores do atentado e provocando que á media mañá arribara ó Cantiño, -que aínda non tiña peirao- o gardacostas “Apal” cunha dotación de Gardas de Asalto disposta a poñer freo a tanto atrevimento por parte dos audaces Carcamáns o día anerior.

Guardia de Asalto e G.Civil durante un rexistro
Antes de desembarcar en terra, os Gardas comezan a disparar ó aire “para despejar el Cantiño, que se hallaba invadido de isleños” (xornal Galicia Nueva, de Vilagarcía) podendo comprobar unha vez en terra que o paro na Illa era completo, os mariñeiros quedaran en terra e nas fábricas de conserva a actividade era nula.

Oficialmente asegurouse que estas accións das forzas de seguridade formaban parte dunha especie de “rutina” de control en tódolos pobos da zona con motivo da folga xeral. Porén, polas súas esaxeradas accións na Illa esa versión semella mais ben un pretexto para a represión, pois non entraran en todolos pobos e aldeas da zona “a tiro limpo” nin fixeran cacheos ós habitantes como fixeron na Arousa, buscando persoas concretas entre os veciños. A explicación mais lóxica foi aquela que os nosos paisanos sabían e gardaban para sí, pois estes gardas de asalto desembarcaron na Illa coñecedores xa da famosa lista e buscando e prendendo ós que puderon, sospeitando que tal información fora facilitada por certos elementos falanxistas entre os propios veciños, coñecedores como eran do evento da reunión do Nicho.

          Pois ben, o resultado foi que como consecuencia deses cacheos, atoparon no peto de Segundo Nine o xa mítico papel de estraza coa lista do Goberno Provisional, polo que inmediatamente detuvéronos a él e a doce mais. Froito desta orxía represiva, ata foron arrestados os campaneiros que durante a mañán tocaron as campás da Igrexa para convocar ós veciños, asegurando as autoridades que o fixeran para denunciar as detencións que se estaban a producir, infundio coma aqueloutro que se estendeu e que con algún interés oculto se deixou caer, como fora o de que "se  asaran sardiñas no altar da Igrexa", cousa que nunca foi confirmada, pero que, fose ou non fose certa, era aproveitada polos mesmos de antes, semellando a busca dunha excusa que dalgún xeito os autorizase a levar a termo os terribles actos dun par de anos mais tarde, amparados polo poder fascista durante a guerra civil.  Para rematar a actuación, tódolos arrestados foron conducidos ó embarcadoiro do Faro, e trasladados a Vilanova no gardacostas “Tritón”, e dalí a Pontevedra nun camión da propia Garda de Asalto.

Gardapesca "Contramaestre Castelló"
Semellaba que o asunto quedaba conxurado, mais a historia non rematou aínda, pois ó día seguinte, martes-9 de outubro estoupa no Regueiro outra bomba de anónimo autor provocando que o mercores-10 voltara o xa coñecido “Tritón” esta vez acompañado polo gardacostas “Castelló”. As forzas adícanse a rexistrar as casas de moitos veciños buscando uns cargamentos de explosivos procedentes de Portugal dos que recelaban que foran camuflados no medio da leña que daquela traían embarcada dende Cesures e Catoira para as fábricas da Illa.

Aínda que os rexistros non deron resultado positivo, as consecuencias desta nova "visita" foron novos arrestos, entre os que agora figuraba o Presidente da República Arousán, “Pajares” que durante o primeiro asalto agochouse por medo ás represalias, entregándose voluntariamente agora ós gardas por considerar que non cometera delicto ningún.

De tódolos xeitos, o sábado 13 de Outubro tódolos detidos foron postos en liberdade, có que o asunto non collería xa mais erráticas evolucións, polo menos de xeito inmediato, polo que aquí remataron os feitos acontecidos, ós que sigueu a correspondente:


A INSTRUCCION XUDICIAL:
Para nonos estender excesivamente có relato, cabe por último destacar o penoso papel exercido polo daquela Alcalde de Vilanova, D.Aurelio Mouriño nun escrito no que responde de xeito verdadeiramente infame á solicitude de información por parte do Xuiz Instructor da causa, exercendo a modo de “informador” sobre as ideas políticas (ollo, non actividades delictivas, senon ideas políticas) de algúns dos veciños involucrados nos sucesos. Sirva o seguinte extracto de exemplo:

Santiago Otero Pouso "Pajares"

José Búa Laredo
“... José Búa de profesión albañil se dedica continuamente a sembrar ideas comunistas.
Santiago Otero (a) Pajares que hace poco llegó de America hace profesión de ideas extremistas que aconsejan a sus convecinos...
(segue a lista) ...se significan constantemente como propagandistas de ideas comunistas de las que hacen alarde...”  

Resulta evidente que no mundo de hoxe sería inconcebible que os responsables dunha institucion pública se adicasen a proporcionar información persoal tan subxectiva e sensible sobre as actividades privadas ou ideas persoais de calquera veciño. Pero en fin, aquel era o mundo que era, e xa coñecemos como por desgraza rematou.

Dous capitáns de artillería foron os encargados da defensa dos acusados no consello de guerra do 3 de marzo do 1935 na Escola Naval de Marín, xuizo que rematou có sobreseimento definitivo da causa.

Ata aquí chegamos con esta nova aprosimación a estes remarcables feitos que aconteceron nunha complicada época de grandes transformacións sociais ós que a nosa Illa non foi allea, e aínda foi quén de lle imprimir unha identidade diferenciada á historia, o que consideramos que, sexa cal sexa o punto de vista dende o que se mire, debería enorgullecernos a todos por se tratar dese xeito de conducirnos tan peculiar ás veces, có que para ben ou para mal, continuamos a guiar á nosa comunidade cara ó futuro.


Fin.     O noso agradecemento pandulleiro a Xoan Dopico e Xosé Lois Vila pola impagable fonte de información da que nos proveen no seu libro “Historia da Illa de Arousa” que foi no que se cimentou este relato o cal agardamos que alomenos resultase levadeiro pra quén tuvo o mérito chegar ata éste remate final.



4 comentarios:

  1. Muy interesante.:)

    ResponderEliminar
  2. Non contades toda a historia cómo pasou, porque despois de poñerenos en liberdade, os propios veciños fóronse encargando de executar, sí, executar, un por un a eses pobres incautos, que nada fixeran. A un matarono no campanario da iglesia despois de se agachar alí, a outro deronlle unha tunda e tirarono ó mar, e cómo veu dar á plaia, encheronlle a barriga de pedras e tirarono de volta ao mar, e outro, que se salvou gracias a que a súa familia o agachou durante anos nun zulo debaixo da cociña, e dos demáis non teño constancia dos feitos, así que non seamos hipócritas e non dicir que a cousa non quedou en nada,moitas familias sufriron por esa dichosa broma

    ResponderEliminar
  3. Todos sabemos que se producíron esas tremendas represalias, pero tamén é certo que aconteceron dous anos despois, no contexto da represión do bando franquista durante a guerra civil. Crémos que iso pode ser tratado nun próximo relato.

    ResponderEliminar
  4. Pois encantaríame que fixerades un relato sobre o acontecido, pois eu non entendo de fechas, só sei o que pasou, xa q o q encabezaba a lista era meu bisabuelo e o q podo dicir é que a familia sufreu moito,xa q non lle botaron huevos como din en moitos comentarios, simplemente estaban pasando o tempo na taberna e non era a súa intención facer revolución ningunha. Gracias

    ResponderEliminar

>>> Pódeste expresar libremente, só limitaremos o conteúdo ó obrigatório respecto que todos nos merecemos.